Pasar al contenido principal

A produción ecolóxica, a enerxía que move ao Campus Terra

A produción ecolóxica, a enerxía que move ao Campus Terra
A produción ecolóxica, a enerxía que move ao Campus Terra
A USC asina un convenio co CRAEGA para colaborar no desenvolvemento de distintas actividades divulgativas e de formación
Lugo

Seguro que máis dunha vez, cando tiñas menos anos, tiveches entre as túas mans un pequeno muíño de vento e soprabas e soprabas para mover as súas aspas. Ou xogabas a facer pompas de xabón e enchías a túa boca de aire para expulsalo con todas as túas forzas e conseguir crear moitas e que chegaran ben lonxe.

 

Desta mesma forma é como se move o Campus Terra pero, no canto de empregar a enerxía do vento, impúlsase coa ecoloxía e a sostibilidade. Un dos seus recentes empurróns vén da man do novo acordo asinado entre a USC e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). A través del, ambas partes van colaborar no desenvolvemento de programas de divulgación, asesoramento e formación de persoal técnico e investigador.

 

Durante a súa xuntanza en Lugo, o reitor da USC, Antonio López Díaz, e mais o presidente de CRAEGA, Francisco López Valladares, propuxeron como obxectivo principal a creación dun marco xeral de actuacións entre as dúas entidades. Grazas á súa aplicación daranlle un novo pulo ás producións ecolóxicas en Galicia coa promoción de actividades culturais, pedagóxicas, científicas e de I+D.

 

Unha comisión mixta integrada polo director da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, Tomás Cuesta, e o secretario do CRAEGA, Javier García Lozano, será a encargada de supervisar o seu correcto funcionamento durante alomenos catro anos, aínda que o convenio poderá prorrogarse por acordo expreso das partes.

 

Ao igual que a ecoloxía move ao Campus Terra, tamén o fai con CRAEGA, pois este órgano goza xa de 32.055 hectáreas de superficie dedicadas á produción deste tipo, o que implica un incremento do 126% ao longo da última década. Neste senso, a provincia de Lugo concentra máis da metade delas, cun 52,6%.

 

A suma das forzas de ambas as dúas institucións supón un gran impulso para o alumnado da USC, quen vai poder realizar as súas prácticas nas empresas adscritas ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Ademais, o devandito convenio vai permitir que o Campus Terra continúe a avanzar no pulo ao sector primario e, ao mesmo tempo, fomentar a innovación e modernización da produción.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.