O profesor da University of Natural Resources and Life Sciences de Viena Christoph Winckler imparte un curso de capacitación no Campus Terra
O grupo de investigación CTLeite (GI-1948 - Produción, Calidade e Tecnoloxía do Leite e outros Alimentos) organiza o curso de capacitación no protocolo Welfare Quality® impartido polo profesor da University of Natural Resources and Life Sciences de Viena, Christoph Winckler, que terá lugar no Campus Terra entre os días 24 e 26 de outubro.
O Cebiovet, centro de apoio ao progreso das Ciencias Veterinarias e Biomédicas situado na Facultade de Veterinaria do Campus Terra, acollerá este curso no que se afondará no Welfare Quality®, protocolo que trata da integración do benestar animal na cadea alimentaria. A día de hoxe, este é un dos poucos protocolos revisados e recoñecidos para a certificación do benestar animal en granxas de vacún leiteiro.
O curso impartirao Christoph Winckler, profesor do departamento de sistemas gandeiros sustentables na Universidade BOKU en Viena (Austria). Winckler foi un dos membros fundadores da plataforma Welfare Quality ® en Europa e é o encargado da realización dos cursos de capacitación en Welfare Quality ®.