O programa de emprendemento ‘Explorer, mozos con ideas’ amplía o seu prazo de inscrición ata o 19 de decembro
‘Explorer, mozos con ideas’, o programa de emprendemento promovido por Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendemento, dirixido a homes e mulleres de entre 18 e 31 anos, amplía o seu prazo de inscrición ata o 19 de decembro de 2018, a cal pode formalizarse premendo nesta ligazón.
O xa consolidado programa ‘Explorer’ ofrece durante cinco meses formación en emprendemento e últimas metodoloxías (lean startup, innovación, xestión empresarial, etc) impartidas polo pool de expertos do programa, unha rede da que forman parte máis de 200 profesionais.
Os mentores da rede de empresarios Explorer guiarán aos participantes e farán seguimento dos seus proxectos, achegándolles a súa valiosa experiencia na creación de negocios. O mellor proxecto de cada Explorer Space pasará unha semana en Silicon Valley visitando empresas punteiras xunto a outros gañadores Explorer e optará a 60.000 euros en premios; ademais do Woman Explorer Award (dotado con 20.000 euros) e o Disruptive Technology Explorer Award (3.000 euros).
O USC Lugo Space está situado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) do Campus Terra. O centro, que conta co apoio local da USC e a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía Emprego e Industria da Xunta de Galicia, pon a disposición dos emprendedores, espazos físicos (sala Space e espazo coworking) para desenvolver as súas ideas e recibir asesoramento e formación, tanto presencial como virtual, así como para o traballo colaborativo.
As actividades deste centro Space intégranse no programa de emprendemento da USC que conta como principais axentes coa Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (OTRI), con sede local no Edificio Cactus do campus e coa Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais, UNINOVA (Incubadora da USC).