O reitor e o equipo de goberno do campus de Lugo reúnense co presidente da Comisión Asesora Externa do Campus Terra
O reitor da USC Antonio López, a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo Montserrat Valcárcel, a súa adxunta para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e o adxunto para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, mantiveron unha reunión de traballo o pasado mércores 13 de marzo, co presidente da Comisión Asesora Externa do Campus Terra e catedrático da Universidade de Barcelona, Màrius Rubiralta.
O obxectivo do encontro, celebrado na Reitoría da USC, é definir o plan de acción que o Campus Terra vai desenvolver nos vindeiros exercicios para afondar no seu proceso de especialización e convertelo nun referente no eido agroalimentario.
A reunión, na que tamén estiveron presentes a vicerreitora de Titulacións da USC, María Victoria Otero Espinar, e o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, serviu tamén como punto de partida para preparar a visita que en próximas datas a Comisión Asesora Externa do Campus Terra realizará á cidade de Lugo, campus que non visitan dende maio de 2016.
A Comisión Asesora Externa está integrada por destacas figuras dentro do ámbito de especialización do Campus Terra e está presidida polo creador do Campus da Alimentación da Universidade de Barcelona, Màrius Rubiralta.