Últimos días para formalizar a inscrición no encontro 'A Xestión Cultural a debate'
O encontro 'A Xestión Cultural a debate', organizado pola Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo e pola Facultade de Humanidades, baixo a dirección dos profesores Carme Silva Domínguez e Gonzalo Francisco Fernández Suárez, mantén aberto ata o vindeiro 22 de xaneiro o prazo para a formalización de inscricións premendo nesta ligazón.
Destinado a alumnado, PDI e PAS da USC, profesionais do eido da cultura e público en xeral, este encontro celebrarase na Facultade de Humanidades os días 30 e 31 de xaneiro, así como o 1 de febreiro de 2019. Froito dos contactos que a Facultade de Humanidades do Campus Terra estableceu con outros centros de ensino que imparten titulacións de grao no ámbito da Xestión e Comunicación Cultural xorde agora o encontro 'A xestión cultural a debate', no que xunto ás Universidades de Córdoba, Huelva e Girona, afondarase en diversos aspectos relacionados coas titulacións dese eido: as súas relacións cos ámbitos humanísticos clásicos, as novas necesidades formativas dos seus docentes, os seus espazos propios de investigación, as características específicas dos seus Traballos Fin de Grao, os procesos de fomento da empregabilidade dos egresados, etc. O encontro complétase cun monográfico en deseño e organización de eventos.
Consulta o programa completo do encontro.