Os viñedos, as novas aulas do Campus Terra
Tan só queda pouco máis dun mes para esa celebración que tanto presta, na que comemos unha uva con cada campá que soa para darlle a benvida ao novo ano. No Campus Terra temos claro que, ademais do seu poder da sorte, esta froita tamén goza de ser o foco onde cada ano fixa a súa ollada o alumnado da EPS de Enxeñaría da USC co fin de converter a viticultura na súa especialidade.
Neste senso, foron as persoas estudantes do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e do mestrado en Enxeñaría Agrónoma as protagonistas do achegamento ao mundo da xestión dos viñedos, da produción de viño e tamén da comercialización da uva.
O inicio da súa ruta vén marcado polas visitas realizadas a explotacións vinícolas, produtores particulares ou adegas representativas, como é o caso de Viña Costeira, con sede en Ribadavia, e cuxas instalacións reciben cada outono a unha delegación estudantil procedente do Campus de Lugo e encabezada polo docente Julián García Berrios.
Grazas a estes encontros de carácter práctico e experimental, o alumnado conta coa oportunidade de descubrir dende o seu interior a realidade do viño e de coñecer as técnicas de xestión e planificación dos viñedos e as tecnoloxías aplicadas. Igualmente, outra sorte é poder afondar máis nas diversas circunstancias que lle afectan á uva dende a propia plantación ata a posterior elaboración e comercialización dos viños.
Non hai dúbidas de que este sector ten un peso económico ben importante, ao tempo que constitúe unha saída laboral natural na enxeñaría agronómica. É por isto mesmo que este tipo de actividades son esenciais para mellorar a capacitación dos e das futuras profesionais neste eido en concreto.
Neste punto, e cun obxectivo semellante, a Comisión de Normalización Lingüística da EPSE da USC vén de organizar unha expedición enoturística pola comarca de Chantada. Ao longo da xornada, as 40 persoas participantes, cuxo número de inscricións duplicou as prazas ofertadas, percorreron distintas adegas situadas nas ribeiras do río Miño, como Scintilla, Amedo e Sabatelius.
E é que no Campus Terra sabemos que camiñar polo chan da viticultura non só supón gozar da sorte, senón tamén da enerxía que impulsa con moita forza – e un bo sabor- ao sector primario.