Os Xantares Biocientíficos de BioReDes achéganse ao emprendemento innovador no sector alimentario
A Agrupación Estratéxica do Campus Terra da USC, BioReDes, organiza na Facultade de Ciencias unha nova edición dos seus ‘Xantares Biocientíficos’ este venres 12 de xullo, a partir das 13.00h, dedicada ao emprendemento innovador no sector agroalimentario.
Ángeles Romero, catedrática da USC e directora da Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha, moderará unha mesa redonda na que tomarán parte diferentes relatores vinculados á Business Factory Food, a cal conta con dous programas deseñados para o impulso de proxectos en función do grao de desenvolvemento dos mesmos, desde a idea inicial co programa de aceleración, ata o afianzamento das vendas co programa de consolidación.
Javier Álvarez Osuna da Clúster Alimentario de Galicia e coordinador da Business Factory Food; José Manuel Núñez Torre, conselleiro delegado en Torre de Núñez, empresa tractora da Business Factory Food; e Pablo López Gutiérrez, promotor do proxecto Essence Food, seleccionado na primeira edición de aceleración da Business Factory Food, tomarán parte nesta mesa redonda.
Tralo acto, os e as asistentes poderán gozar duns petiscos por cortesía de Panadería da Cunha. A finalidade dos ‘Xantares Biocientíficos’ impulsados pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra é precisamente a de fomentar o intercambio de ideas nun clima distendido tomando como punto de partida unha conferencia ou mesa redonda centrada nos eixos estratéxicos de BioReDes.