Pasar al contenido principal

A Xunta sitúa a Pemade como referente internacional no uso eficiente e sustentable da madeira

A Xunta sitúa a Pemade como referente internacional no uso eficiente e sustentable da madeira
A Xunta sitúa a Pemade como referente internacional no uso eficiente e sustentable da madeira
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, visitou este luns a Plataforma da Enxeñaría da Madeira Estrutural Pemade, plataforma tecnolóxica do Campus Terra...
Lugo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, visitou este luns a Plataforma da Enxeñaría da Madeira Estrutural Pemade, plataforma tecnolóxica do Campus Terra da USC que leva a cabo proxectos centrados no uso eficiente da madeira e aplicados ao urbanismo sustentable, á construción de edificios en madeira eficientes desde o punto de vista enerxético e ao desenvolvemento de elementos en madeira para a edificación de baixo consumo, onde Conde sinalou a importancia de que a I+D+i sexa un complemento específico para que o sector poida medrar e para que o faga desde un punto de vista sustentable.

 

Ao respecto, o conselleiro puxo como exemplo o traballo que realiza Pemade, referente a nivel nacional e internacional, que se constituíu hai 11 anos nos que leva formado a máis de 200 alumnos e alumnas. De feito, Galicia, xunto con Madrid e País Vasco, é a terceira comunidade que dispón dun laboratorio destas características, que está acreditado pola Enac para facer este tipo de estudos. Conde apostou pola madeira estrutural como un referente de cara ao futuro.

 

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que un dos retos da Administración autonómica é impulsar o crecemento de Galicia no eido forestal, apoiando a innovación tecnolóxica entre as empresas que o conforman e a modernización das súas infraestruturas. Indicou, ao respecto, que o forestal é un sector estratéxico na comunidade galega, lembrando que conta co recurso e cunha industria de primeira e segunda transformación, polo que é preciso apostar, como elemento diferenciador, polo coñecemento, a través da Universidade e os centros tecnolóxicos, para favorecer a súa modernización. “É importante xerar valor a partir do recurso apostando pola innovación”, engadiu. Conde subliñou, ademais, a importancia da colaboración da industria co coñecemento para ofrecer solucións innovadoras.

 

Para rematar, o conselleiro asegurou que se a industria forestal vén de marcar un récord histórico en exportacións en 2018 e un récord histórico no que respecta ao volume de corta de madeira é porque as empresas e os centros tecnolóxicos están a facer un esforzo por ser máis competitivos.

 

Xerar valor engadido

A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e Pemade habilitarán nas propias dependencias de Pemade, localizadas na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, un espazo que contribúa a xerar valor engadido á madeira procedente de especies forestais galegas. O director de Xera, José Ignacio Lema, avanzou esta inminente iniciativa no marco da primeira visita realizada polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, ás instalacións de Pemade. O director da plataforma, o tamén catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal Manuel Guaita, adiantou tamén a próxima posta en marcha dunha unidade mixta en colaboración con Fimsa que estará emprazada nos espazos contemplados na ampliación das actuais instalacións de que dispón Pemade coa incorporación dunha nova nave.

 

O vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, así como o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta, entre outros docentes, investigadores, e demais persoal do Campus Terra, tamén participaron nesta visita técnica ás instalacións de Pemade. O percorrido congregou no Campus Terra a unha ampla representación política, na que figura o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e tamén representantes da industria forestal, da Administración, así como profesores e investigadores doutras universidades coas que colabora Pemade.

 

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.