Pasar al contenido principal

XuvenCiencia clausura as súas V Xornadas para Profesorado

XuvenCiencia clausura as súas V Xornadas para Profesorado
XuvenCiencia clausura as súas V Xornadas para Profesorado
As V Xornadas XuvenCiencia para Profesorado foron clausuradas o pasado venres 22 de marzo, na Facultade de Veterinaria da USC, logo de formar a medio centenar de docentes de Ensino Medio que puideron...
Lugo

As V Xornadas XuvenCiencia para Profesorado foron clausuradas o pasado venres 22 de marzo, na Facultade de Veterinaria da USC, logo de formar a medio centenar de docentes de Ensino Medio que puideron afondar na práctica investigadora permitíndolles aprender a manexar kits educativos que despois poderán empregar nas súas clases.

 

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, a directora do CFR de Lugo, María Teresa González Rodríguez, e a coordinadora de XuvenCiencia Mercedes Novo, interviron nesta derradeira xornada, na que despois das tres sesións anteriores, consistentes en obradoiros de experimentación e de análise de datos cos kits XuvenCiencia, fíxose unha posta en común das actividades realizadas polo profesorado nos seus centros. Neste senso, os e as asistentes puideron tratar aspectos máis específicos de cada un dos kits na primeira parte da xornada e aspectos xerais das actividades, con todo o profesorado, nunha segunda parte.

 

OS KITS

O Kit Vitroplant ‘Multiplicación de árbores por cultivo in vitro’ inclúe actividades educativas para iniciarse no cultivo in vitro de árbores. O Kit Animal CSI ‘Iniciación ao diagnóstico veterinario’ aspira a que os estudantes se inicien na anatomía e na bioloxía celular e adquiran competencias científicas básicas mediante a realización de técnicas de investigación habituais.

 

Pola súa parte, ‘Luz, cor e vida (Kit Photonics Explorer)', desenvolvido no proxecto europeo GoPhoton!, inclúe experimentos con luz e ten sido empregado por máis de 230.000 estudantes na Unión Europea; mentres que ‘Sensores de medida de humidade no solo’ (Kit AquaLab) baséase na realización dun balance hídrico moi sinxelo no solo dunha maceta.

 

Finalmente, ‘Protagoniza a túa historia! Fontes orais e ciencia’ (Kit RescueMe), está centrado no rexistro exhaustivo de memoria, isto é, a recollida e recuperación de testemuños e vivencias que aporten datos significativos ao coñecemento histórico e cultural.

 

 

Os e as inscritos/as proceden de centros situados nas localidades de A Guarda, Baralla, Becerreá, Burela, Cambre, Carballo, Ferrol, Guntín, Lalín, Lugo, Monforte de Lemos, O Porriño, Oleiros, Ortigueira, Ponteareas, Pontevedra, Quiroga, Rábade, Redondela, Salvaterra do Miño, Santiago de Compostela, Vigo, e Vilagarcía de Arousa. De todos eles, preto do 90% proceden de centros públicos.

 

As V Xornadas XuvenCiencia para profesorado son parte do Proxecto “XuvenCiencia - Fago, logo aprendo” que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (FECYT). Este proxecto ten como obxectivo fundamental achegar a metodoloxía e a práctica investigadora ao alumnado de secundaria e bacharelato a través de kits de experimentación desenvolvidos por investigadores da universidade e baixo a titorización do profesorado de ensino medio, que conta co apoio do profesorado universitario.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.