Pasar al contenido principal

XuvenCiencia forma a máis de medio centenar de profesores de Ensino Medio na práctica investigadora

XuvenCiencia forma a máis de medio centenar de profesores de Ensino Medio na práctica investigadora
XuvenCiencia forma a máis de medio centenar de profesores de Ensino Medio na práctica investigadora
As V Xornadas XuvenCiencia para Profesorado botaron a andar este venres 19 de outubro coa participación de máis de cincuenta docentes de Ensino Medio que recibiron formación na práctica investigadora...
Lugo

As V Xornadas XuvenCiencia para Profesorado botaron a andar este venres 19 de outubro coa participación de máis de cincuenta docentes de Ensino Medio que recibiron formación na práctica investigadora que lles permitirá aprender a manexar kits educativos que despois poderán empregar nas súas clases.

 

A recepción dos participantes realizouse na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, acto inaugural no que ademais da coordinadora de XuvenCiencia Mercedes Novo, tamén estivo presente a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e o coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC en Lugo, Francisco Javier López. Trala presentación inicial, os e as asistentes repartíronse polas Facultades de Veterinaria, Ciencias, Humanidades e Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, dependendo do tipo de kits nos que decidiron formarse.

 

Os kits

O Kit Vitroplant ‘Multiplicación de árbores por cultivo in vitro’ inclúe actividades educativas para iniciarse no cultivo in vitro de árbores. O Kit Animal CSI ‘Iniciación ao diagnóstico veterinario’ aspira a que os estudantes se inicien na anatomía e na bioloxía celular e adquiran competencias científicas básicas mediante a realización de técnicas de investigación habituais.

 

Pola súa parte, ‘Luz, cor e vida (Kit Photonics Explorer)', desenvolvido no proxecto europeo GoPhoton!, inclúe experimentos con luz e ten sido empregado por máis de 230.000 estudantes na Unión Europea; mentres que ‘Sensores de medida de humidade no solo’ (Kit AquaLab) baséase na realización dun balance hídrico moi sinxelo no solo dunha maceta.

 

Finalmente, ‘Protagoniza a túa historia! Fontes orais e ciencia’ (Kit RescueMe), está centrado no rexistro exhaustivo de memoria, isto é, a recollida e recuperación de testemuños e vivencias que aporten datos significativos ao coñecemento histórico e cultural.

 

Ademais desta sesión inicial, o profesorado de Ensino Medio recibirá formación en outras tres sesións que terán lugar os venres 26 de outubro, 18 de xaneiro e 22 de marzo en horario de 17.00 a 21.00h

 

Os e as inscritos/as proceden de centros situados nas localidades de A Guarda, Baralla, Becerreá, Burela, Cambre, Carballo, Ferrol, Guntín, Lalín, Lugo, Monforte de Lemos, O Porriño, Oleiros, Ortigueira, Ponteareas, Pontevedra, Quiroga, Rábade, Redondela, Salvaterra do Miño, Santiago de Compostela, Vigo, e Vilagarcía de Arousa. De todos eles, preto do 90% proceden de centros públicos.

 

 

As V Xornadas XuvenCiencia para profesorado son parte do Proxecto “XuvenCiencia - Fago, logo aprendo” que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (FECYT). Este proxecto ten como obxectivo fundamental achegar a metodoloxía e a práctica investigadora ao alumnado de secundaria e bacharelato a través de kits de experimentación desenvolvidos por investigadores da universidade e baixo a tutorización do profesorado de ensino medio, que conta co apoio do profesorado universitario.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.