XuvenCiencia participa na asemblea xeral da ‘European Children's Universities Network’
Mercedes Novo, coordinadora do grupo de investigación XuvenCiencia do Campus Terra da USC, o cal contribúe á divulgación da ciencia e da tecnoloxía na sociedade, especialmente entre o alumnado preuniversitario, vén de participar por primeira vez na asemblea xeral da European Children's Universities Network EUCU.NET celebrada en Viena os días 17 e 18 de xaneiro.
Este foro internacional, un dos máis relevantes no seu eido de actuación, atópase integrado polas máis prestixiosas iniciativas dirixidas a alumnado preuniversitario. Denominadas universidades ‘Junior’, estes eventos están destinados a nenos e nenas a través da integración de conferencias, obradoiros ou demostracións relacionadas coa ciencia, encamiñadas a espertar vocacións científicas, e das que o Campus Científico de Verán XuvenCiencia, que en 2019 chegará á súa sétima edición, constitúe un claro exemplo. Xunto a Novo, tamén representou a XuvenCiencia a profesora da Facultade de Veterinaria, Marta López Alonso.
Unha mesa redonda sobre educación inclusiva precedeu á celebración desta asemblea de EUCU.NET, financiada pola Comisión Europea, e na que Novo deu a coñecer non só o campus científico que cada ano acolle en Lugo a 150 mozos e mozas, senón tamén as xornadas ‘XuvenCiencia para profesorado’, que andan xa pola súa quinta edición, e nas que docentes de Ensino Medio reciben formación na práctica investigadora que lles permite aprender a manexar kits educativos que despois poderán empregar nas súas clases.
O grupo de investigación XuvenCiencia forma parte desta rede dende hai varios anos pero a presenza da súa coordinadora por vez primeira na asemblea xeral de EUCU.NET contribúe a establecer sinerxías con outras universidades da contorna internacional de cara a deseñar proxectos futuros.