Pasar al contenido principal

Ciclo de conferencias sobre o financiamento da carreira investigadora

Xornada sobre Convocatorias de Persoal Investigador da Axencia Estatal de Investigación (AEI)

02.11.2022 | 15.30h-19.30h

A subdirectora Xeral Adxunta de Recursos Humanos para Investigación da AEI abre o mércores no edifico Cactus de Lugo o programa de asesoramento sobre a carreira científica, mentres que o investigador serbio tratará o xoves en liña sobre as oportunidades para investigar que ofrece Europa e Estados Unidos

Edificio Cactus de Lugo
Edificio Cactus de Lugo

A subdirectora Xeral Adxunta de Recursos Humanos para a Investigación da Axencia Española de Investigación (AEI), Bárbara Alcocer, e o investigador postdoutoral da Universidade de Münich, Marco Popovic, participan esta semana como relatores no programa de relatorios promovido desde o Campus Terra da USC para avanzar na formación dos seus investigadores, así como para ampliar os seus coñecementos respecto da carreira investigadora e das oportunidades de financiamento público e privado ás que poden acceder.

Bárbara Alcocer abrirá este mércores 2 de novembro este ciclo sobre financiamento da carreira investigadora, a partir das 15.30 horas, no edificio Cactus do Campus de Lugo, cun relatorio a través do que trasladará aos investigadores predoc e postdoc do Campus Terra e do conxunto da USC as distintas vías de financiamento de persoal de que dispón a Axencia Estatal de Investigación (AEI), a fin de favorecer a participación dos futuros científicos nas convocatorias habilitadas.

A intervención de Alcocer, á que seguirá un coloquio cos investigadores presentes, terá continuidade cunha breve exposición a cargo da delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera. A xornada, coordinada por César Pérez Cruzado e  Ana Manuela Azevedo, xunto coa agrupación de investigadores do Campus Terra da USC AgroMar, chegará ao seu colofón cunha mesa redonda na que intervirán revisores e beneficiarios das convocatorias de persoal da Axencia Estatal de Investigación.

Marko Popovic

O investigador postdoutoral serbio da Universidade de Münich Marko Popovic participará o xoves, a partir das 16.30 horas, nesta acción formativa do Campus Terra da USC orientada a favorecer a carreira científica dos investigadores, a través dunha sesión en liña na que tratará as oportunidades de desenvolver unha carreira científica en Europa e en Estados Unidos.

Na súa intervención, que se desenvolverá en liña a través da ligazón xa habilitada na plataforma Teams, Marko Popovic compartirá co público conectado datos prácticos sobre como enfocar a súa carreira investigadora a nivel internacional, desde a súa perspectiva e experiencia persoal e profesional.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.11.2022.