Alumnado do mestrado en enerxías renovables, cambio climático e desenvolvemento sustentable participa no desenvolvemento de Comunidades de Impacto
Un equipo do Mestrado en enerxías renovables, cambio climático e desenvolvemento sustentable (MERYCSE) participa dende comezos de outubro en Viveiro no desenvolvemento do proxecto ‘Comunidades de Impacto. Prototipo Viveiro’, unha iniciativa que busca contribuír á rexeneración territorial dende a participación cidadá. O equipo do mestrado, encabezado polo seu coordinador, o profesor José A. Rodríguez Añón, desprazouse a Viveiro para realizar unha primeira toma de contacto coa cidadanía da localidade, recadando información necesaria para a realizar un estudo exhaustivo das necesidades e retos presentes no territorio.
Comunidades de Impacto é un proceso que detecta os desafíos sistémicos aos que se enfrontan os territorios e os usa como reto para buscar en comunidade solucións innovadoras, escalables e adaptadas aos distintos contextos. O proxecto implementado a través da Axencia Prato_DO realca a necesidade de atender o reto de como activar a comunidade para que o territorio da Mariña consiga ser un novo modelo de cidade rural-urbana baseando o seu crecemento no desenvolvemento sustentable. A USC, a través de Campus Terra e a Vicerreitoría de Titulacións, é unha das institucións promotoras xunta coa Axencia Prato_DO e Luis Madrid, creador da metodoloxía.
Para a realización do traballo de campo, o alumnado preparou enquisas sobre temáticas variadas (do ámbito social, industrial, tecnolóxico ou ambiental) para poder recompilar e comprender o maior volume de información posible sobre a cidade e as súas necesidades. Unha vez finalizado este labor de campo aplicando a metodoloxía do proxecto comezaron a analizar as respostas obtidas na busca das coincidencias máis habituais. O equipo agarda poder estender esta experiencia a máis localizacións da comarca coa intención de desenvolver un proxecto máis ambicioso a escala incluso provincial.