Unha cartografía recolle as experiencias relacionadas coa creación e transmisión musical das mulleres migrantes en Galicia
O proxecto ‘Mulleres á fronte dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música’ está a trazar unha cartografía das mulleres migrantes relacionadas coa música e outras artes en Galicia. En concreto, o consorcio liderado pola USC inspírase na experiencia do grupo de mulleres de orixe caboverdiana ‘Batuko Tabanka’ de Burela, e na potencialidade do xénero musical do batuko, tradición cultural na illa de Santiago, onde existen decenas de grupos de mulleres unidas pola súa práctica.
“O propio nome é unha chiscadela de ollo á famosa expresión ‘Girls to the front!’, coa que cristaliza o movemento de punk feminista riot grrrl durante os anos noventa, unha chamada a que as mulleres ocupen os escenarios e a parte frontal nos concertos, de onde en tantas ocasións tiñan sido apartadas e desprazadas”, explica a antropóloga e profesora da Facultade de Humanidades do Campus Terra de Lugo, Luzia Oca González. A investigadora coordina na USC este proxecto, financiado pola Cooperación Galega, e que tamén conta coa participación de UDC, UVigo e a ONG Ecos do Sur. Estas experiencias están a servir como referencia para identificar entre o colectivo de mulleres migrantes en Galicia, aquelas relacionadas coa creación e transmisión musical e outras artes escénicas.
“Trátase dunha investigación aplicada en materia de cooperación ao desenvolvemento que pon o foco nas mulleres vinculadas coa música e outras artes escénicas, con base na potencialidade das artes en canto ferramentas de intervención para a transformación social”, explica a profesora Oca González. Baixo esta premisa, o proceso investigador e de intervención contempla unha primeira fase de “mapeamento” que se desenvolve en simultáneo en Cabo Verde e Galicia e que conta cunha páxina web na que as persoas interesadas poden inscribirse para participar no estudo. Deste xeito, créase unha base de datos de grupos de batukadeiras nas localidades do municipio de Ribeira Grande de Santiago, ao tempo que en Galicia, se realiza outro rexistro de mulleres migrantes implicadas na música e outras artes escénicas, para crear unha cartografía que as identifique e recolla as súas experiencias e propostas. O obxectivo xeral do proxecto é desenvolver, a partir dunha investigación participativa, unha ferramenta metodolóxica aplicada para a intervención en materia de igualdade de xénero a través das expresións artísticas con mulleres migrantes.
Arquivo dixital
O conxunto dos datos recollidos integrará un arquivo dixital cos recursos e creacións musicais dos grupos de batukadeiras do municipio de Ribeira Grande de Santiago, coa vontade de ser ampliado posteriormente ao resto da illa e comunidades migrantes. O consorcio quere apoiar, deste xeito, o proceso de valorización do batuko que se está a desenvolver en Cabo Verde, contando coa colaboración e apoio do Instituto de Igualdade e Equidade de Género e a Organização de Mulheres de Cabo Verde.
O proxecto permite revisar de forma crítica, xunto cos grupos de mulleres (batukadeiras e migrantes), “cuestións vinculadas ás relacións e desigualdades de xénero, propondo a construción de alternativas igualitarias que faciliten os procesos de cambio social no camiño da igualdade de xénero”, matiza a profesora Oca. Capacitar os grupos de batukadeiras e migrantes para que difundan as súas creacións de forma independente, tanto a través do arquivo como por outros medios dixitais é outra das metas deste consorcio, alén de propiciar o xurdimento de estratexias individuais ou colectivas de superación das desigualdades e violencias que sofren as mulleres.