Pasar al contenido principal

O Campus Terra impulsa unha formación pioneira na abordaxe das enfermidades que afectan o peixe cebra no contexto investigador

Moitas mutacións asociadas a doenzas humanas poden reproducirse no peixe cebra, circunstancia que permite observar a sintomatoloxía asociada e determinar os órganos e sistemas afectados a través de estudos microscópicos e moleculares
Moitas mutacións asociadas a doenzas humanas poden reproducirse no peixe cebra, circunstancia que permite observar a sintomatoloxía asociada e determinar os órganos e sistemas afectados a través de estudos microscópicos e moleculares
Esta especie tropical de auga doce é un modelo indispensable para a investigación biomédica xa que presenta unha considerable homoloxía co xenoma humano, motivo polo cal é preciso profundar nas diferentes técnicas de seguimento e diagnóstico aplicadas ao seu estudo
Lugo

O peixe cebra (Danio rerio) converteuse nun organismo modelo indispensable para a investigación biomédica, xa que, a pesar de estar aparentemente moi distanciado filoxeneticamente do ser humano, posúe unha considerable homoloxía co noso xenoma. De feito, o 85% de xenes que provocan enfermidades nos seres humanos están conservados neste tipo de peixe. Malia que o desenvolvemento de modelos de peixe cebra é clave para o estudo das enfermidades xenéticas, existen poucas iniciativas formativas en materia de saúde e manexo desta especie no contexto investigador. Agora, o Campus Terra da USC acaba de desenvolver un curso pioneiro para profundar nas principais enfermidades que afectan o peixe cebra en instalacións de experimentación animal, así como nas diferentes técnicas de seguimento e diagnóstico aplicadas ao seu estudo.

Moitas mutacións asociadas a doenzas humanas poden reproducirse no peixe cebra, circunstancia que permite observar a sintomatoloxía asociada e determinar os órganos e sistemas afectados a través de estudos microscópicos e moleculares. Este é un dos motivos polos que resulta tan relevante saber manexar esta especie tropical de auga doce. Proporcionar habilidades prácticas, como a administración de anestesia/eutanasia, a observación clínica e a correcta toma de mostras, para que as persoas participantes poidan aplicalas en situacións reais tanto no contexto clínico como na investigación, foi un dos obxectivos que perseguiu o ‘Curso de Formación Específica en Saúde e manexo do peixe cebra en investigación’. Esta actividade enmárcase no programa de formación específica da USC (posgrao propio) e está dirixida polas profesoras Ana Manuela De Azevedo Gomes e Maribel Quiroga Berdeal, alén de contar durante este mes de maio cun dos maiores especialistas a nivel mundial neste eido, Michael Kent, recoñecido profesional en patoloxía de peixe cebra, quen impartiu boa parte das clases teóricas.

O profesor Kent traballa no departamento de Microbioloxía e Ciencias Biomédicas da Oregon State Univesity, nos Estados Unidos, e realizou numerosos traballos en saúde e patoloxía do peixe cebra en instalacións de investigación, ademais de manter colaboracións estreitas co Centro Internacional de Recursos do Peixe Cebra (ZIRC), unha das mais grandes instalacións de peixe cebra do seu país. A organización e as restantes clases correron a cargo do profesorado do grupo de Investigación GAPAVET, un grupo con dilatada experiencia en benestar e especialistas en saúde de animais acuáticos do departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC.

Veterinaria e Bioloxía

A actividade é de utilidade para profesionais (persoal investigador, profesionais da bioloxía, veterinaria ou persoal técnico) que traballen, ou que desexen comezar a traballar con animais de experimentación (peixes), empresas, profesionais que se interesen na práctica clínica dos animais acuáticos e estudantado de veterinaria e bioloxía que teñan unha clara vocación neste campo. “Todo isto permitirá comprender mellor as principais diferenzas na resposta a enfermidades desta especie en comparación cos mamíferos e coñecer as lesións máis frecuentes nos sistemas orgánicos que poden ser de importancia diagnóstica e no contexto da investigación”, explica a profesora Maribel Quiroga.

No módulo teórico abordáronse aspectos básicos da anatomía, bioloxía, fisioloxía, manexo, benestar e patoloxía clínica do peixe cebra. Tamén se presentaron as enfermidades máis frecuentes que poden afectar os peixes en instalacións de experimentación animal. Abordouse ademais o estado da investigación no manexo e saúde do peixe cebra usado en instalacións de experimentación animal, o marco legal e as medidas de bioseguridade que se deben tomar neses centros. Por outra banda, mostrouse a importancia da anatomía patolóxica como ferramenta diagnóstica, mediante a presentación de casos prácticos mostrados a través dunha abundante iconografía.

A parte práctica do curso contou con dúas actividades. Na primeira, as persoas participantes tiveron a oportunidade de estudar casos prácticos, utilizando a metodoloxía necesaria para avaliar e monitorizar os peixes vivos e realizar a anestesia e eutanasia. Ademais, realizáronse técnicas de diagnóstico non letal, necropsias e toma de mostras para diferentes estudos. Nunha segunda sesión abordouse o protocolo de mostreo na investigación con peixe cebra dunha forma aplicada, tendo en conta algunhas das diferentes técnicas de análise como os estudos histopatolóxicos, xenéticos, bioquímicos, microbiolóxicos, enzimáticos ou hematolóxicos. Así mesmo, puideron avaliarse diferentes casos prácticos baixo o microscopio, co obxectivo de adquirir nocións básicas de citoloxía e histopatoloxía en peixes, coñecendo algunhas das súas enfermidades máis habituais e outras non tan comúns.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.06.2024.