Pasar al contenido principal

A incorporación do robot Oz apuntala a EPS de Enxeñaría como referente nos estudos de robótica agrícola

O robot Oz é un dos modelos comerciais de robots agrícolas con maior número de unidades en funcionamento, unhas 250 en todo o mundo
O robot Oz é un dos modelos comerciais de robots agrícolas con maior número de unidades en funcionamento, unhas 250 en todo o mundo
Este novo equipamento docente desenvolvido por Naio Technologies será empregado na docencia práctica impartida neste centro da USC no Campus de Lugo
Lugo

Chámase Oz e é un especialista nos traballos do agro ao que se lle dá ben sementar, plantar ou manter a raia as herbas que prexudican os cultivos. A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC no Campus de Lugo acaba de incorporar este robot agrícola para a docencia práctica nas materias da mención en agro-robótica do grao en Robótica e tamén en materias de mecanización no grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria. Deste xeito, a EPS de Enxeñaría convértese nun referente en estudos universitarios de robótica agrícola en todo o Estado.

Este novo equipamento docente foi o primeiro robot fabricado por Naio Technologies, que comezou a traballar no seu desenvolvemento no ano 2014, polo que posúe unha tecnoloxía madura e contrastada con máis de 68.000 horas de traballo real. Na actualidade é un dos modelos comerciais de robots agrícolas con maior número de unidades en funcionamento, unhas 250 en todo o mundo.

Oz é un robot de accionamento eléctrico que pode ser empregado para traballos de sementeira, plantación e monda mecánica de cultivos hortícolas principalmente. “Destaca o seu uso en control mecánico de malas herbas como alternativa aos herbicidas en explotacións de cultivo ecolóxico de cultivos hortícolas”, explica Javier Bueno Lema, profesor da EPS de Lugo na área de Enxeñaría Agroforestal. De feito, este é un dos traballos que comezará a realizar nos campos de prácticas da Escola.

Coa incorporación deste equipamento, o estudantado da EPS de Enxeñaría do Campus Terra poderá adquirir coñecementos prácticos punteiros coa tecnoloxía dunha das principais empresas da robótica agrícola a nivel mundial.

Persoal da EPS de Enxeñaría xunto a Oz
Persoal da EPS de Enxeñaría xunto a Oz
Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.06.2024.