Pasar al contenido principal

A spin off 3edata desenvolve un modelo innovador para preservar a biodiversidade a través da IA e a aprendizaxe automática

O proxecto emprega drons de 3edata. FOTO: 3edata
O proxecto emprega drons de 3edata. FOTO: 3edata
Un foro organizado pola Axencia Espacial Europea e o Centro Común de Investigación da Comisión Europea serviu para que esta empresa dese a coñecer os resultados preliminares do proxecto Nature FIRST
Lugo

O proxecto Nature FIRST no que participa a spin off da USC 3edata está a xerar diferentes solucións innovadoras para a monitorización da biodiversidade. O equipo desta empresa de base tecnolóxica presentou esta semana en Frascati (Italia), no marco do Seminario sobre crimes ambientais e o papel das novas tecnoloxías de observación da Terra —organizado pola Axencia Espacial Europea e o Centro Común de Investigación da Comisión Europea—, as súas últimas achegas para esta investigación no eido da cartografía de hábitats en espazos protexidos.

“Aplicamos técnicas de intelixencia artificial e aprendizaxe automática para que 'unha máquina' sexa capaz de delimitar coas imaxes de satélite e outros moitos datos as superficies de cada hábitat que logo conformarán un plano ou mapa destes hábitats, identificando automaticamente cal é cada un deles no polígono ou superficie cartografada”, explican dende a spin off da USC no Campus de Lugo. Isto xera un aforro de custos, de tempo e mellora na organización dos datos, así como a posibilidade de avaliar parámetros de estado de conservación dos hábitats do espazo protexido. Ademais desta ferramenta, o equipo tamén automatiza a identificación de cambios no territorio, por exemplo cortas forestais, xerando alertas e informes sobre estes cambios no tempo, todo isto aplicando imaxes de satélite, ou de aeronaves ou drons da propia empresa 3edata, nacida no Campus Terra da USC.

“Ritmo alarmante”

“A diminución da biodiversidade é un dos problemas máis urxentes que enfronta a humanidade”, explican dende o proxecto. A biodiversidade abarca a variedade e variabilidade da vida na Terra: todos os animais, plantas, fungos e microorganismos que traballan xuntos para formar os diferentes ecosistemas que existen. “Lamentablemente, a medida que exercemos cada vez máis presión sobre o planeta, a biodiversidade está a diminuír a un ritmo alarmante”, matizan.

Para abordar eficazmente a perda de biodiversidade, os esforzos de conservación da natureza deben basearse nun coñecemento profundo do que a está causando, xunto con que estratexias son efectivas para fins de conservación e restauración. En suma, precísase comprender mellor por que e onde está a diminuír a biodiversidade e cales son os principais factores causantes. Neste senso, o proxecto Nature FIRST aborda a recolección e procesado de datos en campo; o recoñecemento automático de especies, persoas ou vehículos con cámaras de ‘fototrampeo’ —incluíndo alertas ao xestor do espazo—; xemelgos dixitais de procesos animais, como o movemento do oso pardo, empregando a cartografía xerada por 3edata; ou a aplicación de semántica de datos.  

Boris Hinojo de 3edata, Jan Kees de Sensing Clues, Janka Faller e Linda van Duivenbode de dotSPACE, Ondrej Koporec do Presidium da Policía (Eslovaquia), así como Gemma Prieto e Tania de la Fuente da Unidade Central Operativa Medioambiental do SEPRONA (UCOMA-SEPRONA) foron os encargados de presentar os resultados preliminares do proxecto en Italia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2024.