Pasar al contenido principal

Veterinaria avanza no control da miase nasal que padecen os corzos no centro peninsular

A investigación pretende coñecer a situación das miases nasofarínxeas que afectan o corzo nas provincias de Burgos, Soria, Segovia, Zaragoza e Guadalaxara. FOTO: Pixabay
A investigación pretende coñecer a situación das miases nasofarínxeas que afectan o corzo nas provincias de Burgos, Soria, Segovia, Zaragoza e Guadalaxara. FOTO: Pixabay
O control dos oéstridos que afectan rabaños de ovellas e cabras podería ser crucial para frear esta patoloxía entre os ruminantes silvestres cos que comparten hábitat
Lugo

Os oéstridos son parasitos que poden estar presentes en rabaños de ovellas ou cabras. Agora, un estudo da USC evidencia que un control eficaz destas especies animais podería resultar clave á hora de paliar a miase nasal nos ruminantes silvestres cos que comparten hábitats, tal e como sucede cos corzos que habitan o centro peninsular. Esta é unha das conclusións do artigo titulado ‘Prevalence of nasopharyngeal myiasis in roe deer (Capreolus capreolus) from an area with high sympatry between wild and domestic ungulates in Central Spain’, na que o grupo de Investigación en Sanidade Animal: Galicia (INVESAGA) da USC estudou 184 corzos entre xaneiro e xuño de 2023 para coñecer a situación das miases nasofarínxeas que afectan este animal nas provincias de Burgos, Soria, Segovia, Zaragoza e Guadalaxara.

Logo do primeiro caso descrito do díptero Oestrus ovis nunha corza de Guadalaxara no ano 2022, botou a andar este estudo no que 44 corzos (o 23.9% do total de animais analizados) foron positivos a distintos estadios larvarios de oéstridos. En concreto, a análise detectou que 26 corzos (14.1%) foron positivos a Cephenemyia stimulator (mosca nasal do corzo) mentres que 18 (9.8%) resultaron positivos a Oestrus ovis (mosca nasal da ovella). Non se encontrou ningunha infestación mixta.

Reparto xeográfico

No relativo á distribución xeográfica, as provincias de Soria e Burgos foron as únicas con animais positivos a ambas as miases. No caso de Zaragoza, só se atoparon animais positivos a C. stimulator; en Guadalaxara só se acharon positivos a O. ovis; e en Segovia, no se atopou ningunha miase. A maioría das larvas de C. stimulator atopáronse na cavidade nasal mentres que unha pequena cantidade residía na farinxe (3.2%). No caso de O. ovis todos os exemplares identificáronse na cavidade nasal.

O estudo evidencia que a prevalencia e intensidade de C. stimulator é menor que a detectada polo equipo investigador nun estudo previo en 2022. Ademais, os datos revelan diferenzas considerables entre as provincias analizadas sendo do 0% en Segovia e Guadalaxara ata o 57.1% en Zaragoza. “As diferenzas marcadas entre provincias lindeiras como Burgos e Segovia ou Zaragoza e Guadalaxara probablemente se deba a unha distribución irregular da miase dentro destas provincias”, explica o investigador predoutoral do Campus Terra da USC, Néstor Martínez Calabuig, primeiro asinante do artigo. De feito, no caso de Zaragoza, todos os animais positivos foron cazados no norte mentres que os negativos foron aqueles máis próximos ao límite coa provincia de Guadalaxara. Do mesmo xeito, en Burgos a maior parte dos animais positivos atopáronse máis afastados do límite provincial con Segovia.

Doutra banda, a notable incidencia de O. ovis nos corzos indica que a súa presenza non foi un caso accidental como se pensou tras o achado do primeiro caso. Por iso, a alta frecuencia de O. ovis en ovellas e cabras no centro de España xunto coa súa proximidade a corzos e pequenos ruminantes da área de estudo “pode aumentar o risco de infestacións cruzadas”, apuntan dende o grupo de investigación do Campus de Lugo da USC na Facultade de Veterinaria. Ademais, a presenza de larvas maduras de O. ovis nos corzos suxire que esta especie é capaz de completar o seu ciclo biolóxico neste animal. Por este motivo, “o control de oéstridos en rabaños de ovellas e cabras en áreas onde comparten hábitats con ruminantes silvestres estaría recomendado para conseguir un óptimo control das miases nasais”, explica Néstor Martínez Calabuig.

Convenio

O grupo INVESAGA e a Asociación do Corzo Español (ACE) teñen subscrito un convenio dende o ano 2013 para coñecer o estado sanitario do corzo. Neste senso, o equipo investigador lembra a relevancia da colaboración de cazadores/as, persoas relacionadas co campo e outras institucións mediante o envío de mostras de diferentes puntos xeográficos para continuar co control destas miases. Para iso, a ACE proporciona kits e xestiona os envíos de mostras a custo 0 para aquelas persoas interesadas en colaborar. Ademais, INVESAGA deseñou un protocolo para a análise dos trofeos dos machos para que estes poidan ser devoltos íntegros. Para colaborar na investigación, é preciso poñerse en contacto coa ACE enviando un correo electrónico a ace [at] corzo.info (ace[at]corzo[dot]info) ou ao grupo INVESAGA enviando un mail a nestor.martinez [at] rai.usc.es (nestor[dot]martinez[at]rai[dot]usc[dot]es).

Mapa coas provincias analizadas, o número de corzos por provincia e a porcentaxe de positivos a C. stimulator e O. ovis
Mapa coas provincias analizadas, o número de corzos por provincia e a porcentaxe de positivos a C. stimulator e O. ovis
Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.06.2024.