Pasar al contenido principal

Pemade forma especialistas capaces de mudar o modelo construtivo e axudar a frear o avance do cambio climático

A formación desenvólvese ata o vindeiro 20 de xullo na EPS de Enxeñaría
A formación desenvólvese ata o vindeiro 20 de xullo na EPS de Enxeñaría
A segunda edición do curso en cálculo de estruturas da madeira permite que unha ducia de estudantes aprenda a crear edificios máis sostibles, seguros e eficientes
Lugo

“Temos un problema grave de cambio climático e sabemos que unha gran parte das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera veñen derivadas do sector da edificación”. Esta afirmación de Belén Feijóo Lombao, integrante da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural do Campus Terra da USC, explica o motivo polo cal a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría aposta pola sustentabilidade a través dun curso de formación específica en cálculo de estruturas da madeira, capaz de formar especialistas que muden, nun futuro cada vez máis próximo, a faciana construtiva de Galicia. Unha forma de baixar esas emisións, continúa Feijóo Lombao, é construír con madeira, un material que ten “almacenado” o carbono do CO2 absorbido polas árbores fronte a outros materiais que, pola contra, requiren de grandes cantidades de enerxía para a súa propia fabricación. “A construción ten que ter unha pegada de carbono moito menor”, subliñan dende PEMADE.

O curso en cálculo de estruturas de madeira ofrece unha formación que non se adquire en ningunha titulación de grao ou mestrado coa singularidade de poder utilizar o laboratorio de estruturas, o que permite un mellor coñecemento estrutural da madeira. O Campus de Lugo ofrece unha formación de cálculo mediante a resolución práctica de proxectos e posibilítase o contacto co sector industrial. Deste xeito, unha ducia de estudantes aprenden, entre outros contidos, a construír estruturas de madeira seguras ante eventuais incendios. “No curso profúndase no comportamento da madeira fronte ao lume para dimensionala de forma que se asegure a súa estabilidade durante o tempo que marca a normativa, ao igual que unha estrutura de calquera outro material coma formigón armado ou aceiro”, afirma Belén Feijóo.

Seguridade

Así, a infraestrutura do laboratorio permite que o estudantado profunde no comportamento da madeira e descubra a través dos ensaios a que estados de carga e deformacións pode chegar e mesmo comparala con outro tipo de materiais. O curso permite comprender cales son as dimensións axeitadas para que a estrutura resista fronte ao lume o tempo suficiente para a evacuación. Cando a madeira empeza a arder, relata Belén Feijóo, crea unha capa illante que fai que se retarde a combustión. “A velocidade de carbonización é un dato coñecido, así que dimensionando as pezas podemos garantir canto tempo pode estar en uso a estrutura sen crear problemas”, afirma a integrante de Pemade. “Calculas canto espesor arde nun tempo que marca a normativa, en función do uso do edificio, e comprobas que a sección da peza que queda sen arder tras ese tempo é suficiente para garantir a súa estabilidade. Con calquera material tes que garantir o mesmo tempo de estabilidade, así que a madeira crea edificios igualmente seguros”, engade.

Os e as potenciais usuarias tamén amosan dúbidas á hora de decantarse por unha construción sustentada por unha estrutura de madeira xa que pensan que este material pode incrementar os custes. Dende Pemade matizan que a construción con este tipo de estruturas permite acurtar o tempo de construción e ademais dá lugar a edificios máis eficientes a nivel enerxético, así que “se temos en conta os tempos e o que se aforra á hora de quentar a vivenda, realmente a construción con madeira supón un aforro considerable a medio prazo”, matiza Belén Feijóo.

Contidos

Esta formación que chega á súa segunda edición e que se desenvolve co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) —ao longo de seis semanas que culminarán o 20 de xullo—, profunda no cálculo estrutural de madeira en 3D coa utilización de software avanzado, todo complementado con ensaios reais no laboratorio. Todo isto acompáñase de coñecementos nas propiedades físicas e mecánicas da madeira; na súa clasificación visual e mediante Técnicas Non Destrutivas (NDT); na súa caracterización mecánica, e na tecnoloxía da madeira técnica.

O curso en cálculo de estruturas de madeira ofrece unha formación que non se adquire en ningunha titulación de grao ou mestrado
O curso en cálculo de estruturas de madeira ofrece unha formación que non se adquire en ningunha titulación de grao ou mestrado
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.06.2024.