Ampliado ata o 31 de outubro o prazo para concorrer aos Premios Rafael Crecente a iniciativas innovadoras de xestión territorial
Os Premios Rafael Crecente que chegan xa á súa sétima edición teñen como obxectivo impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia. O prazo para concorrer ao certame acaba de ampliarse ata o 31 de outubro e as propostas poden corresponder a traballos fin de grao, de mestrado ou teses de doutoramento. Igualmente, poderanse presentar ideas orixinais, traballos técnicos, iniciativas ou proxectos en fase de proposta ou xa executados, onde se destaque o seu carácter novidoso, explicando onde reside a compoñente de innovación.
Concederanse dous premios, un primeiro e un segundo, co recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha contía económica de 2.000 e 1.000 euros respectivamente. O Comité avaliador analizará a orixinalidade, así como a calidade científica e/o técnica da proposta. Considerando, entre outros aspectos, a súa aplicabilidade, a súa posible contribución no uso racional e sostible do territorio e dos recursos naturais, a súa vinculación co desenvolvemento do medio rural e a mellora da calidade de vida. Así mesmo, valorarase a calidade expositiva e a claridade do documento presentado. Con respecto aos traballos de ámbitos territoriais alleos ao galego, a maiores do anterior, terase en conta a viabilidade e aplicabilidade en Galicia.
O profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015) estaba considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia. Na súa homenaxe, creáronse estes premios para impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial.
Crecente foi profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela, e o seu labor estivo vinculado principalmente á investigación, sendo director do Laboratorio do Territorio e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) desta universidade. Así mesmo, participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador, lugar no que impulsou un programa de colaboración, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest, profesor invitado na Universidade de Múnich e investigador do IBADER adscrito ao Grupo de Investigación 1934 Territorio-Biodiversidade.