Pasar al contenido principal

Avanzan as obras de rehabilitación do Muíño de Olga para transformalo en centro de referencia arredor dos recursos hídricos

O proxecto construtivo contempla, ademais da rehabilitación do Muiño de Olga,  a demolición de elementos anexos e a adecuación da contorna para evitar o impacto paisaxístico
O proxecto construtivo contempla, ademais da rehabilitación do Muiño de Olga, a demolición de elementos anexos e a adecuación da contorna para evitar o impacto paisaxístico
Estudantado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo visitou os traballos de adecuación deste espazo e descubriu a orixe e características principais que converten en “singular” este lugar que será clave na transferencia de coñecemento
Lugo

As obras de rehabilitación no Muíño de Olga continúan avanzando para que este espazo, propiedade da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), se converta en acubillo para actuacións investigadoras, docentes, de transferencia de coñecemento e de divulgación científica da USC, ao abeiro do convenio de cesión asinado por ambas as institucións. De feito, xa se están a producir as primeiras visitas do estudantado para coñecer de primeira man o que aspira a converterse nun punto emblemático para a difusión do coñecemento arredor dos recursos hídricos. 

Así, estudantes de cuarto curso do grao en Enxeñaría Forestal e do dobre grao de Agrícola e Forestal percorreu as devanditas instalacións como parte da súa formación na materia de Proxectos de Enxeñaría. Na visita, ademais do persoal docente da área de Proxectos de Enxeñaría da USC, tamén participaron o enxeñeiro da CHMS, Manuel G. Sarria; o arquitecto Alberte González, director de obra; e o enxeñeiro xefe, Roberto Pérez. Todos eles explicaron detalladamente a orixe e características principais que converten en “singular” este muiño, así como o proxecto de rehabilitación que permitirá que a comunidade universitaria e a sociedade lucense en xeral gocen dunha obra de “inmenso valor patrimonial e histórico”, tal e como relataron durante a visita.

Obras 

A conversión deste espazo en centro de referencia para a actividade investigadora é froito do acordo de cesión asinado, hai agora un ano, por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil á USC e que terá unha vixencia de dúas décadas. En virtude dese acordo, a CHMS encargarase de executar as obras necesarias para conseguir a adecuada finalidade do edificio situado ao bordo do río Miño, á beira da Acea de Olga; mentres que a USC dotará de contido esta infraestrutura para o seu uso como punto de formación, divulgación científica e de transferencia de coñecemento. A recente adxudicación das obras cun prazo de execución de sete meses conforma un novo elo nesta colaboración entre institucións. A inversión prevista supera os 750.000 euros.

Unha vez finalizadas as actuacións no edificio, este será entregado á USC para a súa xestión, mantemento, posta en valor e conservación. Así, a USC ten previsto acometer neste espazo accións de divulgación educativa de ensinanzas non universitarias, formación para grao e posgrao, divulgación dos resultados dos proxectos vinculados ao propio espazo no que sitúa o Muíño, así como cursos ou charlas para achegar ao conxunto da cidadanía o coñecemento xerado.

O proxecto construtivo contempla, ademais da rehabilitación do Muiño de Olga,  a demolición de elementos anexos e a adecuación da contorna para evitar o impacto paisaxístico. A recuperación desta instalación e o seu uso na divulgación arredor da auga permitirá potenciar e poñer en valor a importancia deste elemento na vida cotiá, para o medio natural e para o desenvolvemento das actividades socio-económicas. Ademais, permitirá achegar reciprocamente río e cidade, favorecendo a simbiose que dende sempre existiu entre ambos os espazos.
 

Estudantado da EPSE no interior das instalacións
Estudantado da EPSE no interior das instalacións
Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.09.2024.