Pasar al contenido principal

O Campus Terra avanza no estudo xenómico da árnica para determinar as dinámicas reprodutivas e garantir a súa supervivencia

Imaxe dun cultivo de árnica
Imaxe dun cultivo de árnica
Os estudos previos realizados dende 2017 grazas ao financiamento da Deputación Provincial de Lugo, permitiron identificar unha variabilidade xenética importante entre as distintas poboacións analizadas en Galicia, coa presenza de diferentes grupos poboacionais

A árnica é unha planta medicinal amplamente utilizada en diversos sectores como a industria farmacéutica ou a cosmética. As súas propiedades débense ao contido de diferentes compostos bioactivos, responsables da súa propiedade medicinal. A extracción continuada para abastecer os mercados levou a unha diminución constante de moitas das súas poboacións, ata o punto de que nalgúns países a especie desapareceu ou atópase moi comprometida a súa supervivencia. No caso galego e grazas á investigación que se desenvolve no Campus de Lugo, estase a realizar un estudo xenómico que permita inferir as dinámicas reprodutivas na especie e preservar a súa supervivencia.

Os estudos previos realizados dende 2017 grazas ao financiamento da Deputación Provincial de Lugo, permitiron identificar unha variabilidade xenética importante entre as distintas poboacións analizadas en Galicia, coa presenza de diferentes grupos poboacionais, de tal xeito que parece existir unha relación directa entre a tipoloxía bioquímica e a variabilidade xenética atopada nas distintas poboacións de árnica analizadas. Así, para evitar a perda de poboacións naturais de árnica, no ano 2018, puxéronse en marcha parcelas de cultivo na localidade lucense de Xermar. “Os traballos realizados puxeron de manifesto que a planta pódese domesticar con éxito ofrecendo incluso rendementos produtivos moi superiores aos que se atopan nas poboacións naturais”, explica o responsable dos estudos xenéticos e profesor da Facultade de Veterinaria da USC, Manuel Vera Rodríguez.

Importancia das poboacións galegas
Tendo en conta estes antecedentes, e sabendo que a árnica (A. Montana) é unha planta que está presente en todo o norte peninsular, fíxose necesario estender os estudos de caracterización morfolóxica, bioquímica e xenética a poboacións doutros territorios do norte peninsular para coñecer a distribución dos distintos grupos. Por este motivo, na anualidade de 2021, analizáronse diferentes poboacións procedentes de Asturias, Castela-León, País Vasco e Cataluña. O resultados indicaron que as poboacións situadas na costa cantábrica estarían máis relacionadas coas poboacións galegas de quimiotipo ibérico, mentres que as poboacións de Castela-León e Cataluña estarían máis relacionadas coas poboacións da Serra do Courel que presentan o quimiotipo Europeo. “Estes resultados subliñaron a importancia das poboacións galegas para o mantemento do grupo ibérico, xa que é na nosa comunidade onde se conservan as mellores poboacións de árnica”, subliña o profesor Vera, investigador do grupo ACUIGEN.

Elaboráronse diferentes librarías xenómicas empregando tecnoloxías de secuenciación de nova xeración e xenotipado por secuenciación e  mantivéronse os cultivos de Arnica montana L. na finca de prácticas da EPSE da USC situada en Montirón para poder facer un seguimento máis doado dos bancais, que continuou durante o ano 2023 onde se caracterizaron xenericamente todos estes exemplares, engadindo tamén unha nova localidade natural lucense procedente de Samos, alén de crearse un sementeiro procedente de flores de tres exemplares do cultivo procedentes de Pontepedrido.

Sinerxías europeas 
En 2024 mantívose o seguimento dos exemplares presentes no cultivo controlado da EPSE das diferentes variedades de árnica presentes en Galicia, ademais dos máis de 400 exemplares obtidos nos sementeiros. Todos os exemplares do cultivo e unha selección de exemplares do sementeiro (que son o resultado do cruzamento entre os exemplares de cultivo) vanse analizar a nivel xenómico para estudar as dinámicas reprodutivas na especie. Durante esta anualidade obtívose tamén o primeiro ensamblado do xenoma de árnica proporcionado polo CNAG e que será a base dos estudios de variación adaptativa que se pretenden realizar durante o ano 2025. Grazas tamén ao desenvolvemento do xenoma e ao financiamento da Deputación, iniciouse unha colaboración con diferentes grupos europeos interesados na conservación e xestión da árnica ao longo do seu rango natural, que vai dende a Península Ibérica ata a Península Escandinava e os Cárpatos, para realizar estudos e trazar estratexias que permitan o mantemento a longo prazo e a explotación da especie.

Carmen Bouza e Adrián Casanova completan o equipo xenómico, mentres que a directora da EPSE, pertencente ao grupo SILVOPAST, Rosa Romero é a responsable dos estudos de cultivo, traballo no que conta coa colaboración de Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Carlos Real e Antonio Rigueiro. O proxecto ‘Aproveitamento sostible da planta medicinal ameazada Arnica montana L. en Galicia’, dotado con 17.000 euros, é froito dun convenio entre USC e Deputación Provincial de Lugo.  

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.10.2024.