Pasar al contenido principal

I-ReWater organizará a edición 2026 da Conferencia Euromediterránea sobre Reutilización de Augas Residuais

Foto de familia realizada en REUSE EUROMED 2024
Foto de familia realizada en REUSE EUROMED 2024
O proxecto, liderado polo profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC Javier J. Cancela, será o responsable deste evento no que cada dous anos especialistas de continente europeo reflexionan sobre este tipo de procesos claves nun contexto de cambio climático
Lugo

O proxecto I-ReWater, coordinado polo profesor da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), Javier J. Cancela, organizará a edición 2026 da Conferencia Euromediterránea sobre Reutilización de Augas Residuais (REUSE EUROMED2026). Este evento científico está dedicado á reutilización de auga urbana rexenerada no Mediterráneo e Europa, centrándose nos múltiples usos relacionados coa reutilización de augas residuais tratadas e augas non convencionais a diversas escalas. A previsión inicial é que o evento teña lugar a mediados de 2026 nunha localización que se anunciará en próximas semanas. REUSE EUROMED 2026 volverá reunir persoal investigador, profesionais da auga, responsables políticos e especialistas para compartir experiencias e puntos de vista sobre a reutilización de auga en Europa, incluíndo casos de éxito, análise de fracasos, perspectivas e enfoques metodolóxicos relacionados co deseño, posta en funcionamento e avaliación de proxectos de reutilización, claves nun contexto de cambio climático.

A solicitude para ser anfitrións do foro formalizouse durante a última edición deste foro que se desenvolveu en Montpellier (Francia) e á que asistiu o consorcio de I-ReWater para avanzar os resultados dos primeiros dez meses de traballo desta investigación aplicada. Durante o seu relatorio, Javier J. Cancela presentou a metodoloxía para a elaboración da futura ‘Estratexia de Uso da auga Rexenerada no Regadío para o espazo SUDOE’ e explicou os ensaios realizados en varios dos quince pilotos localizados en España, Portugal e Francia acompañado de varios socios. Ademais, o cartel cos resultados do estudo de Análise de Ciclo de Vida (ACV) do piloto realizado na Rioxa recibiu o galardón de mellor póster de REUSE EUROMED 2024. “O encargo da organización de REUSE EUROMED ao consorcio I-ReWater demostra a relevancia do traballo que realizamos en 2024. Este evento dentro de dous anos permitiranos, ademais, expoñer os principais fitos e resultados que obteremos, así como a presentación do Hub I-ReWater a nivel estatal e europeo”, afirmou Javier J. Cancela.

Cambio climático

O obxectivo do proxecto ‘I-ReWater. Xestión sostible dos recursos hídricos na agricultura de regadío no espazo SUDOE’ é integrar o uso de auga urbana rexenerada en cultivos agrícolas, contemplando aspectos ambientais que aseguren o seu bo uso debido á crise climática actual. Foi aprobado durante a primeira convocatoria Interreg SUDOE 2021-2027 e conta cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros financiados nun 75% polo Fondo FEDER.

As TIC teñen un papel relevante nesta investigación. Nas 15 accións piloto planificadas en cultivos leñosos (lúpulo, oliveiral, viñedo e amendoeira) e hortícolas (tomate e sandía), todos os sistemas de fertirrego incorporarán sensores de baixo custo a nivel de solo e planta que permitirán interpretar en tempo real parámetros como condicións climáticas, temperatura, cantidade de auga no solo ou nutrientes da planta.

Este sistema de axuda á decisión replicarase a nivel de usuario, permitindo ás persoas profesionais da agricultura coñecer cando e canto debe regar e, ao mesmo tempo, avanzar cara a unha agricultura máis eficiente e sostible da man da economía circular. A maiores, en todos os pilotos organizaranse xornadas de sensibilización e portas abertas, entre outras accións de divulgación, para fomentar o coñecemento das investigacións de I-ReWater e as vantaxes de empregar auga rexenerada en agricultura.

En paralelo á implementación das accións piloto, o consorcio de I-ReWater está a analizar o estado actual dos recursos hídricos no espazo SUDOE, con especial atención ao uso de augas rexeneradas na agricultura de regadío, así como para os efectos na produción e calidade dos cultivos, para favorecer a resiliencia e a seguridade das augas. Xa no tramo final desta investigación, presentarase a ‘Estratexia de Uso da auga Rexenerada no Regadío para o espazo SUDOE’ e o global de resultados obtidos estará dispoñible nun Hub de coñecemento de acceso libre.

Consorcio

O consorcio de I-ReWater está integrado por 16 entidades líderes no seu sector do espazo SUDOE, tal e como se denomina a rexión formada polo territorio da Península Ibérica, Principado de Andorra e Sur de Francia. A Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela lidera este proxecto, no que tamén participan:  :  HOPEN – Terre de Houblon; Instituto de Ciencias de la Vid y el Vino (ICVV); Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária (INIAV, IP); Fundación Juana de Vega; Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; Instituto Politécnico de Bragança; IRTA (Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias de Cataluña); Universidad de Córdoba (UCO), Águas do Norte, S.A., INRAE (Instituto Nacional de Investigación para la Agricultura, la Alimentación y el Medio Ambiente de Francia); Agencia de Medio Ambiente y Agua de Andalucía (AMAYA); GESTAGUA, Àrea Metropolitana de Barcelona (AMB), Oficina del Regant del Departament d’Acció Climàtica i Agenda Rural de la Generalitat de Catalunya (OdR) y Gobierno de Andorra.
 

O profesor da USC Javier J. Cancela durante a súa intervención
O profesor da USC Javier J. Cancela durante a súa intervención
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.11.2024.