Pasar al contenido principal

Azucena Mora recolle o premio á mellor iniciativa de investigación do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos

De esquerda a dereita, as investigadoras da USC Ana María López Beceiro, Vanesa García Menéndez e Azucena Mora
De esquerda a dereita, as investigadoras da USC Ana María López Beceiro, Vanesa García Menéndez e Azucena Mora
Liderado dende o Campus Terra da USC, o proxecto combate a resistencia antimicrobiana mediante estratexias innovadoras baseadas no concepto One Health
Lugo

A catedrática da USC Azucena Mora recolleu este luns 18 o premio á mellor iniciativa de investigación no marco dos galardóns que outorga o Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos (PRAN), coordinado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS). A Xornada anual polo Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos serviu para conmemorar os dez anos de loita do PRAN contra este problema de saúde pública e actuou de marco para a entrega de galardóns.   

O traballo liderado pola profesora Mora céntrase nas bacterias multirresistentes e en como se moven nas tres interfaces da saúde (humana, animal e medioambiental), co obxectivo de poñerlles freo. Este premio nacional apuntala o que xa é unha liña de traballo consolidada no Campus Terra da USC: o enfoque One Health para achegar solucións fronte a esta “prioridade mundial”, en palabras da profesora Mora. “A resistencia aos antimicrobianos supón unha ameaza cada vez maior para a saúde pública mundial e require medidas por parte de todos os sectores do goberno e a sociedade”, engade. 

A investigación coordinada dende o Campus de Lugo, destaca pola “excelencia e o compromiso do equipo multidisciplinar de especialistas que conforman o consorcio, enfocado en combater a resistencia antimicrobiana mediante estratexias innovadoras baseadas no concepto One Health”, tal e como indica o ditame do galardón. A partir da hipótese de que algúns elementos clave poden ser utilizados como bioindicadores para o seguimento da resistencia aos antibióticos, o estudo do Campus Terra identifica, dende unha perspectiva integradora, dianas específicas que ofrecen un enfoque novo e multidimensional na loita contra esta ameaza. 

Os devantidos elementos explorados abranguen os animais de produción e produtos cárnicos derivados (avalíanse como potenciais reservorios de patóxenos resistentes), patóxenos prioritarios (E. coli e K. pneumoniae), críticos no contexto de infeccións humanas e animais; síndrome de ITU multirresistente, unha afección mortal en seres humanos e cans, que incrementou os desafíos para o tratamento;  ou bioindicadores ambientais como o xabaril e a carne derivada da caza, xunto ao medio acuático, que reflicten a presenza de resistencia na contorna.

O proxecto premiado involucra a especialistas en diagnóstico clínico humano e veterinario, seguridade alimentaria, fauna silvestre, microbioloxía convencional, tecnoloxías ómicas e métodos alternativos aos antibióticos. Este consorcio conta coa colaboración do Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA), o Centro de Investigación Biomédica da Rioxa (CIBIR), o Laboratorio de Sanidade Animal de Galicia (LASAPAGA), o Instituto Federal de Avaliación de Riscos (BfR) de Berlín, a Universidade de Copenhagen, ou o Centro de Enxeñería Biolóxica da Universidade de Minho, entre outros, cuxa infraestrutura permite unha investigación integral da resistencia.

“Este premio reafirma o valor da colaboración e a innovación na investigación da resistencia antimicrobiana, un desafío global no que a unión de ciencia e tecnoloxía é esencial”, explica a profesora Mora. O equipo de investigación inclúe recoñecidos profesionais de múltiples campos e países, facilitando o desenvolvemento de enfoques colaborativos e a transferencia de coñecementos. As entidades asociadas, como laboratorios privados para o desenvolvemento de vacinas, tamén impactan no proxecto mediante o desenvolvemento e validación de solucións innovadoras. 
 

Ciencia á feira

Azucena Moura estará co seu equipo o próximo día 28 de novembro en Triacastela coa iniciativa Ciencia á Feira. Nesta ocasión, “o laboratorio trasládase aos coles e ás feiras” para explicar á sociedade e á cativada “como é isto das bacterias multirresistentes, onde se atopan, e que podemos facer entre todas as persoas” para combatelas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2024.