Ir o contido principal

Estudar no CLM

O CLM está ao dispor da comunidade universitaria da USC e tamén das persoas alleas á USC que teñan como mínimo 18 anos de idade.

Por que estudar linguas ou acreditar os teus coñecementos lingüísticos no CLM?

Está sobradamente demostrado que estudar outros idiomas achega numerosos beneficios tanto persoais (adestrar o cerebro e atrasar o Alzheimer, abrir a mente a outras culturas e formas de vida, mellorar as habilidades auditivas, aumentar a autoestima...) como profesionais: dominar outros idiomas facilita a mobilidade académica, así como máis oportunidades laborais tanto no estranxeiro como no propio país de orixe.

Estudar idiomas, ademais, representa unha vantaxe para todo o alumnado, pois pode supoñer o recoñecemento de créditos ECTS durante a carreira.

Se es alumno ou alumna da USC interésache mellorar e acreditar as túas destrezas lingüísticas no idioma estranxeiro que xa estudaches ou aprender novas linguas:

  • Para entender bibliografía e recursos científicos noutras linguas
  • Para acceder a estadías de intercambio (Erasmus e outras), para o cal se esixe estar en posesión do nivel B1 (proba A) na lingua do país de destino
  • Para acceder a estudos de mestrado, para o cal se esixe estar en posesión do nivel B1/B2 dunha lingua estranxeira
  • Para entenderte mellor cos compañeiros e compañeiras que veñen de fóra a estudar aquí.

Se vés de fóra de Galicia ou de fóra de España, interésache iniciarte, mellorar e acreditar as túas destrezas lingüísticas en galego e español:

  • Porque se vés do estranxeiro, non só tes que acreditar o nivel B1 ou superior de español ou galego, senón que é necesario para seguir as clases, para entenderte cos teus profesores, coas túas compañeiras e coa xente que te rodea aquí.
  • Porque se vés doutras zonas de España ou de Hispanoamérica comprobarás que aquí tamén se fala en galego: na cidade, nas rúas, nas aulas. Aprendelo minimamente axudará ao respecto dos dereitos lingüísticos de todos.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2024.