Ir o contido principal

Convocatoria VIII Concurso de Ideas para as Portadas dos TFG 2021-22

A Facultade de Farmacia convoca o Concurso de Ideas para as portadas que han de levar todos os TFG que se presenten no curso 2021-22.
Os participantes deberán presentar os seus proxectos no Decanato da Facultade. O prazo estará aberto ata as 14'00 do 16 de novembro.

 

Concurso de IDEAS PARA PORTADA Traballos de Fin de Grao da facultade de farmacia da USC

A Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela convoca Concurso de Ideas para a Portada dos Traballos de Fin de Grao, en adiante TFG, curso 2021-22, patrocinado por BANCOFAR.

OBXECTO

O obxectivo deste concurso é unificar a presentación dos TFG para todos os alumnos da titulación, cunha liña gráfica de deseño académico, así como incentivar a participación dos membros da Facultade de Farmacia (Alumnado, PDI, PAS) en actividades extraacadémicas do centro.

DEPÓSITO DE BASES

As Bases do presente concurso estarán a disposición de calquera persoa que desexe consultalas na Aula de Coordinación do Grao en Farmacia e na páxina web do Centro (https://www.usc.es/gl/centro/facultade-farmacia).

FORMATO DE PRESENTACIÓN DAS PROPOSTAS

As propostas presentaranse nun sobre pechado que conterá na parte frontal un pseudónimo. No interior incluiranse os dous formatos da proposta que se describen no punto quinto das bases, así como un sobre no que se incluirá o nome completo do autor, a súa dirección de correo electrónico, o seu teléfono e a súa relación coa Facultade de Farmacia (alumno/a, PDI ou PAS.)

FALLO DO XURADO E ENTREGA DO PREMIO

O fallo do Xurado farase público o 2  de decembro e a entrega dos Premios realizarase na data na que se celebre o Acto Académico da Festa da Inmaculada Concepción, patroa de Farmacia, sempre e cando o permitan as medidas de prevención establecidas polas autoridades, motivadas pola situación epidemiolóxica actual, derivada do COVID-19. 

BASES DO CONCURSO

PRIMEIRA: A temática do Concurso son as Ciencias Farmacéuticas en todas as súas vertentes: Facultade de Farmacia, estudos de farmacia, laboratorios de investigación, oficinas de farmacia, etc.

O deseño da portada debe considerar a disposición dos seguintes elementos imprescindibles:

LOGO USC FACULTADE DE FARMACIA (consultar manual de imaxe corporativa) http://www.usc.es/es/info_xeral/imaxeusc/index.html

TÍTULO DO TFG (en galego/castelán e inglés)

NOME DO AUTOR

CURSO ACADÉMICO 2021-2022

Que se deben presentar cunha tipografía lexible e universal para todos os equipos informáticos.

SEGUNDA: Establécense 3 premios:

  • Primeiro Premio de 300 euros e diploma acreditativo do Premio
  • Dous accésits de 100 euros cada un e diploma acreditativo do Premio

            TERCEIRA: No concurso poderá participar calquera persoa maior de idade pertencente á Facultade de Farmacia da USC (PDI, PAS ou Estudantes).

CUARTA: Cada concursante poderá presentar unha única idea que debe ser orixinal e inédita.

QUINTA: O deseño presentado ao concurso entregarase en dous formatos:

  1. Gravado nalgún soporte dixital (CD, pen drive) lexible en formato PC e con resolución mínima de 300 ppp e identificado polo título do deseño.
  2.  Impreso en tamaño A4 e pegado sobre un cartón pluma, foam (ou soporte ríxido similar) debidamente protexido e co seu título escrito na parte posterior.

SEXTA: Ambos formatos introduciranse nun sobre identificado polo título do deseño e acompañaranse doutro sobre máis pequeno no que incluirán os datos completos para a identificación do autor: título do deseño, nome do concursante, relación coa Facultade de Farmacia (estudante, PAS, PDI), teléfono, correo electrónico e enderezo de contacto.

SÉTIMA: O lugar de presentación é a Secretaría do Decanato da Facultade de Farmacia da USC e o prazo de presentación será dende as 09:00 horas do luns, día 25 de outubro de 2021 ata as 14:00 horas do 16 de novembro do ano en curso.

OITAVA: O Xurado que valorará os traballos presentados, estará formado polo equipo de Dirección do Centro, o/a coordinador/a de TFG, algún membro do Gabinete de Prensa da USC e un profesor de Infografía e Deseño Multimedia da USC.

NOVENA: O Fallo do Xurado será inapelable. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

DÉCIMA: O fallo do Xurado farase público o día 2 de decembro e a entrega de premios realizarase no Acto Académico da Festividade da Inmaculada Concepción, sempre e cando o permitan as medidas de prevención establecidas polas autoridades, motivadas pola situación epidemiolóxica actual, derivada do COVID-19.

Os autores premiados deberán asistir á entrega dos premios ou delegar documentalmente noutra persoa, do contrario considerarase que o autor renuncia ao premio concedido.

UNDÉCIMA: Todas as ideas presentadas, premiadas ou non, pasarán a ser propiedade da Facultade de Farmacia da USC.

A idea premiada reproducirase na portada de todos os TFG presentados no curso académico 2021-22.

Todas as ideas presentadas poderán ser reproducidas con finalidade didáctica ou promocional, en folletos, trípticos, guías, páxina web do Centro e, en xeral, en calquera tipo de soporte xa sexa impreso, cinematográfico ou informático. En todos os casos citarase, inescusablemente, ao autor das mesmas.

DUODÉCIMA: A participación no concurso de ideas para portada de traballos de fin de grao da Facultade de Farmacia da USC leva a aceptación das súas bases.

 

O Decano da Facultade de Farmacia

Francisco J. Otero Espinar

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2021.