A acción titorial está dirixida a facilitar a súa integración na institución e serve de ponte entre o alumnado e os diferentes servizos. Ademais, contribúe a personalizar a educación universitaria e dá soporte ao alumnado no seu proceso de formación nas titulacións que se imparten no Centro.
Os obxectivos que persegue o Plan de Acción Titorial son:
- Facilitar a integración do alumnado de novo ingreso.
- Orientar, apoiar e asesorar ao alumnado no seu proceso formativo.
- Informar ao alumnado sobre aspectos académicos e profesionais que lle permitan planificar o seu itinerario académico e o seu futuro profesional.
- Realizar un seguimento personalizado do alumnado.
- Identificar as dificultades de aprendizaxe e organizativas no Grao en Filosofía, para poder analizalas e atoparlles unha solución.
- Animar ao alumnado a participar na vida da Facultade de Filosofía e da Universidade de Santiago de Compostela.
A facultade conta cun programa de alumnos-titores a cargo de alumnos e alumnas de cursos superiores que prestarán apoio ao alumnado de primeiro ao longo de todo o curso académico para facilitar a súa adaptación. O coordinador deste programa é o profesor Javier Barcia.
Programa de titorías personalizadas. A facultade asignará a cada estudante un profesor-titor. A función desta figura é proporcionar asesoramento e orientación personalizada a cada alumno e alumna durante a súa traxectoria de estudios na facultade. O seguimento deste programa ten carácter voluntario. A coordinadora é a profesora Concepción Martínez Vidal.
Curso sobre competencias en información na contorna dixital. Impartido por persoal da Biblioteca da USC o curso terá carácter virtual e unha duración de entre 6-10 horas, dependendo dos coñecementos previos do alumnado. Estará vinculado ás clases interactivas dunha das materias de primeiro aínda que con horario non coincidente co oficial de clases. Esta formación achegará habilidades e competencias relacionadas coa busca e xestión da información e representa unha achega de carácter transversal, en particular, para a realización de traballos académicos.
En cada curso hai un profesor-coordinador. A súa función é favorecer a coordinación entre as materias asegurando una comunicación constante co estudantado sobre todo o relativo ao desenvolvemento do curso.