Ir o contido principal

A Asociación IV Ciclo do Campus de Lugo, un exemplo de vitalidade alén das aulas

Integrantes da Asociación IV Ciclo do Campus de Lugo
Integrantes da Asociación IV Ciclo do Campus de Lugo
As máis de 160 persoas que integran o colectivo de universitarios sénior que preside Concha Ruiz Jarillo compaxinan a súas obrigas académicas cunha intensa axenda social e cultural, ao tempo que se achegan á realidade da I+D no marco dun proxecto sobre a Terceira Idade coordinado pola USC
Lugo

A Asociación IV Ciclo do Campus de Lugo, un colectivo integrado na actualidade por 163 mulleres e homes que están a cursar algunha das materias impartidas pola USC a través do seu transversal programa de formación de persoas maiores de 50 anos ou que xa acadaron os títulos propios de Diplomatura Sénior ou Excelsior, son un exemplo de frenesí vital alén das aulas e malia aos anos.

A intensa axenda social e cultural que mantén o estudantado universitario sénior da sede universitaria responde tanto á suma das vontades particulares como ao intenso traballo de organización e planificación desenvolvido desde a Asociación IV Ciclo do Campus de Lugo, un colectivo actualmente presidido por Concha Ruiz Jarillo, pero que “camiña e latexa ao ritmo que lle imprimen as ideas e inquedanzas dunha dinámica xunta directiva composta por 13 persoas”, subliña.

O lecer e a planificación de viaxes e doutras actividades orientadas a gozar da cultura  e das súas diversas manifestacións artísticas, a través de concertos, relatorios, exposicións... representa a particular obra social desta rede de persoas maiores, que, de xeito desinteresado, suma ao tempo que dedica ás obrigas da programación académica horas de reunións, xestións en entidades públicas e privadas, solicitude de orzamentos... coa ambición de deseñar e achegar propostas atractivas ao seu particular tecido social.

A entrada da primavera supuxo tamén unha eclosión de vida para a Asociación IV Ciclo do Campus de Lugo, que xa nos últimos días de marzo completou a Ruta das Camelias e aproveitou a esta excusión para achegarse ata o fermoso casco urbano pontevedrés. A esta primeira saída sumarase logo de Semana Santa unha visita a Alfoz e Ferreira de Valadouro da man da Deputación Provincial de Lugo. O espírito itinerante deste colectivo concretarase tamén o primeiro sábado de maio nunha camiñada por un treito do Camiño de Santiago e unha viaxe a Cantabria, a finais de maio, segundo adiantou Ruiz Jarillo.

Alén destas experiencias de convivencia social, a preta axenda da Asociación IV Ciclo do Campus de Lugo, cuxos homes e mulleres serán tamén protagonistas activos dun proxecto de investigación sobre a Terceira Idade que coordina a USC, inclúe tamén para finais deste mes un concerto de música tradicional, a cargo de Abraham Cupeiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.