Ir o contido principal

IV Ciclo promove o avellentamento activo a través dun campus itinerante

O Campus quere favorecer a construción dunha sociedade que garanta os dereitos e deberes para todas as idades en igualdade de oportunidades. FOTO: Santi Alvite
O Campus quere favorecer a construción dunha sociedade que garanta os dereitos e deberes para todas as idades en igualdade de oportunidades. FOTO: Santi Alvite
O sono e os seus trastornos, a depresión, unha boa nutrición, saúde visual ou xenómica e medicina personalizada serán algúns dos contidos abordados nas vindeiras semanas
Santiago de Compostela

A iniciativa Campus Itinerante de IV Ciclo é unha proposta interxeracional, dirixida a toda poboación galega de máis de 50 anos, pero sobre todo ao colectivo xubilado e prexubilado para promover o avellentamento activo. A USC organiza este Campus, grazas ao financiamento da Dirección Xeral de Maiores e Servizos Sociosanitarios da Xunta de Galicia, de cara a previr a dependencia e a favorecer a autonomía persoal, a través dun diverso programa de actividades que este mércores, 29 de marzo, dá un novo paso co relatorio ‘O sono e os seus trastornos’ a cargo da profesora da USC Mónica Antelo Martelo, no Centro Social de Escarabote en Boiro. 

Desenvolto coa colaboración da Mancomunidade de Barbanza Arousa, este Campus quere favorecer a construción dunha sociedade que garanta os dereitos e deberes para todas as idades en igualdade de oportunidades. “Con este programa pretendemos que o envellecemento activo sexa unha aposta clara por ser máis asertivos nas tomas de decisión pero tamén na mellora da función cognitiva-sensorial para evitar a súa diminución mediante o incremento da funcionalidade física, favorecendo unha mellora da autoestima e da autosuficiencia”, explica a directora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC, Esther Olveira.

O campus contará con especialistas de diferentes disciplinas. Así, o venres 31, será a quenda do profesor José Ramón González Juanatey, quen disertará sobre saúde cardio saudable, no Centro Social de Cabo de Cruz, tamén en Boiro. A programación continuará ao longo dos meses de abril e maio con diferentes conferencias sobre depresión, saúde visual, nutrición ou xenómica e medicina personalizada. Esta última temática será abordada polo profesor Ángel Carracedo no mes de maio. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.