O IV Ciclo da USC contará con sede propia en Vilagarcía de Arousa
O IV Ciclo contará cunha sede propia no Concello de Vilagarcía, logo da sinatura este mércores dun convenio entre a USC e o concello pontevedrés. A sede será parte integrante do Programa Universitario para Maiores (IV Ciclo), iniciativa formativa que a USC oferta dende 1997 dirixida a persoas maiores de 50 con independencia do seu nivel formativo previo, pero con características e demandas de formación reguladas. O reitor Antonio López e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela Paz, asinaron o convenio este mércores.
A nova sede estará emprazada no Centro de Formación municipal (Avda/ Matosinhos, 1) onde se desenvolverán as ensinanzas do IV Ciclo así como outras actividades formativas e culturais dependentes deste programa. En virtudes deste acordo, a USC ofertará durante 4 anos en cada curso académico un mínimo de 15 créditos (150 horas presenciais) que permitirán ao alumnado que os curse obter o Diploma Sénior da USC. Para a obtención do título de diplomado Sénior en IV Ciclo é necesario superar catro cursos, nos cales se deben completar os 60 créditos da titulación. Cada curso haberá que superar un mínimo de cinco materias optativas, das consideradas materias permanentes no plano de estudos, e tamén poderán cursarse ata tres créditos mediante actividades complementarias recoñecidas. Os diplomados Sénior en IV Ciclo poderán optar á obtención do Diploma Excelsior en IV Ciclo.