O programa formativo IV Ciclo contará con sede propia no concello de Ribeira
![Imaxe de arquivo de alumnado do IV Ciclo no Campus compostelán. Imaxe de arquivo de alumnado do IV Ciclo no Campus compostelán.](/sites/default/files/styles/content_inner_main_image/public/xornal/acontece/imaxes/2019_10/IMG_5762.jpg?h=827069f2&itok=4-EV32iV)
O reitor Antonio López e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, asinaron este mércores un convenio para a creación dunha sede do programa IV Ciclo da USC nesta localidade. Este espazo dedicado ao programa universitario estará emprazada en locais municipais no Centro Cultural Lustres Rivas e poderá acoller as actividades formativas e culturais dependentes do programa que se consideren convintes para o alumnado da comarca. Esta Aula contará co acceso para alumnado con baixa mobilidade, un mínimo de 30 bancadas, espazo con acceso a internet e medios audiovisuais.
O reitor Antonio López mostrou a súa satisfacción por poder seguir achegando así a universidade á cidadanía coa primeira sede do IV Ciclo fóra das instalacións da USC. O reitor fixo fincapé na lonxevidade que caracteriza á veciñanza galega e que con iniciativas como esta “somos o laboratorio do que se vai facer no resto de Europa dentro de vinte ou trinta anos”. Anunciou ademais que se está a traballar para crear sedes externas noutros municipios e destacou o carácter multidisciplinar e transversal dos contidos que se imparten.
Pola súa banda, Manuel Ruiz amosou a súa satisfacción por que á veciñanza desta contorna se lle abra á porta a proseguir a súa formación. A tal efecto, expresou o seu agradecemento tanto ao reitor Antonio López como a vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, artífice da materialización desta acción colaborativa logo de que en anos pasados se celebraran con grande éxito de participación na localidade os chamados ‘Camiños de coñecemento e experiencia’.
A este respecto, o programa universitario para maiores de 50 anos arrancará xa o vindeiro martes 5 de novembro ás 16.30 horas no Centro Cultural Lustres Rivas coa materia ‘Fundamentos do dereito’. Outras materias que se darán neste curso son ‘Iniciación á bioloxía humana’, ‘Xeografía de Galicia’ e ‘A política hoxe’. O curso estenderase ata o 17 de xuño e toda a programación comprende un total de catro anos, logo dos cales aquelas persoas que a completen obterán unha titulación expedida pola propia USC.
IV Ciclo
O IV Ciclo constitúe un programa de formación dirixido a alumnado maior de 50 anos, con independencia do seu nivel previo, pero con características e demandas de formación reguladas, que cada vez en maior medida esixe a composición demográfica da poboación. Este ciclo formativo dende o seu comezo en outubro de 1997, busca a integración conceptual do programa nos demais ciclos que se imparten dentro desta Universidade.
O programa oferta este curso 2019-20 un total de 53 materias nos campus de Lugo e Santiago, que manteñen unha programación académica diferenciada. Aínda así, cómpre salientar que cada un dos cinco cursos nos que se estrutura este programa de formación de maiores ofrece seis materias de temática diferente, ao tempo que hai outra media ducia de disciplinas complementarias nas que tamén poden formalizar a matrícula as persoas interesadas.
De esqueda a dereita, Antonio López, Manuel Ruiz e Victoria Otero. Foto: Concello de Ribeira