Ir o contido principal

A USC despide a 28 titulados sénior do IV Ciclo este sábado cun acto de graduación na Casa do Saber de Lugo

Participantes no programa de fomración de maiores do IV Ciclo da USC
Participantes no programa de fomración de maiores do IV Ciclo da USC
A sesión, que estará presidida pola vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro, desenvolverase a partir das 12.00 horas

A vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro, presidirá este sábado 1 de xuño, a partir das 12.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o acto de fin de curso da última promoción de graduados e graduadas sénior do IV Ciclo Universitario da USC, unha cerimonia na que participarán 28 titulados sénior e da que actuará como padriño o profesor de Ecoloxía da USC Emilio Carral Vilariño. Do total dos novos graduados do IV Ciclo, 14 completaron este programa de formación de maiores da USC no campus de Compostela e outros tantos fixérono na sede universitaria luguesa.

A directora do IV Ciclo Universitario da USC, Esther Olveira Olveira; a xefa territorial en Lugo da Consellería de Política Social, Cristina Abades Martínez; a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, e María Dolores Díaz Chao, en representación da cuarta promoción de titulados do IV Ciclo da USC tamén intervirán neste acto, no marco do que María Isabel Iglesias entregará un agasallo ao padriño da promoción.

A sesión académica contará nesta ocasión coa participación do Coro dos Amigos do Camiño, unha formación musical da que forman parte varios dos estudantes do IV Ciclo da USC e que achegou o elemento musical ao acto coa interpretación de ‘Do mar pola orela’, un poema de Curros Enríquez dedicado a Rosalía De Castro na súa norte e musicado por Julio Domínguez.

Unha vez rematada a quenda de intervencións e trala correspondente imposición de insignias e a entrega de diplomas aos graduados sénior, o acto académico de fin de curso da cuarta promoción de graduados/as do IV Ciclo da USC chegará ao seu fin coa interpretación do ‘Gaudeamos Igitur’.

A cerimonia de graduación da última promoción de titulados do IV Ciclo da USC congregará na Casa do Saber de Lugo un nutrido grupo de alumnado e docentes deste programa de formación de maiores, coordinado na sede universitaria luguesa por Teresa Rodríguez. Ao remate da sesión, a comunidade universitaria do IV Ciclo da USC compartirá un almorzo de confraternidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.