A USC lembra a figura de Dona Francisca Álvarez, patroa do IV Ciclo, cun acto institucional na Casa do Saber de Lugo
A USC lembrará este martes a figura e o legado de dona Francisca Álvarez, patroa do programa de formación sénior IV Ciclo, cun acto institucional que se desenvolverá, a partir das 11.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo.
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, será a encargada de guiar esta sesión, na que tamén intervirán a directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira Olveira; a coordinadora deste programa de formación de maiores de 50 anos no campus de Lugo, Teresa Rodríguez, e a profesora do Departamento de Química Física na Facultade de Ciencias Mercedes Novo Rodríguez, quen impartirá un relatorio baixo o título 'Un pasiño máis na loita contra o alzhéimer’.
A celebración do acto institucional na USC en memoria da Patroa do IV Ciclo, unha xornada durante a que non haberá actividade lectiva, rematará cun viño de honra no vestíbulo da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.