Importante papel de profesores do DEQ na listaxe Research.com
O portal Research.com acaba de situar a USC como a primeira universidade de España no eido das ciencias ambientais. Esta clasificación baséase no estudo do índice h do persoal investigador a partir dos datos extraídos de Microsoft Academic Graph ata o 6 de decembro de 2021. En concreto, a listaxe que acaba de ver a luz é froito da análise de 166.880 perfiles investigadores. De acordo con esta clasificación, a USC ocupa o posto 110 a nivel mundial nesta área de coñecemento e conta con 13 investigadores e investigadoras destacados neste ámbito.
A suma total dos valores do índice h para os perfiles científicos da USC máis destacados no eido ambiental é de 515, cun valor medio para o índice h de 39,62. A suma total de publicacións dos mellores/as científicos/as da USC é de 1.439 cun valor medio de publicacións por científico de 110,69. A listaxe de persoal investigador do Departamento de Enxeñaría Química incluída neste ámbito está composta por Gumersindo Feijoo, Sara González-García, María Teresa Moreira, Marta Carballa, Francisco Omil, Anuska Mosquera-Corral e Almudena Hospido.