María Elena Vázquez Cendón, premio Josefa Wonenburger 2022
A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta tivo en conta tanto a súa carreira investigadora como o seu compromiso na divulgación das Matemáticas, á fronte do Proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia). O premio será entregado durante unha gala que se celebrará en Santiago o próximo día 20 de decembro, coa presenza de membros do Goberno galego, do ámbito universitario e científico e da sociedade.
Vázquez Cendón (Ourense, 1966) é licenciada e doutora en Ciencias Matemáticas pola USC e profesora titular de Matemática Aplicada. Desde 2017 é decana da Facultade de Matemáticas desta universidade. A súa carreira destaca polas súas contribucións ao estudo das leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos, que teñen como ámbitos de aplicación a análise do movemento da auga en ríos, escalas de peces ou zonas costeiras e tamén do fluxo do gas, do sangue e o deseño industrial.
Noticia publicada no Correo Gallego do 12 de decembro de 2022.