II Xornadas sobre bilingüismo, unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía
As II Xornadas sobre bilingüismo: o valor do galego na actividade profesional foron organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa cooperación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Celebráronse no salón de actos da Facultade de Psicoloxía e tiveron éxito de asistencia.
Contaron coa intervención do catedrático de Psicoloxía Básica, Castor Méndez Paz, que alcanzou a xubilación no curso 2022/2023 e que foi convidado a presentar o Glosario galego de termos psicolóxicos, unha iniciativa da Comisión de Normalización de Psicoloxía, que se desenvolve en colaboración coa Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC. Trátase dun proxecto no que o profesor Méndez Paz ten un papel notorio, que comezou durante o seu período como presidente da Comisión e co que continúa comprometido.
O primeiro relator deu tamén paso á conferencia do profesor Marcos Díaz Lago, da Universidade de Deusto, que versou sobre a relación entre linguaxe e pensamento, e sobre como o idioma empregado pode condicionar a toma de decisións. O profesor Díaz Lago é membro do Laboratorio de Psicología Experimental da Universidade de Deusto e colabora co grupo Procesos Cognitivos e Conduta da USC, que ten unha liña de investigación dedicada á comprensión e produción da linguaxe.
De seguido, as psicólogas Encarna Álvarez Gallego e Mª Carmen González Hermo explicaron con xenerosidade ás persoas da sala a súa experiencia co uso do idioma galego durante a atención á cidadanía nos seus respectivos ámbitos, no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e na intervención psicolóxica en emerxencias.
Ao final do acto, o profesor David Facal Mayo, que lidera actualmente a CNL de Psicoloxía, aproveitou tamén para dar a coñecer outra das iniciativas nas que participa a Comisión, o I Concurso de edición da Galipedia.