Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
Áreas: Lingüística Xeral
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Obxectivos xerais
A materia trata de proporcionar ferramentas para interpretar as liñas de pensamento e as correntes que configuraron historicamente as ideas sobre a linguaxe e a aparición e desenvolvemento da Lingüística como disciplina, con especial atención a aqueles asuntos que se manteñen vixentes nas propostas actuais. Afondaremos tanto no coñecemento historiográfico como na Filosofía da linguaxe que, para alén de formar sobre o devir histórico, permite aprimorar a perspectiva crítica do estudantado. A materia incluirá a perspectiva de xénero e un enfoque decolonizador para corrigir as habituais desviacións eurocéntricas e androcéntricas dos manuais.
Obxectivos específicos
- Formularmos os problemas que a Historiografía lingüística actual debe enfrontar
- Revisarmos as principais ideas que contribuíron a configurar o saber sobre a linguaxe até a contemporaneidade. Neste sentido, sen renunciarmos á secuencia histórica, primaremos unha serie de ideas que serán desenvolvidas como chave para entender o decurso no avance do coñecemento, a aparición de novas estratexias ou problemas, en vez de limitarse ao panorama exclusivamente cronolóxico habitual en moitos manuais do campo.
- Identificarmos os principios comúns a figuras ou correntes situadas en diferentes períodos históricos.
- Determinarmos a influencia que exerceron sobre o desenvolvemento das ideas lingüísticas o marco socio-político e cultural de cada época, as modas e as ideoloxías.
- Incitarmos á reflexión crítica sobre a maneira en que a disciplina foi tratando cada problema, evitando as perspectivas hexemónicas ou eurocéntricas e tomando conciencia das forzas internas e externas que regulan este ámbito disciplinar.
I: Un panorama das ideas lingüísticas desde un punto de vista histórico e epistemolóxico
Fundamentos da Historiografía lingüística. Ferramentas e procedementos vinculados á historia das ideas sobre a linguaxe. Filosofía da linguaxe e Socioloxía da ciencia como puntos de apoio externos do campo: o papel da Epistemoloxía da Lingüística para definir a historia das ideas. Defensa dun panorama de ideas básicas fronte a unha cronoloxía de eventos históricos.
II: A historia da disciplina a través das ideas fundacionais no campo (vistas nas correspondentes escolas e figuras)
Arbitrariedade – Dualidade e dupla articulación – Lingüística misioneira e imperialismo lingüístico– Loxicismo e linguaxe – Universais da linguaxe e das linguas – A procura de métodos científicos para o estudo das linguas: a Filoloxía e o enfoque comparativista – O Estruturalismo, o grande paradigma na historia das ideas lingüísticas.
III: A linguaxe como obxecto multidisciplinar (visto nas correspondentes escolas, disciplinas e figuras)
Desenvolvemento dalgunhas ideas que explican a aparición de novos enfoques e subdisciplinas na Lingüística contemporánea. Desenvolvemento, a modo de exemplo, de certas ideas que no transcurso do século XX abriron os novos enfoques. Formalismos, computación e linguaxes artificiais (como base para explicar a aparición do enfoque aplicado dos estudos lingüísticos) – Os diversos camiños do significado (como base para explicar a ruptura entre Semántica e Filosofía da linguaxe) – A lingüística no conxunto do coñecemento: o corte entre divisións e ramas da lingüística (a través do estudo da Antropoloxía lingüística).
Incluímos a seguir unhas recomendacións bibliográficas xerais que presentan aspectos fundamentais da materia e ilustran a súa orientación. Na guía docente e no transcurso da materia incluiranse referencias mais concretas para cada tema que serán ofrecidas integramente ao alumnado por vía dixital.
Auroux, S. et al., eds. (2006): History of the Language Sciences: An International Handbook on the Evolution of the Study of Language from the Beginnings to the Present. Berlin-New York, Mouton de Gruyter, 2000-2006, 3 vols.
Battista, E. (2019): “La falacia del historiador Whig: El caso de Noam Chomsky y su Lingüística cartesiana (1966)”, Linha D'Água, São Paulo, 32/1, 2019, 59-79.
Brown, K. & J. Miller (2014): The Cambridge Dictionary of Linguistics, Cambridge Univ. Press.
Chapman, Siobhan & C. Routledge, eds. (2005): Key Thinkers in Linguistics and the Philosophy of Language, New York, Oxford University Press.
Chapman, Siobhan & C. Routledge, eds. (2009): Key Ideas in Linguistics and the Philosophy of language, Edinburgh Univ. Press.
Heller, Monica & Bonnie McElhinny (2017): Language, capitalism, colonialism: Toward a critical history. Toronto: University of Toronto Press.
Itkonen, E. (1991): Universal History of Linguistics, Amsterdam, John Benjamins.
Kenneally, Christine (2007): The first word. The search of the Origins of Language,, London: Penguin books. Trad. esp. E. Bernárdez, La primera palabra: la búsqueda de los orígenes del lenguaje, Madrid, Alianza, 2009, 41-113.
Koerner, E. F. K. & R. E. Asher, eds.(1995): Concise History of the Language Sciences: From the Sumerians to the Cognitivists, Oxford-New York, Pergamon.
Laborda Gil, X. (2013): El anzuelo de Platón. Como inventan los lingüistas su historia, Barcelona, UOC, 2013, 45-96.
Lepschy, G., ed.(1998): History of Linguistics, London, Longman, 1994-1998, 3 vols.
Malmberg, B. (1991): Histoire de la Linguistique: De Sumer à Saussure, Paris, Presses Universitaires de France.
Moure, T. (2021): Lingüística se escribe con A. La perspectiva de género en las ideas sobre el lenguaje, Madrid, Catarata.
Swiggers, Pierre (1997): Histoire de la pensée linguistique: Analyse du langage et réflexion linguistique dans la culture occidentale de l’Antiquité au XIXe siècle, Paris, Presses Universitaires de France.
Woolard, Kathryn (1998): “Language Ideology as a Field of Inquiry” en Bamby Schieffelin, Kathryn Woolard & P. Kroskrity, eds., Language Ideologies. Practice and Theory, Oxford Univ. press. Trad. esp, Susana Castillo, Ideologías lingüísticas. Práctica y teoría, Madrid, Catarata, 19-69.
** Nota: Con independencia da bibliografía indicada como obrigatoria ou recomendada, o alumnado disporá de fontes primarias e outros textos que as comentan para realizar exercicios ou reflexións.
a) Salientar a importancia dos métodos desenvolvidos pola Historiografía lingüística á hora de confeccionar unha lingüística xeral (ou unha teoría xeral das linguas).
b) Adquirir conceptos útiles para afrontarmos o estudo da linguaxe e as destrezas necesarias para un enfoque integrador das ideas lingüísticas.
c) Mellorar a comprensión dos factores "externos" (filosóficos, biolóxicos, antropolóxicos, sociolóxicos) que pesan á hora de entendermos os feitos lingüísticos.
d) Relacionar o devir histórico con as ideas sobre a linguaxe, situando a aparición das diferentes disciplinas e os novos métodos para abordar cada problema.
e) Coñecer as complexas interaccións que ao longo da historia se produciron entre a reflexión sobre a linguaxe e as linguas e o contexto sociopolítico e cultural de cada época.
f) Salientar a diversidade de enfoques e así avivar o pensamento crítico.
g) Elaborar argumentos e nocións con que defender as propias ideas a través do debate e da expresión escrita con que, ademais de se expresaren, @s alumn@s conseguirán revisar o sustento e a orixinalidade das súas ideas. Neste sentido, xunto a diferentes exercicios e prácticas, deberán realizar unha reflexión máis extensa, baixo a forma dun blog ou diario de clase . Non se pretende obter deste traballo a simple reprodución dos argumentos da bibliografía nin a presentación das fórmulas académicas de documentación. Ao contrario, preténdese que cada estudante demostre que reflexiona por si mesm@ e que desenvolve as súas capacidades de discernimento e argumentación.
A materia distribuirase en tres horas semanais, para alén de sesións de titorías periódicas programadas en grupos reducidos. Manteremos unha metodoloxía participativa, onde as aulas sirvan para o debate sobre as lecturas e sobre os temas teóricos e privilexien o traballo persoal e de grupo e a interacción.
Isto significa que, en todos os casos, para o desenvolvemento do programa procuraremos dinamizar a participación activa do estudantado. Desde o comezo do curso, proporcionaranse guións detallados de cada tema e unha relación de lecturas recomendadas (que serán facilitadas na súa integridade en formato dixital) e nas sesións serán propostas cuestións sobre as que reflexionar que constitúen un importante material de apoio ao estudo, que propician a aprendizaxe individual e serven como marco de fondo. O grupo contará desde o comezo do curso cun blog actualizado pola profesora en cada sesión. Este blog suscitará o debate sobre algunhas das cuestións tratadas nas sesións expositivas ou reproducirá materiais para seguirmos traballando, quer nos seminarios que compartamos, quer mediante o traballo autónomo do estudantado.
Procurarase afondar, na medida do posíbel, nun coñecemento especializado e crítico. A profesora comprométese a seguir os progresos individuais e agarda que cada estudante se involucre na dinámica do curso, nas lecturas e actividades prácticas suxeridas.
1ª OPORTUNIDADE:
Ademais da participación nos debates (40% da calificación), cada estudante realizará o seu propio blog, cuxo enderezo asociará ao da profesora para que todos os membros do grupo poidan en calquera momento consultalo. Ese blog será unha especie de diario das aulas; unha actividade persoal e creativa onde o alumnado universitario pode demostrar a súa madurez e capacidade. Poderán incluírse nel materiais diversos, desde esquemas dos asuntos incluídos na teoría a valoracións sobre as lecturas ou reflexións persoais relativas aos diversos temas. Tamén será o lugar onde responder a exercicios ou problemas no sentido escolar do termo que se irán facilitando. Aínda que poden ser variados en número de entradas, considérase básico incluír unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta das propostas que se ofrecen nas sesións do seminario. Os criterios que se asumen para a súa valoración son:
(a) Demostración de que se adquiriu sobre os diferentes temas coñecemento novo e non trivial;
(b) Demostración de que se manexan os conceptos teóricos do programa;
(c) Coherencia das argumentacións presentadas e pluralidade de perspectivas;
(d) Capacidade de sustentar esas argumentacións sobre exemplos empíricos de linguas diversas;
(e) Expresión escrita acorde co nivel de estudos.
2ª OPORTUNIDADE:
Na segunda oportunidade a avaliación efectuarase exclusivamente a través do blog. Como no caso anterior, considérase imprescindíbel incluír nese traballo unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta dos exercicios propostos nas sesións de seminario. Os criterios de valoración son os mesmos da primeira oportunidade. O acceso ao blog será facilitado polo alumnado á profesora na data estabelecida pola Facultade para o exame da segunda oportunidade.
DISPENSA DE ASISTENCIA A CLASE:
As persoas que teñan concedida polo Decanato a dispensa de asistencia a clase serán avaliadas exclusivamente a través do blog, que suporá o 100% da cualificación final, e poderá entregarse tanto na primeira como na segunda oportunidade.
NOTA: Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico do estudantado e de revisión de cualificacións.
Para alén do tempo dedicado ás sesións, presenciais ou virtuais, cada estudante deberá dedicar unhas 3-5 semanais ao estudo. Nese tempo realizará lecturas dos materiais teóricos e da bibliografía recomendada e procurará a necesaria argumentación persoal para as cuestións que se formulen. Finalmente, terá que expresar por escrito no seu blog os progresos alcanzados ou as dúbidas e incógnitas que ofrece ao grupo para o seu esclarecemento. O tempo de redacción do blog é, na experiencia dos anos pasados, bastante variable en cada individuo, mas produce sempre resultados altamente positivos na maduración persoal e tende a estimular o interese e a ser unha fonte de satisfacción para o estudantado.
A materia está pensada para adaptarse con coherencia e rigor aos intereses do estudantado. Pretende fomentar unha dedicación regular e periódica, que tire proveito de cada sesión. Non se pensa no curso como nun trámite burocrático que se pode eludir ou cumprimentar sen atención nin interese. Ao contrario, as sesións están pensadas como un lugar de encontro onde experimentarmos en conxunto a tarefa común da aprendizaxe. A profesora seleccionará fontes orixinais ou materiais mais actuais primando a lectura crítica e suxerindo camiños para a pescuda persoal e procurará provocar un enfrontamento produtivo entre o individuo e as opcións de coñecemento que se lle abren. Importa, neste sentido, un traballo equilibrado, realizado desde a primeira sesión e non unha serie de informacións inconexas acumuladas a última hora
A materia impártese en galego, lingua propia deste país e desta Universidade. Se o alumnado precisar material de apoio noutras linguas ou explicacións adicionais, contará coa axuda da profesora en horario extraordinario de titorías.
Teresa Moure Pereiro
Coordinador/a- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Lingüística Xeral
- Teléfono
- 881811992
- Correo electrónico
- teresa.moure [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Martes | |||
---|---|---|---|
09:00-10:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | C08 |
10:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | C08 |
Mércores | |||
09:00-10:00 | Grupo /CLIS_01 | Galego | D15-Seminario |
20.01.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | D10 |
20.01.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D10 |
18.06.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D10 |
18.06.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | D10 |