Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
Áreas: Teoría da Literatura e Literatura Comparada
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Esta materia impártese unicamente en lingua galega.
Por se tratar dunha materia situada na segunda metade do Grao, o alumnado chega a ela con algúns coñecementos referidos á perspectiva sociolóxica, así como cunha formación básica sobre as principais correntes de estudo da literatura en tanto fenómeno social. Entre os obxectivos específicos que se apoiarán neses fundamentos cabe salientar os seguintes:
- Presentar un esquema diacrónico da emerxencia e consolidación da socioloxía na esfera das Ciencias sociais e outro complementario sobre as investigacións sociolóxicas da cultura e da literatura.
- Determinar os posíbeis obxectos de estudo sociolóxico no espazo disciplinar dos Estudos literarios.
- Considerar as dialécticas entre o individual e o social e entre autonomía e heteronomía da produción cultural, artística e literaria.
- Reflexionar sobre o tratamento de tales dialécticas por parte das disciplinas enmarcadas nos Estudos literarios e desde as diversas epistemoloxías en xogo.
- Fornecer os coñecementos teórico-críticos necesarios para entender e analizar a dimensión social dos discursos/prácticas literarios e espectaculares e a súa correspondencia coas estruturas e os modelos sociais e culturais.
- Deseñar unha sistematización conceptual que permita profundizar no estudo da representación literaria da realidade social e económica, en particular nas sociedades complexas da modernidade e da globalización posmoderna.
- Achegar métodos científicos, capacidade analítica e aplicacións de diversa procedencia metodolóxica para situar o feito literario e os seus efectos nas coordenadas históricas, culturais, sociais, económicas e de xénero que lle son propias.
- Analizar as condicións institucionais, políticas, ideolóxicas e identitarias da literatura en tanto discurso social.
1. A investigación social e os paradigmas sociolóxicos.
1.1. As ciencias sociais e a socioloxía. Relacións cos estudos culturais, artísticos e literarios.
1.2. Os obxectos de estudo na socioloxía. Métodos cuantitativos e cualitativos na investigación sociolóxica.
1.3. Paradigmas sociolóxicos.
2. Obxectos de estudo da socioloxía cultural e da socioloxía da literatura.
2.1. Antropoloxía e socioloxía cultural.
2.2. Análise cultural, análise crítica do discurso e socioloxía literaria.
2.3. A cultura como sistema. Cultura, literatura e sociedade.
2.4. Constitución histórica da socioloxía da literatura como disciplina. Converxencias coas ciencias políticas e económicas e co materialismo cultural.
2.5. Conceptos, obxectivos e escolas na socioloxía da literatura.
3. Suxeitos e prácticas no espazo público.
3.1. Debates sobre a noción de espazo público.
3.2. Crítica e opinión pública. A ideoloxía e o literario.
3.3. A figura do intelectual e os movementos sociais. Do intelectual orgánico ao intelectual colectivo.
3.4. Investigar é actuar. O investigador como axente no espazo público.
4. A institución literaria.
4.1. Produción, mediación e mercado. A socioloxía empírica da literatura e as teorías empírico-sistémicas.
4.2. Socioloxía da lectura e da recepción.
4.3. O ensino da literatura.
4.4. A institucionalización da literatura.
5. Socioloxía do texto.
5.1. O marxismo e a socioloxía da literatura.
5.2. Estética, poética e socioloxía en Bakhtin.
5.3. A Escola de Fráncfort e a teoría crítica hoxe.
5.4. Os xéneros literarios en perspectiva sociolóxica.
5.5. A sociocrítica.
6. O campo literario.
6.1. Bourdieu e a socioloxía: método e programa de investigación.
6.2. Habitus, capital cultural e bases sociais do gusto.
6.3. Para unha ciencia da produción cultural e literaria.
6.4. Campo literario e nación. Aplicacións supranacionais da teoría do campo literario.
6.5. Alternativas críticas a Bourdieu.
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA
ALTAMIRANO, C., e B. SARLO, Conceptos de sociología literaria, Buenos Aires, CEAL, 1980.
BAJTIN, M. (P.N. Medvedev), El método formal en los estudios literarios. Introducción crítica a una poética sociológica, Madrid, Alianza, 1994.
BOURDIEU, P., O campo literario, Ames, Laiovento, 2004.
BOURDIEU, P., Las reglas del arte. Génesis y estructura del campo literario, Barcelona, Anagrama, 1995.
CHICHARRO, A., Entre lo dado y lo creado. Una aproximación a los estudios sociocríticos, Varsovia, Instituto de Estudios Ibéricos e Iberoamericanos da Universidade de Varsovia, 2012.
CROS, E., La sociocrítica, Madrid, Arco Libros, 2003.
DELAMONT, S., Feminist Sociology, Londres, SAGE, 2003.
DIRKX, P., Sociologie de la littérature, París, Armand Colin, 2000.
FIGUEROA, A., Ideoloxía e autonomía no campo literario galego, Ames, Laiovento, 2010.
GLINOER, A. (ed.), Socius. Ressources sur le littéraire et le social, Sherbrooke. http://ressources-socius.info. [Consulta: 09/07/2020].
GONZÁLEZ-MILLÁN, X., Resistencia cultural e diferencia histórica. A experiencia da subalternidade, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 2000.
GUTIÉRREZ, A. B., Las prácticas sociales. Una introducción a Pierre Bourdieu, Ciempozuelos, Tierradenadie Ediciones, 2002.
JOAS, H., e W. KNÖBL, Teoría social. Veinte lecciones introductorias, Tres Cantos, Akal, 2016.
SÁNCHEZ TRIGUEROS, A. (dir.), Sociología de la literatura, Madrid, Síntesis, 1996.
SAPIR0, G. La Sociologie de la littérature, París, La Découverte, 2014.
WILLIAMS, R., Palabras clave. Un vocabulario de la cultura y la sociedad, Buenos Aires, Nueva Visión, 2003.
ZIMA, P., Para una sociología del texto literario. Bogotá, Instituto Caro y Cuervo, 2010.
BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA
ABRUTYN, S. (ed.), Handbook of Contemporary Sociological Theory, Nova York, Springer, 2016.
ALTAMIRANO, C. (dir.), Términos críticos de sociología de la cultura, Buenos Aires, Paidós, 2002.
ARON, P., e A. VIALA, Sociologie de la littérature, París, PUF, 2006.
CALHOUN, C. et al. (eds.), Contemporary Sociological Theory, 3ª ed., Chichester, Wiley-Blackwell, 2012.
CASAS, A., "Lo social, lo político y lo literario. La sociología de la literatura en las coordenadas de su disgregación". En A. Abuín et. al. (eds.), Textualidades (inter)literarias. Lugares de lectura y nuevas perspectivas teórico-críticas, Madrid, Iberoamericana - Vervuert, 2020, 215-261.
DUBOIS, J., L’Institution de la littérature, Loverval, Labor, 2005.
GALLEGO CUÍÑAS, A., Cultura literaria y políticas de mercado. Editoriales, ferias y festivales. Berlín, De Gruyter, 2022.
GIDDENS, A., Sociología, 3ª ed., Madrid, Alianza, 2000.
GINER, S. (coord.), Teoría sociológica moderna, Barcelona, Ariel, 2003.
JURT, J. (ed.), Champ littéraire et nation, Friburgo, Frankreich-Zentrum, 2007.
MARGULIS, M., Sociología de la cultura. Conceptos y problemas, Buenos Aires, Biblos, 2009.
MUÑOZ, B., Modelos culturales. Teoría sociopolítica de la cultura, Barcelona, Anthropos e UAM, 2005.
RODRÍGUEZ MORATÓ, A., e Á. SANTANA ACUÑA (eds.), La nueva sociología de las artes. Una perspectiva hispanohablante y global, Barcelona, Gedisa, 2017.
SAYRE, R., La Sociologie de la littérature. Histoire, problématique, synthèse critique, París, L’Harmattan, 2011.
TEIXEIRA COELHO, Dicionário crítico de política cultural, São Paulo, Iluminuras, 2004.
TRAVERSO, E., Onde foram parar os intelectuais? Belo Horizonte, Âyiné, 2020.
VIALA, A., La Culture littéraire, París, Presses Universitaires de France, 2009.
- Correlacionar os conceptos fundamentais das ciencias sociais na súa proxección sobre os campos cultural e literario.
- Entender os obxectivos, posibilidades e métodos da socioloxía da literatura e as súas relacións con outros saberes disciplinares integrados como Estudos literarios.
- Aplicar con sentido crítico a rede conceptual asimilada sobre calquera serie textual, pertencente ou non á tradición lingüístico-cultural na que o estudante se estea a formar de forma preferente.
- Analizar e interpretar con fundamento sociolóxico os discursos e os imaxinarios sociais, as políticas culturais e as distintas axencialidades que participan no campo literario.
- Profundizar na autorreflexión como suxeitos lectores, sociais, culturais, políticos e académicos.
A materia ten dúas dimensións básicas, a conceptual e a analítico-aplicada. Procurarase que exista un equilibrio entre elas tanto nas sesións expositivas a cargo do profesor como nas sesións interactivas, nas que o alumnado deberá implicarse cunha participación destacada mediante os traballos individuais e en grupo. Nas interactivas o material de apoio incentivará unha comunicación que deberá desenvolver as competencias relacionadas coa capacidade analítica e coas habilidades interpretativas, teórico-críticas e argumentativas. O profesor dedicará unha parte destas clases á orientación xeral sobre as converxencias e diverxencias dos conceptos e metodoloxías en xogo con outras formas de achegarse ao coñecemento do literario nas súas dimensións cultural e social, polo que se introducirán chaves favorecedoras do diálogo fluído con disciplinas e perspectivas non representadas expresamente no cadro sinóptico de contidos, desde a estética á filosofía política pasando por exemplo pola antropoloxía e a historia cultural ou pola sociolingüística.
O proceso de ensino-aprendizaxe reforzarase co emprego da aula virtual da materia e mais coa activación dun equipo específico en MS Teams, destinado no fundamental ás comunicacións dirixidas á totalidade dos integrantes do grupo de alumnos/as. Esas dúas serán así mesmo as vías habituais de entrega ou posta a disposición de materiais por parte de profesorado e alumnado, así como da realización dos cuestionarios previstos, a eventual concreción dun glosario de socioloxía da cultura e a literatura, os obradoiros que se decida activar e a interacción interna entre os membros de cada un dos grupos de traballo que se constituirán antes de entrar no segundo mes de clases.
A explicación dos temas seguirá a secuencia ordinal sinalada, se ben o tema sexto será anticipado en parte de forma transversal ao desenvolvemento da programación.
No contexto da lexislación vixente, a avaliación das materias impartidas pola Área Teoría da literatura e Literatura comparada comprende, xunto coa convocatoria das probas oficiais que cada curso efectúa o Decanato, posíbeis probas complementarias acordadas expresamente entre profesorado e alumnado. Ademais, serán factores relevantes con incidencia directa na cualificación a participación activa e continuada nas sesións expositivas e interactivas e o seguimento doutras actividades prácticas que o equipo docente considere de especial interese formativo e académico. Os principais elementos que se valorarán son os seguintes:
• Dominio dos contidos teóricos, das estratexias aprendidas e da práctica crítica.
• Participación nas clases expositivas, interactivas e nas titorías colectivas que se convoquen. Asistencia regular e puntualidade.
• Participación nas actividades e calidade desa participación.
• Realización e boa presentación formal de traballos escritos, así como participación continuada en debates e exposicións orais derivadas da preparación de traballos en grupo.
• Entidade da comprensión crítica, calidade da expresión oral e escrita, orixinalidade e creatividade.
• Boa execución de prácticas por escrito e de breves exposicións orais a partir de traballos realizados en grupo.
1ª Oportunidade (maio)
Un 80% da nota final procederá da avaliación continua formativa. Valoraranse a este respecto varios factores:
1) Un 25% da nota provirá da participación crítica e informada nas aulas e da realización de tarefas diversas asignadas polo profesorado, en particular a preparación e moderación de debates a partir de lecturas previas específicas efectuadas pola totalidade do alumnado. Este factor estará ligado fundamentalmente á actividade nas sesións interactivas.
2) Un 20% da cualificación procederá de dous cuestionarios relativos aos catro primeiros temas do programa oficial (un sobre os dous primeiros temas e outro sobre os dous seguintes; cada un deles sumará o 10%). Os cuestionarios programaranse na aula virtual da materia entre os meses de marzo e abril.
3) Un 20% da nota será asignado pola realización dun traballo en grupo (entre 3 e 5 persoas), preferentemente de carácter empírico e aplicado, sobre algún aspecto do programa ou en xeral da socioloxía da cultura, das artes ou da literatura que será fixado de común acordo por profesorado e alumnado. A cualificación deste apartado será responsabilidade do alumnado: cada grupo avaliará o feito polos restantes grupos. As notas medias alcanzadas polos respectivos grupos serán asignadas posteriormente a cada alumna/o.
4) Outro 15% procederá dun traballo de entre 1200 e 1400 palabras consistente nunha lectura crítica cruzada de dous textos, vídeos ou outros materiais dispostos na aula virtual. O obxectivo será a posta en diálogo das dúas publicacións a partir dunha lectura persoal.
Complementariamente, o 20% da nota final dependerá da realización dun exame presencial final sobre o conxunto da materia ou, no seu caso, sobre algún sector da mesma.
Por último, será optativa a presentación dun traballo de curso de entre 2500 e 2800 palabras e de tema libre, cuxa concreción terá que ser coñecida polo profesorado anticipadamente e deberá manter algún vínculo co programa da materia. A cualificación deste traballo voluntario (entre 0 e 1,5 puntos) será sumada directamente á puntuación alcanzada no exame e no resto de factores indicados.
Quedan excluídos da obriga de asistencia ás clases quen obteñan unha dispensa oficial de asistencia notificada ao profesor polo Decanato da Facultade. No seu caso o exame final quedará constituído en elemento único de avaliación, se ben profesorado e alumnado afectado poden concretar de mutuo acordo algunha alternativa que valore tamén a entrega dalgún traballo de curso. Esta mesma pauta servirá para dar solución aos casos en que existan dificultades insalvábeis para compatibilizar horarios con outras materias da titulación.
Alén do indicado, resérvase a posibilidade de ter presente así mesmo como factor de valoración a participación en eventuais actividades complementarias (conferencias, elaboración de enquisas ou estudos de caso, por exemplo) que sexan programadas ao longo do período lectivo. A efectos de avaliación estas actividades computarían dentro do 80% arriba indicado, máis en concreto dentro do primeiro 25% (participación).
2ª Oportunidade (xullo)
Mantéñense as condicións que se acaban de concretar, así como a proporcionalidade da nota do exame e do resto de probas e a posibilidade de presentar un traballo voluntario que computaría coas mesmas condicións que na primeira oportunidade.
Nota complementaria
O plaxio na realización dos traballos ou a utilización indebida e non indicada das fontes impresas ou de Internet pode implicar o suspenso coa cualificación más baixa.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na "Normativa de Avaliación do Rendemento Académico dos Estudantes e de Revisión de Cualificacións" da USC.
Ás horas presenciais (60), dedicadas ás sesións expositivas, interactivas, titoriais e de avaliación, súmanse 90 horas non presenciais distribuídas do seguinte modo:
-Estudo e reflexión sobre as sesións expositivas, interactivas e titoriais: 25 h.
-Realización de traballos e de actividades de diversa índole: 18 h.
-Lecturas e consulta da aula virtual: 35 h.
-Preparación de probas: 12 h.
É importante o reforzo das capacidades lectoras e analíticas no campo do ensaio nas súas orientacións antropolóxica, sociolóxica, ética e política. Así mesmo, o alumnado deberá esforzarse en asimilar os conceptos fundamentais da tradición teórica sociolóxica (partindo xa de Durkheim, Marx e Weber) e disporse para unha problematización de referentes xa presentes noutras materias dos módulos do Minor Teoría da literatura e Literatura comparada. Entre eles, por exemplo, a cultura de masas, os medios de comunicación, as industrias culturais ou a funcionalidade social dos intelectuais.
O profesorado resérvase o uso de entrevistas orais individuais en caso de dúbidas e/ou necesidade de comentario dalgún extremo dos exercicios, orais e escritos, de avaliación, que poderán ter a súa incidencia na cualificación.
ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS:
Aconséllase encarecidamente ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que contacte co Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) para que este determine como se poden atender esas necesidades.
ALUMNADO CON DISPENSA DE ASISTENCIA:
O alumnado con dispensa de asistencia a clase deberá contactar canto antes co equipo docente da materia a fin de proceder a un sistema individualizado de titorías (presenciais/virtuais).
Arturo Casas Vales
Coordinador/a- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Teoría da Literatura e Literatura Comparada
- Teléfono
- 881811870
- Correo electrónico
- arturo.casas [at] usc.gal
- Categoría
- Profesor/a: Catedrático/a de Universidade
Xoves | |||
---|---|---|---|
13:00-14:00 | Grupo /CLIS_01 | Galego | C09 |
26.05.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | D10 |
26.05.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D10 |
01.07.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D10 |
01.07.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | D10 |