Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
Áreas: Lingüística Xeral
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Obxectivos xerais
- A materia está deseñada para salientarmos, dunha banda, a riqueza cultural que implica a variación lingüística e, doutra, a posibilidade de apreixarmos a idea última de linguaxe a pesar desa diversidade das linguas.
- Procurarase afondar tanto no coñecemento especializado, que aborda o problema dos universais, como na capacidade formativa da exercitación con linguas moi diferentes.
Obxectivos específicos
- Desenvolvermos os supostos, métodos, procedementos e finalidades do enfoque metodolóxico coñecido como Tipoloxía lingüística.
- Atendermos á cuestión dos universais da linguaxe e das linguas, salientando o valor metodolóxico deste paradigma e considerando a influencia que vén exercendo nas últimas décadas en diferentes disciplinas e correntes lingüísticas.
- Proporcionarmos unha visión completa das constantes da linguaxe humana, ás veces escurecidas polas diverxencias que mostran as linguas.
- Desenvolvermos o xuízo crítico, a través da análise en profundidade dos conceptos e dos procesos que se observan nas linguas, así como estimularmos a exposición de argumentos e refutacións acaídas, contribuíndo á formación de individuos con opinión autorizada.
1. As linguas do mundo: Repaso ás linguas do mundo. Clasificación xenética das linguas, fila, familias, grupos e subgrupos. Aspectos xenéticos, tipolóxicos e antropolóxicos vinculados á variedade lingüística. O concepto de tipo lingüístico e o método comparativo. A visión ecolóxica, social e antropolóxica da tipoloxía lingüística. A morte das línguas e o paradigma da Ecolingüística.
2. Universais lingüísticos. O problema da unidade da linguaxe fronte á diversidade das linguas. A construción de hipóteses na investigación lingüística. Os universais na historia das ideas lingüísticas. Universais xenerativistas vs. universais funcional-tipolóxicos. Universais absolutos e non absolutos: implicacións e cuase-universais nas linguas.
3. O enfoque metodolóxico da tipoloxía lingüística e o seu impacto na lingüística actual: revisión das teorías sobre a linguaxe á luz dos universais. Adecuación bio-psicolóxica e adecuación social das teorías lingüísticas. A revalorización das linguas como fontes de datos empíricos sobre a linguaxe. Capacidade de predición en gramática dos universais tipolóxicos. Poder heurístico desta aproximación. Linguaxe e diversidade do ser humano: construción dunha teoría alternativa e rebelde á clásica visión eurocéntrica do mundo (e da linguaxe e das linguas). A linguo-diversidade e os dereitos dos pobos ás súas culturas.
Incluímos a seguir unhas recomendacións bibliográficas xerais, que presentan aspectos fundamentais da materia e ilustran a súa orientación. Na guía docente e no transcurso da materia incluiranse referencias mais concretas para cada tema cunha bliografía básica que será ofrecidas integramente ao alumnado por vía dixital.
Akmajian, A., Farmer, A.K., Bickmore, L., Demers, R.A. & Harnish, R. M. (2017): Linguistics. An introduction to language and communication, Cambridge (MA), The MIT Press, 7ed.
Campbell, L. (2018): “How many language families are there in the world?”, Anuario del Seminario de Filología Vasca «Julio de Urquijo». International Journal of Basque Linguistics and Philology, 52(1–2), 133–152. < https://doi.org/10.1387/asju.20195>
Croft, W. (1990): Typology and Universals, Cambrige Univ. Press.
Eberhard, D. M., Simons, G. F. & Fennig, C. D., eds., (2019): Ethnologue: Languages of the world, Dallas, TX, SIL International, 22ª ed. < https://www.ethnologue.com>
Finegan, E. (2015): Language: Its structure and use, Boston (MA), Cengage Learning, 7ª ed.
Fromkin, V., Rodman, R. & Hyams, N. (2019): An introduction to language, Boston (MA), Cengage Learning.
Hammarström, H., Forkel, R. & Haspelmath, M., ed., (2019): Glottolog 4.0. Jena: Max Planck Institute for the Science of Human History. <https://glottolog.org>
Haspelmath, M.; E. König; W. Oesterreicher & W. Raible, eds. (2001): Language typology anda language universals. An international handbook, 2 vols., Berlin-New York, Mouton-De Gruyter.
Leclerc, J. (2019): Les langues du monde. A L’aménagement linguistique dans le monde. Québec: Université Laval, CEFAN. <http://www.axl.cefan.ulaval.ca/Langues/acces_languesmonde.htm>
Lyovin, A. V., Kessler, B. & Leben, W. R. (2017): An introduction to the languages of the world, Oxford University Press, 2ª ed.
Moreno Cabrera, J. C. (1997): Introducción a la lingüística. Enfoque tipológico y universalista, Madrid, Síntesis, 1997.
Moure, T. (2001): Universales del lenguaje y linguo-diversidad, Barcelona, Ariel.
Moure, T. (2019): Linguística eco-. O estudo das línguas no Antropoceno, Santiago de Compostela, Através editora.
O’Grady, W., Archibald, J., Aronoff, M. & Rees-Miller, J. (2017): Contemporary linguistics. An introduction, New York, Macmillan Learning, 7ª ed.
Pereltsvaig, A. (2017): Languages of the world. An introduction, Cambridge Univ. Press.
Ruiz Antón, J. C. (2012): Tipologia linguística, Barcelona, FUOC. <http://hdl.handle.net/10609/50844>
Shibatani, M. & T. Bynon (1995): Approaches to language typology, Oxford, Clarendon Press.
Skutnabb-Kangas, Tove (2000): Linguistic genocide in education -or worlwide diversity and human rights?, London-New Jersey, Lawrence Erlbaum.
Song, J. J. (2018): Linguistic typology, Oxford University Press.
Steinbergs, A. & O’Grady, W. (2016): The classification of languages en A W. O’Grady & J. Archibald, ed., Contemporary linguistic analysis. An introduction, Toronto, ON: Pearson Education, 2016, 218-248.
Velupillai, V. (2012): An Introduction to Linguistic Typology. <https://doi.org/10.1075/z.176>
a) Salientar a importancia dos métodos desenvolvidos pola tipoloxía lingüística á hora de confeccionar unha lingüística xeral (ou unha teoría xeral das linguas).
b) Adquirir conceptos gramaticais útiles para afrontarmos o estudo de calquera lingua e as destrezas necesarias para a comparación interlingüística.
c) Mellorar a comprensión dos factores "externos" (filosóficos, biolóxicos, antropolóxicos) que pesan á hora de traballarmos na procura de universais.
d) Responder á pregunta: "que é unha lingua humana posíbel?" e, deste xeito, acoutarmos a diversidade aparente das linguas.
e) Relacionar a investigación sobre universais con outros aspectos dos estudos lingüísticos, tales como a teoría e a práctica da tradución, a adquisición da linguaxe e a aprendizaxe de linguas ou os aspectos máis xerais da antropoloxía lingüística.
f) Salientar a diversidade das linguas humanas, e contribuír a entendérmola como unha riqueza da humanidade, á vez que avivar o interese polo estudo das linguas minorizadas ou en perigo.
g) Realizar exercicios prácticos que poñan @s estudantes en contacto con diversas linguas "exóticas", a fin de captaren as súas diferenzas estruturais e de cosmovisión e, tamén, a posibilidade de as explicarmos con parámetros universalistas.
h) Elaborar argumentos e nocións con que defender as propias ideas a través do debate e da expresión escrita con que, ademais de se expresaren, @s estudantes conseguirán revisar o sustento e a orixinalidade das súas ideas. Neste sentido, xunto a diferentes exercicios e prácticas, deberán realizar unha reflexión máis extensa, baixo a forma dun diario de clase. Non se pretende obter deste traballo a simple reprodución dos argumentos da bibliografía nin a presentación das fórmulas académicas de documentación. Ao contrario, preténdese que cada estudante demostre que reflexiona por si mesm@ e que desenvolve as súas capacidades de discernimento e argumentación.
Como en anos anteriores, a materia distribuirase en tres horas semanais, para alén de sesións de titorías periódicas programadas en grupos reducidos. Manteremos unha metodoloxía participativa, onde as aulas sirvan para o debate sobre as lecturas e sobre os temas teóricos e privilexien o traballo persoal e de grupo e a interacción.
Isto significa que, en todos os casos, para o desenvolvemento do programa procuraremos dinamizar a participación activa do estudantado. Desde o comezo do curso, a guía docente proporcionará guións detallados de cada tema e unha relación de lecturas recomendadas (que serán facilitadas na súa integridade en formato dixital) e nas sesións serán propostas cuestións sobre as que reflexionar que constitúen un importante material de apoio ao estudo, que propician a aprendizaxe individual e serven como marco de fondo. O grupo contará desde o comezo do curso cun blog (cuxo enderezo será proporcionado na guía) actualizado pola profesora en cada sesión. Este blog suscitará o debate sobre algunhas das cuestións tratadas nas sesións expositivas ou reproducirá materiais para seguirmos traballando, quer nos seminarios que compartamos, quer de maneira individual na propia casa.
Procurarase afondar, na medida do posíbel, nun coñecemento especializado e crítico. A profesora comprométese a seguir os progresos individuais e agarda que cada estudante se involucre na dinámica do curso, nas lecturas e actividades prácticas suxeridas.
1ª OPORTUNIDADE:
Ademais da participación nos debates (40% da calificación), cada estudante realizará o seu propio blog, cuxo enderezo asociará ao da profesora para que todos os membros do grupo poidan en calquera momento consultalo. Ese blog será unha especie de diario das aulas; unha actividade persoal e creativa onde o alumnado universitario pode demostrar a súa madurez e capacidade. Poderán incluírse nel materiais diversos, desde esquemas dos asuntos incluídos na teoría a valoracións sobre as lecturas ou reflexións persoais relativas aos diversos temas. Tamén será o lugar onde responder a exercicios ou problemas no sentido escolar do termo que se irán facilitando. Aínda que poden ser variados en número de entradas, considérase básico incluír unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta das propostas que se ofrecen nas sesións do seminario. Os criterios que se asumen para a súa valoración son:
(a) Demostración de que se adquiriu sobre os diferentes temas coñecemento novo e non trivial;
(b) Demostración de que se manexan os conceptos teóricos do programa;
(c) Coherencia das argumentacións presentadas e pluralidade de perspectivas;
(d) Capacidade de sustentar esas argumentacións sobre exemplos empíricos de linguas diversas;
(e) Expresión escrita acorde co nivel de estudos.
2ª OPORTUNIDADE:
Na segunda oportunidade a avaliación efectuarase exclusivamente a través do blog. Como no caso anterior, considérase imprescindíbel incluír nese traballo unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta dos exercicios propostos nas sesións de seminario. Os criterios de valoración son os mesmos da primeira oportunidade. O acceso ao blog será facilitado polo alumnado á profesora na data estabelecida pola Facultade para o exame da segunda oportunidade.
DISPENSA DE ASISTENCIA A CLASE:
As persoas que teñan concedida polo Decanato a dispensa de asistencia a clase serán avaliadas exclusivamente a través do blog, que suporá o 100% da cualificación final, e poderá entregarse tanto na primeira como na segunda oportunidade.
NOTA: Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico do estudantado e de revisión de cualificacións.
Para alén do tempo dedicado ás sesións, presenciais ou virtuais, cada estudante deberá dedicar unhas 3-5 horas semanais ao estudo. Nese tempo deberá realizar lecturas dos materiais teóricos e da bibliografía recomendada e procurar a necesaria argumentación persoal para as cuestións que se formulen. Finalmente, terá que expresar por escrito no seu blog os progresos alcanzados ou as dúbidas e incógnitas que ofrece ao grupo para o seu esclarecemento. O tempo de redacción do blog é, na experiencia dos anos pasados, bastante variable en cada individuo, mas produce sempre resultados altamente positivos na maduración persoal e tende a estimular o interese e a ser unha fonte de satisfacción para o estudantado.
A materia está pensada para adaptarse con coherencia e rigor aos intereses do estudantado. Pretende fomentar unha dedicación regular e periódica, que tire proveito de cada sesión. Non se pensa no curso como nun trámite burocrático que se pode eludir ou cumprimentar sen atención nin interese. Ao contrario, as sesións están pensadas como un lugar de encontro onde experimentarmos en conxunto a tarefa común da aprendizaxe. A profesora seleccionará fontes orixinais ou materiais mais actuais primando a lectura crítica e suxerindo camiños para a pescuda persoal e procurará provocar un enfrontamento produtivo entre o individuo e as opcións de coñecemento que se lle abren. Importa, neste sentido, un traballo equilibrado, realizado desde a primeira sesión e non unha serie de informacións inconexas acumuladas a última hora.
A materia impártese en galego, lingua propia deste país e desta Universidade. Se o alumnado precisar material de apoio noutras linguas ou explicacións adicionais, contará coa axuda da profesora en horario extraordinario de titorías.
Teresa Moure Pereiro
Coordinador/a- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Lingüística Xeral
- Teléfono
- 881811992
- Correo electrónico
- teresa.moure [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Martes | |||
---|---|---|---|
09:00-10:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | C09 |
10:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | C09 |
Mércores | |||
09:00-10:00 | Grupo /CLIS_01 | Galego | C05 |
19.05.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | C07 |
19.05.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | C07 |
24.06.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | C07 |
24.06.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | C07 |