Créditos ECTS Créditos ECTS: 24
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 586 Horas de Titorías: 9.5 Clase Interactiva: 4.5 Total: 600
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Ciencias da Comunicación
Áreas: Comunicación Audiovisual e Publicidade, Xornalismo
Centro Facultade de Ciencias da Comunicación
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Aplicar o coñecemento adquirido ao longo da carreira na planificación e o desenvolvemento dun proxecto concreto de comunicación que abarque todos os procesos relacionados co deseño, planificación e execución dun produto final. Posta en práctica das habilidades e competencias adquiridas en todo o relativo ao ensino impartido nos ámbitos da pre-produción, a produción-realización, a posprodución e a posta en valor e difusión dun proxecto audiovisual.
O TFG consiste na elaboración dun traballo orixinal no que se acrediten os coñecementos, competencias e destrezas adquiridas durante os estudos realizados na titulación de Dobre Grao. Incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de información relevante, redacción e presentación e defensa. O TFG ten o obxectivo de emitir reflexións de índole social, científica, profesional, tecnolóxica ou ética; doutra parte, resolver produtos que anoven e completen aqueles modelos, aplicacións e paradigmas aprendidos durante a titulación, e que son froito dunha ideación e produción orixinal por parte dos seus autores.
As ideas concretas das liñas de TFG propóñense e apróbanse cada curso, polo que os contidos dos TFG deberán axustarse ao que estableza a convocatoria anual que publique a Facultade de Ciencias da Comunicación. A pesares de presentar un traballo único, en vistas a unha maior integración dos estudos, as temáticas e enfoques do TFG do Dobre Grao deberán garantir unha acreditación equilibrada de competencias tanto no eido do Xornalismo como no da Comunicación Audiovisual.
O TFG supón a realización por parte de cada estudante dun traballo orixinal baixo a supervisión dun ou máis titores académicos. Poderá realizarse de forma individual ou en grupo (sen exceder de cinco persoas), no idioma galego, en castelán ou en inglés. Establécense dúas modalidades de TFG:
a) estudo teórico escrito;
b) proxecto práctico aplicado.
Os dous tipos de traballo responderán á estrutura e presentación mínimas dunha exposición de carácter académico e, segundo aconsellen axeitado os titores dependendo das características do traballo, esta poderá ser:
- Portada exterior: logo da USC, titulación, curso académico, título do traballo, nome completo do/a alumno/a e do/a titor/a.
- Portada interior: título do traballo en galego, castelán e inglés.
- Resumos (máx. 200 palabras) e palabras chave (5) en galego, castelán e inglés.
- Índice dos capítulos e apartados.
- Desenvolvemento dos contidos en función da modalidade de TFG. No caso do estudo teórico, procede incluír os seguintes apartados: (a) introdución (estado da arte ou antecedentes, marco teórico, motivación, formulación do problema, obxectivos, preguntas ou hipóteses); (b) metodoloxía (tipo de investigación, deseño da investigación, métodos de traballo, técnicas e instrumentos empregados); (b) resultados (descrición e interpretación dos datos, análise). No caso dun proxecto práctico aplicado, procede presentar unha memoria da produción cos contidos acordados co/a titor/a.
- Conclusións.
- Referencias (normas APA).
- Anexos, se procede.
Condicións formais
Estudo teórico escrito
É un traballo escrito de investigación ou exploración dun tema no que se relacionan conceptos ou principios teóricos, ou tamén, de comprobación dun determinado procedemento metodolóxico que aporte unha nova visión sobre un tema ou concepto estudado nunha ou varias materias dun módulo ou de materias de varios módulos da titulación. Doutra parte, inclúense neste tipo de traballos teóricos as memorias bibliográficas enfocadas á revisión de conceptos, principios ou métodos que comparen, revisen a traxectoria ou o desenvolvemento do coñecemento nun ou en varios autores.
Nesta categoría inclúense tamén aquelas propostas escritas que se orientan a unha realización reflexiva e aplicada dunha determinada práctica científica ou profesional. Tamén aqueles traballos enfocados especificamente á estimación, valoración e interpretación aplicada que tenten, desde os datos conseguidos na práctica da exploración, promover unha idea ou acción determinadas, ou ben, resolver unha problemática de carácter social e/ou cultural (institucional, de grupos, organizacións, etc.).
En todo caso, o estudo teórico debe aportar unha actualización ou innovación a través da argumentación teórica, da análise ou interpretación dos datos ou dos procedementos, da integración da información recollida polo autor do traballo, definindo os elementos, axentes, contextos... que interveñan no proceso ou que sexan precisos para resolver unha contribución teórica, un deseño de procedemento ou unha revisión bibliográfica nunha investigación.
A extensión do estudo, consonte ás horas de dedicación ao traballo, deberá chegar ás 90 páxinas escritas (27000 palabras), excluídas as notas e referencias que serán dispostas ao final do documento.
No caso de traballos en grupo, aconséllase que o número de autores non supere as tres persoas. En todo caso, seguindo a normativa, os titores poden coordinar estudos en grupo entre varios TFG, desde distintos tratamentos ou enfoques, cuns mesmos obxectivos e resultados de produción converxentes. Os textos deberán superar a extensión requerida nos traballos individuais, acadando nestes a extensión a maiores que considere axeitada o/a titor/a para o mellor desenvolvemento do traballo. A continuación do texto do estudo e as súas respectivas notas e referencias, os/as autores engadirán un comentario de cinco páxinas (1500 palabras) por persoa no que se indicará: nome e apelidos do/a alumno/a e as seguintes epígrafes: (a) funcións e tarefas desempeñadas; (b) procedementos empregados para resolver as súas tarefas; (c) experiencia e capacitación obtida; (d) crítica construtiva respecto do estudo realizado en grupo, indicando as posibles discrepancias ou propostas persoais que mellorarían dito traballo.
Proxecto práctico aplicado
É un traballo de tipo experimental que dá lugar a produtos en diferentes artes e soportes –gráfico, sonoro, audiovisual, dixital, multimedia, etc.–, nun ou na combinación de varios dos expresados e posibles, atentos á factura final e á súa difusión, ás consideracións do contexto e recursos artísticos, técnicos, profesionais ou/e aos procesos de produción. Os proxectos deberán reflectir a aprendizaxe das materias da titulación.
Aconséllase ao alumnado e ao profesorado que, atendendo á extensión destes traballos, teñan en conta, na súa previsión de produción, os prazos previstos de realización e entrega para a defensa do TFG.
En todo caso, o esforzo no traballo do proxecto terá que ser equivalente en horas ao número de créditos que outorga a materia nesta titulación.
Para a súa defensa, ademais, facilitarase unha memoria escrita explicativa cunha extensión que deberá ser acorde á complexidade do proxecto e ás horas empeñadas no traballo realizado. A súa dimensión, como parte do produto entregado, deberá ser considerada e axeitada de maneira ecuánime entre o/a titor/a e o/a alumno/a.
No caso de proxectos en grupo estes traballos non poderán ser realizados por máis de cinco alumnos. Non obstante, seguindo a normativa, os titores poden coordinar proxectos entre varios traballos, desde distintos tratamentos ou enfoques, cuns mesmos obxectivos e resultados de produción converxentes. A continuación da memoria, os/as autores engadirán un comentario de cinco páxinas (1500 palabras) por persoa no que se indicará: nome e apelidos do/a alumno/a e as seguintes epígrafes: (a) funcións e tarefas desempeñadas; (b) procedementos empregados para resolver as súas tarefas; (c) experiencia e capacitación obtida; (d) crítica construtiva respecto do estudo realizado en grupo, indicando as posibles discrepancias ou propostas persoais que mellorarían dito traballo.
Será recomendada polo/a tutor/a, dependendo das necesidades específicas de cada TFG.
COMPETENCIAS BÁSICAS E XERAIS (CB e CG)
CB2 - Que os estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúan as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo
CB3 - Que os estudantes teñan a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética
CB4 - Que os estudantes poidan transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado
CB5 - Que os estudantes desenvolvesen aquelas habilidades de aprendizaxe necesarias para emprender estudos posteriores cun alto grao de autonomía
CG1 - Competencia contextual básica de orde transdisciplinar
CG2 - Competencia contextual para situar a comunicación audiovisual na sociedade da información
CG3 - Competencia para exercer a profesión con ética profesional e compromiso cívico
COMPETENCIAS TRANSVERSAIS (CT)
CT1 - Capacidade de organización e planificación
CT2 - Capacidade de xestión da información
CT3 - Traballo en equipo
CT4 - Aprendizaxe autónoma
CT5 - Creatividade
CT6 - Iniciativa e espírito emprendedor
CT7 - Coñecementos básicos da profesión
A metodoloxía será proposta por cada titor/a en función das necesidades específicas de cada proxecto. Segundo a súa natureza, pode requirir espazos e equipos técnicos.
Cada estudante contará cun docente a cargo da súa titorización entre o profesorado das áreas que imparten docencia no título. A función dos titores é a de autorizar e preparar co alumno a proposta de traballo a presentar na convocatoria correspondente, aconsellar sobre metodoloxías e instrumentos de investigación, referencias e materiais para a consecución do traballo e facer un seguimento das tarefas do alumno ata a defensa do traballo. O/a titor/a, asemade, organizará un calendario de atención ao/á alumno/a en titorías segundo a carga lectiva do TFG correspondente á titulación.
Os titores deberán emitir un informe de conformidade coa defensa (previo á solicitude) e un informe de valoración, ben sexa para cualificar a realización do traballo individual dun só alumno ou da avaliación individual de cada un dos autores, no caso de traballos en grupo. Dito informe de valoración, será entregado ao tribunal no momento da defensa para a súa consideración.
O sistema de avaliación considera o traballo elaborado e a súa presentación en acto público, a través de dúas modalidades de defensa que o alumnado pode elixir. De acordo coa normativa, o/a alumno/a deberá ter o resto dos créditos do título superados para realizar a defensa do TFG.
Teranse en conta os seguintes aspectos na avaliación:
- Relevancia do obxecto de estudo seleccionado para a profesión, tanto a nivel de coñecemento científico como de achega á práctica profesional.
- Xustificación da toma de decisións no proceso de elaboración do TFG.
- Presentación escrita do TFG.
- Presentación oral e defensa do TFG (tempo de exposición máximo: 15 minutos).
A cualificación final consistirá en:
- Valoración do TFG escrito: 70%.
- Exposición e defensa do TFG: 30%.
No caso de traballos grupais, a cualificación sempre será de carácter individual, avaliándose a participación de cada estudante no resultado global.
1) Defensa ante tribunal
Os traballos serán avaliados por un tribunal formado por tres profesores da USC que impartan docencia no Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, do que poderá formar parte o/a titor/a do traballo. Os membros dos tribunais que avaliarán o TFG e os suplentes serán nomeados pola Comisión Académica e de TFG para cada convocatoria. A avaliación por un tribunal en defensa pública será un requisito para optar a unha cualificación superior a Notable e á mención de "Matrícula de Honra". O tribunal terá en conta o informe do titor durante a avaliación, con carácter informativo sen peso específico na cualificación.
2) Defensa ante titor/a
Neste caso, o/a titor/a será o/a encargado/a da avaliación e cualificación, que non poderá ser superior a Notable.
O sistema de avaliación na segunda oportunidade será o mesmo que na primeira oportunidade.
• No caso de plaxio ou uso indebido das tecnoloxías na realización de tarefas ou probas: “Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión das cualificacións”.
• A defensa do traballo farase na data e hora que figure na convocatoria. De non presentarse o/a alumno/a á defensa, a súa cualificación será de Non Presentado.
O TFG no Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual require a superación de 24 créditos ECTS (600 horas). Para iso, o/a alumno/a deberá asumir a un total de 10 horas de titorías e as 590 restantes dedicadas ao traballo persoal na realización do proxecto e preparación da súa presentación.
Recoméndase para un mellor seguimento do TFG consultar o Regulamento do Traballo Fin de Grao e a convocatoria que publica a Facultade de Ciencias da Comunicación en cada curso académico.
Espazo web do TFG da Facultade de Ciencias da Comunicación:
https://www.usc.gal/es/centro/facultad-ciencias-comunicacion/tfg