Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 18 Clase Interactiva: 30 Total: 51
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Electrónica e Computación
Áreas: Linguaxes e Sistemas Informáticos
Centro Facultade de Administración e Dirección de Empresas
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
Nesta disciplina preséntanse os fundamentos básicos da programación estructurada co obxectivo de que, partindo dun problema sinxelo, o alumnado sexa capaz de analizalo e descompoñelo en subproblemas máis simples e determinar as estruturas e algoritmos que permitan resolvelo de maneira eficiente. Esta é unha disciplina eminentemente práctica que focalizará os seus exemplos nunha linguaxe de programación amplamente empregado na actualidade como é Python. Non obstante, a comprensión das bases e os fundamentos da programación, comúns ás diferentes linguaxes de desenvolvemento, permitiralle ó alumnado enfrontarse con soltura e solvencia a novos problemas, independentemente do ámbito e a linguaxe de programación empregada.
Durante o desenvolvemento da disciplina, o alumnado traballará cunha ampla variedade de exemplos que lle permitirán alcanzar as competencias transversais e específicas da disciplina.
En particular perséguese que o alumnado, ao finalizar a materia, sexa capaz de:
- Comprender os diferentes sistemas de representación da información existentes nos computadores.
- Dominar os principios da programación procedural.
- Resolver problemas de programación básica aplicando adecuadamente os tipos de datos elementais, os tipos de datos estruturados e as estruturas de control.
- Asimilar o concepto programación modular e saber aplicalo na resolución de problemas.
- Comprender os conceptos de ficheiros e bases de datos, e saber utilizalos.
- Ser capaz de empregar ferramentas de programación para editar, compilar, executar e verificar un programa. Capacidade para aplicar estratexias de depuración, proba e corrección de programas.
Os contidos da materia serán desenvolvidos de acordo co seguinte temario:
1. Introdución.
- Codificación da información.
- Programas e linguaxes de programación.
2. Linguaxe de programación Python.
- Variables, expresións, asignación.
- Tipos de datos.
- Funcións predefinidas.
- Módulos e importación de funcións e variables.
- Entrada/saída.
- Prácticas: Realización de algoritmos e programas básicos.
3. Estruturas de control.
- Sentenzas condicionais.
- Sentenzas iterativas.
- Captura e tratamento de excepcións.
- Prácticas: Realización de algoritmos e programas con estruturas de control.
4. Funcións.
- Definición e uso de funcións.
- Documentación do código.
- Prácticas: Realización de algoritmos e programas modulares.
5. Tipos estruturados en Python.
- Cadeas. Listas.
- Tuplas e dicionarios
- Matrices.
- Prácticas: Realización de algoritmos e programas con estruturas de datos.
6. Introdución á xestión de datos dende Python.
- Introdución a Pandas
- Acceso a ficheiros e bases de datos dende Python
- Exemplos de programas para a xestión de datos dende Python.
O programa de prácticas desenvolverase de forma intercalada xunto co programa teórico, tal e como se mostra na estrutura anterior. Aproximadamente, as horas presenciais (HP) e non presenciais (HNP) dedicadas a cada módulo distribúense da seguinte maneira:
- Tema 1: 2 HP e 4 HNP dedicados á introdución ás linguaxes de programación.
- Tema 2: 3 HP e 8 HNP para a teoría e 5 HP e 10 HNP para as prácticas de introdución aos fundamentos de Python (variables, asignación, entrada/saída, etc.).
- Tema 3: reservaranse polo menos 4 HP e 10 HNP para que o alumnado afonde nos bucles e estruturas de control. Dedicaranse tamén 10 HP e 14 HNP ao seu desenvolvemento práctico.
- Tema 4: 3HP e 10 HNP dedicaranse á definición e uso de funcións, así como 5 HP e 10 HNP para o seu desenvolvemento práctico.
- Tema 5: os tipos estruturados de Python, debido á súa importancia, teñen unha carga relevante que, aproximadamente, se distribúe en 4 HP e 10 HNP para clases expositivas e 10 HP e 13 HNP para interactivas.
- Tema 6: o módulo para a xestión de datos será fundamentalmente teórico e introdutorio e, aproximadamente, dedicaranse 2 HP e 4 HNP para o seu desenvolvemento. Durante as clases expositivas mostraranse exemplos de uso.
Bibliografía básica:
- Andrés Marzal Varó, Isabel Gracia Luengo, Pedro García Sevilla. - Introducción a la programación con Python 3. Universitat Jaume I (Creative Commons).
- Hunt, John. “A Beginners Guide to Python 3 Programming.”, Editorial Springer, 2019.
- McKinney, Wes. “Python for data analysis: Data wrangling with Pandas, NumPy, and Ipython.”, Editorial O'Reilly Media, Inc., Segunda edición, 2017.
Bibliografía complementaria:
- Baltasar Garcia Perez-Schofield. - Introducción a la programación con Python (Creative Commons).
- Raúl González Duque. - Python para todos (Creative Commons).
- Guido Van Rossum. - El tutorial de Python. https://docs.python.org/es/3/tutorial/index.html
- Eugenia Bahit. - Curso: Python para Principiantes. (Creative Commons).
- Franck EBEL - Sébastien ROHAUT. - Algoritmia - Técnicas fundamentales de programación (Ediciones ENI).
- Sébastien CHAZALLET. - Python 3: Los fundamentos del lenguaje (Ediciones ENI).
- De Miguel, Pedro. "Fundamentos de los computadores." Editorial Thomson Learning-Paraninfo, 2004.
- Ramalho, Luciano. "Fluent Python." Editorial O'Reilly, 2015.
C9. Analizar información relevante para a toma de decisións empresariais.
C10. Desenvolver solucións tecnolóxicas personalizadas para as necesidades empresariais.
HD2. Xestionar información procedente de distintas fontes que permitan adquirir novos coñecementos e aplicalos para responder a retos, resolver problemas e tomar decisións.
HD8. Usar ferramentas de cálculo e análise, de distintos tipos de linguaxes e de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
CP5. Manexar os sistemas de información empresarial para a toma de decisións relacionadas coa súa especificación, deseño e implantación.
Os contidos da materia impartiranse de forma presencial nas clases expositivas e nas clases interactivas. As unidades teóricas e prácticas impartiranse de maneira alternativa ao longo do semestre co obxecto de afianzar os conceptos impartidos nelas.
A realización de todas as actividades propostas é necesaria, ao igual que a asistencia a todas as clases (expositivas e interactivas) para superar a materia.
Os recursos necesarios para esta materia son os seguintes:
a) Dispoñer dun ordenador persoal.
b) Copias dos apuntes da materia.
c) Acceso do alumnado á bibliografía na Biblioteca ou por Internet.
d) Acceso á ferramenta de desenvolvemento de Microsoft Visual Studio Code e ao intérprete de Python.
e) Acceso ao Campus Virtual da USC.
f) Acceso a Microsoft Teams.
Clases expositivas e interactivas: As clases consistirán na explicación dos puntos do programa, coa axuda dunha presentación electrónica, e na resolución de diferentes exercicios de programación relacionados co contido da materia. Todos os contidos dixitais (ej. presentacións en pdf, exemplos de Python ou vídeos formativos) serán postos á disposición do alumnado no Campus Virtual.
As clases presenciais fundamentalmente terán lugar nunha aula de informática, na que se proporcionará un ordenador para cada alumno/a. A metodoloxía de aprendizaxe de prácticas consiste fundamentalmente na resolución por parte do alumnado das actividades propostas (principalmente exercicios de programación) coa axuda do profesor.
Actividades: Ao longo do semestre, o alumnado deberá resolver problemas de programación adecuados aos contidos desenvolvidos ata o momento. A resolución e entrega destas actividades considéranse esenciais para alcanzar un resultado satisfactorio nesta materia.
Titorías: As sesións de titorías servirán para resolver as dúbidas do alumnado relacionadas cos contidos da materia e exercicios de prácticas propostos. Estas titorías serán tanto presenciais como virtuais a través de correo electrónico, Campus Virtual ou a plataforma Microsoft Teams.
A asistencia ás clases interactivas e expositivas é obrigatoria e se terá en conta para a avaliación da materia. Será obrigatoria a asistencia polo menos ao 80% das sesións (salvo causas moi xustificadas, segundo normativa da USC). As clases prácticas realizaranse ao longo do curso durante as sesións de clases interactivas.
Recoméndase encarecidamente utilizar as titorías, tanto presenciais como virtuais, para a resolución das dúbidas relacionadas co contido da materia.
Para superar a materia, o/a alumno/a terá que realizar todas as actividades que se propoñan e superar os exames correspondentes.
Primeira oportunidade:
Para superar a disciplina, o/a alumno/a deberá ter asistido ás clases, ter entregadas e superadas as actividades propostas (40% da cualificación final) e aprobar o exame final (60% da cualificación). O exame final estará composto de dúas partes que o alumno deberá superar por separado: parte teórica, que será avaliada a través dun tipo test, e parte práctica, que será desenvolvida a través de exercicios de programación. As preguntas do exame final terán un enfoque práctico relacionado cos contidos que se desenvolveron na materia, en relación coas súas competencias, e que poderán ter sido adquiridos polo alumno tanto na parte expositiva como na interactiva.
O exame poderá constar de preguntas tipo test, preguntas curtas e problemas de casos prácticos.
Exames parciais: non se realizará ningún exame parcial.
Segunda oportunidade:
Mantense a nota conseguida nas prácticas durante o curso e tamén o seu peso na nota final. Os/as alumnos/as poderán entregar en data previa o exame final para a segunda oportunidade, aquelas actividades en que non alcanzasen a nota de corte na convocatoria anterior. Unha vez aprobadas ambas as partes por separado, o exame será o 60% da nota final e as prácticas o 40%. Seguindo o esquema descrito en primeira convocatoria, a superación do exame final implicará superar por separado unha parte teórica, a través dun tipo test, e unha parte práctica, a través do desenvolvemento de exercicios de programación.
Dispensa de asistencia:
En caso de dispensa de asistencia, o/a alumno/a estará exento/a do cumprimento do deber de asistencia a clases presenciais, pero continuará sendo obrigatoria a realización e entrega das actividades propostas, así como superar o exame final.
Alumnado repetidor:
O alumnado repetidor de anos anteriores estará exento do cumprimento do deber de asistencia ás clases presenciais. Para aprobar a materia é obrigatoria a realización e entrega das actividades propostas nas mesmas datas establecidas para o resto de estudantes, así como superar o exame teórico-práctico.
Realización fraudulenta de exercicios ou probas:
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na "Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións" da USC.
Avaliación das competencias:
En xeral, o desenvolvemento das actividades prácticas, así como a preparación dos temas teóricos, permitiralle ao alumnado traballar as competencias básicas, xerais e transversais da disciplina. En concreto, o desenvolvemento das prácticas, así como a proba final, permitirá avaliar a competencia específica CE18.
A materia ten fixada unha carga de traballo de 6 ECTS. Este dato conduce a unha carga de traballo para a materia situada entre as 150 (6x25) horas e as 180 (6x30) horas.
Na guía da materia pódense ver máis detalles sobre o tempo de estudo e traballo persoal necesario para superar a materia. A recomendación xeral sería empregar entre 10 e 12 horas (incluídas as 4 de clase) por semana.
Traballo presencial na aula:
- Docencia expositiva: 18 horas.
- Docencia interactiva: 30 horas.
- Titorías de grupo (con grupos reducidos): 3 horas.
- Actividades de avaliación: 3 horas.
TOTAL: 54 horas.
Traballo persoal do alumnado:
- Estudo en grupo ou individual: 24 horas.
- Resolución de casos prácticos: 47 horas.
- Elaboración de traballos do curso: 3 horas.
- Preparación de probas de avaliación: 22 horas.
TOTAL: 96 horas.
Dado que se emprega unha metodoloxía sustentada na avaliación continua, cómpre un traballo continuado cos contidos da materia. Isto é especialmente importante coas prácticas, xa que uns contidos se van asentando sobre os anteriores, o que fai moi conveniente ter asimilados os temas anteriores antes de intentar comprender os novos. É a única forma de poder ir superando as distintas actividades de avaliación que se propoñen.
Idioma principal: a materia impartirase en castelán.
Martin Liz Dominguez
Coordinador/a- Departamento
- Electrónica e Computación
- Área
- Linguaxes e Sistemas Informáticos
- Teléfono
- 982823207
- Correo electrónico
- martin.liz [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Axudante Doutor LOSU
Venres | |||
---|---|---|---|
11:30-12:50 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Aula 6 |
26.05.2025 09:00-13:00 | Grupo /CLE_01 | Aula Informática 1 |
26.05.2025 09:00-13:00 | Grupo /CLE_01 | Aula Informática 2 |
02.07.2025 09:00-13:00 | Grupo /CLE_01 | Aula Informática 1 |
02.07.2025 09:00-13:00 | Grupo /CLE_01 | Aula Informática 2 |