Créditos ECTS Créditos ECTS: 4.5
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 74.25 Horas de Titorías: 2.25 Clase Expositiva: 18 Clase Interactiva: 18 Total: 112.5
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Didáctica e Organización Escolar
Centro Facultade de Formación do Profesorado
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
A partir do desenvolvemento da teoría das intelixencias múltiples de Gardner (1993), popularizada máis tarde por Goleman, todos coñecemos a importancia da intelixencia intrapersoal, que permite comprenderse e traballar con un mesmo, e a interpersoal, que permite comprender e traballar cos demais.
Ambas forman parte da intelixencia emocional que se define como a capacidade de coñecer as nosas propias emocións, xestionalas eficazmente, motivarnos a nós mesmos, recoñecer as emocións dos demais e establecer relacións positivas con outras persoas.
Todos temos a necesidade de sentirnos ben con nós mesmos, desenvolver as nosas fortalezas e potencialidades e ter unha actitude positiva ante a vida, o cal implica ter confianza en un mesmo e poder establecer boas relacións interpersoais. Pero todas estas capacidades non son innatas senón que poden ser aprendidas e desenvolvidas. Disto ocúpase a Educación Emocional que ten como finalidade o desenvolvemento integral da persoa harmonizando os compoñentes cognitivos e afectivos e aumentando así o benestar persoal e a integración social.
Nos últimos anos, a educación emocional foi obxecto de numerosas investigacións e tense demostrado que uns adecuados niveis de intelixencia emocional axudan a afrontar con maior éxito os contratempos cotiás e o estrés laboral ao que se enfrontan os docentes no contexto educativo.
Por elo, é importante que as futuras mestras e mestres se atrevan a repensar a educación desde os parámetros da educación emocional xa que esta, non só é o eixo vertebrador da convivencia senón que está estreitamente vinculada á saúde mental e á calidade de vida polo que se convirte nun aspecto imprescindible para afrontar os profundos cambios estruturais e sociais que se están producindo.
Desde esta formulación inicial, os nosos obxectivos para esta materia son os seguintes:
1.Tomar conciencia da importancia de desenvolver a propia intelixencia emocional e adquirir unha adecuada competencia emocional como base para lograr un bo desenvolvemento persoal e profesional que lle permita desenvolver a competencia emocional dos seus alumnos.
2.Coñecer e comprender o marco conceptual das emocións como punto de partida para desenvolver un programa de educación emocional para a escola e desenvolver as destrezas e habilidades necesarias para a súa adecuada implementación.
3.Comprender e analizar diferentes casos de procesos psicoemocionais no contexto escolar e propoñer alternativas de intervención.
4.Coñecer e analizar diversos programas ou proxectos de educación emocional en Galicia e no contexto español.
5.Deseñar e levar á práctica unha proposta educativa orientada á expresión e ao desenvolvemento emocional dos nenos e nenas de Educación Infantil e/ou Primaria.
6.Deseñar unha proposta de observación sistemática dun proceso psicosocial no contexto escolar.
Outros obxectivos:
Acadar e demostrar, por parte do alumnado, competencia en lingua galega, por formar parte esta materia do Proxecto CompetenteS, impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade.
1. Marco conceptual das emocións: os sentires básicos, emocións, sentimentos, sensacións e estados de ánimo. As emocións primarias e a súa alquimia. A Intelixencia Emocional: Modelos e definicións.
2. O desenvolvemento emocional na primeira infancia. Socializacion emocional: o papel da familia, a escola e os iguais no desenvolvemento emocional.
3. A integración da Educación emocional no sistema educativo. Aspectos xerais.
4. Propostas educativas para favorecer o desenvolvemento emocional. Análise de programas concretos de educación emocional dirixidos a Educación Infantil e Primaria.
5. O desenvolvemento emocional do profesorado. Identidade profesional e benestar emocional dos docentes. O síndrome de Burnout e o Engagement.
A) Bibliografía básica
Libros básicos para o marco teórico:
Bisquerra, R. (2012) (Coord): ¿Cómo educar las emociones?. La inteligencia emocional en la infancia y la adolescencia. Esplugues de Llobregat (Barcelona), Hospital Sant Joan de Déu. Dispoñible en: https://faros.hsjdbcn.org/sites/default/files/faros_6_cast.pdf
Palou Vicens, S. (2008). Sentir y crecer. El crecimiento emocional en la infancia. Biblioteca de infantil, 2. Barcelona: Graó.
Siegel, J. Y Payne Brison, T. (2012). El cerebro del niño. Barcelona: Alba Editorial.
Toro, J.M. (2009) Educar con Co-razón. Bilbao: Editorial Desclée de Brouwer
Programas de Educación Emocional para analizar na parte práctica do Tema 4:
Argys Rey, R., et al. (2012). Programa Aulas felices. Psicología positiva aplicada a la educación. Equipo SATI (http://catedu.es/psicologiapositiva). Dispoñible en: http://www.apega.org/index.php/publicacions/outras-publicacions/692-pro…
Caruana Vañó, A. y Tercero Gimenez, M.P. (2011). Cultivando emociones. Educación Emocional de 3 a 8 años. Dispoñible en: http://www.juntadeandalucia.es/educacion/webportal/ishare-servlet/conte…
Giménez-Dasi, M., Fernández Sánchez, M. y France Daniel, M. y (2013). Pensando las emociones. Programa de Intervención para Educación Infantil. Madrid: Pirámide.
Quintanilla, L. y Giménez-Dasi, M.,(2016). Pensando las emociones con atención plena. Programa de intervención para Educación Primaria. Madrid, Pirámide.
Renón Plana, A. (Coord). (2007). Educación emocional. Programa para Educación Primaria (6-12 años). Madrid: Wolters Kluwer.
Romero E. Et al (2013). EmPeCemos. Programa para la intervención en problemas de conducta infantiles.
López Cassà, E. (2011). Educar las emociones en la infancia (de 0 a 6 años). Reflexiones y propuestas prácticas. Madrid: Wolters Kluwer España S.A.
Lozano González, L et. Al (2011) Programa P.E.D.E. (Programa Escolar de Desarrollo Emocional). Consejeria de Educación y Ciencia del Principado de Asturias. Dispoñible en: https://www.orientacionandujar.es/wp-content/uploads/2016/03/Gu%C3%ADa-…
B) Bibliografía complementaria
Abelleira Bardanca, A. y Amigo Quintana, M. (Coords.) (2009): Medrando sans. De sentimento en sentimento, de emoción en emoción. Xunta de Galicia. Dispoñible en: http://www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/DXC/Sentimentos.pdf
Acosta, A. (dir.) (2008). Educación emocional y convivencia en el aula. Madrid: MEC
Bisquerra, R. (2000). Educación emocional y bienestar. Barcelona: Praxis.
Carpena, A. (2003). Educación socioemocional en la etapa de primaria. Barcelona: Octaedro.
Csikszentmihalyi, M. (1998b). Aprender a fluir. Barcelona: Kairós.
Delors, J. (1996). La educación encierra un tesoro. Informe a la UNESCO de la Comisión Internacional sobre la Educación para el Siglo XXI. Madrid: Santillana-Unesco.
Díaz Navarro, M.C. (2010). El piso de abajo de la escuela. Biblioteca de infantil, 3. Barcelona: Graó.
Fernández-Berrocal, P. e Ramos-Díaz, N.S. (2004). Desarrolla tu inteligencia emocional. Barcelona: Kairós.
Gardner, H. (1995). Inteligencias múltiples. La teoría en la práctica. Barcelona: Paidós.
Goleman, D. (1996). Inteligencia emocional. Barcelona: Kairós.
Revistas
AULA DE INFANTIL: https://www.grao.com/es/aula-infantil
CUADERNOS DE PEDAGOGÍA: http://www.cuadernosdepedagogia.com/content/Inicio.aspx
COMPETENCIAS XERAIS
G2. Promover e facilitar as aprendizaxes na primeira infancia, desde unha perspectiva globalizadora e integradora das diferentes dimensións cognitiva, emocional, psicomotora e volitiva.
G.4.- Fomentar a convivencia na aula e fóra dela e abordar a resolución pacífica de conflitos. Saber observar sistematicamente contextos de aprendizaxe e convivencia e saber reflexionar sobre eles.
G.5.- Reflexionar en grupo sobre a aceptación de normas e o respecto aos demais. Promover a autonomía e a singularidade de cada estudante como factores de educación das emocións, os sentimentos e os valores na primeira infancia.
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS
EC12. Conciencia emocional: desenvolver a capacidade para tomar conciencia das propias emocións e das emocións dos demais, incluíndo a habilidade para captar o clima emocional dun contexto determinado.
EC13. Regulación emocional: desenvolver a capacidade para manexar as emocións de forma apropiada tomando conciencia da relación entre emoción, cognición e comportamento e desenvolvendo estratexias de afrontamento e auto xeración de emocións positivas.
EC14. Autonomía emocional: desenvolver a capacidade de autoxestión persoal, autoestima, actitude positiva ante a vida, responsabilidade, capacidade para analizar criticamente as normas sociais, a capacidade para buscar axuda e recursos, así como a auto eficacia emocional.
EC15. Competencia social: desenvolver a capacidade para manter boas relacións con outras persoas adquirindo habilidades sociais, de respecto, actitudes pro-sociais, asertividade, e desenvolvendo a capacidade para unha comunicación efectiva.
EC16. Competencias para a vida e o benestar: desenvolver a capacidade para adoptar comportamentos apropiados e responsables que permitan aos futuros docentes afrontar satisfactoriamente os desafíos diarios da vida na aula así como las situacións excepcionais que poidan xurdir favorecendo así a aparición de experiencias de satisfacción e benestar persoal e profesional.
EC17. Competencia didáctica: ser capaz de deseñar un programa de educación emocional integrado no currículo de Educación Infantil ou Primaria e desenvolver as destrezas e habilidades necesarias para a súa adecuada implementación.
COMPETENCIAS BÁSICAS
Estas competencias son as establecidas polo Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior, (MECES).
B.2. Que os estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha maneira profesional e posúan as competencias que acostuman a demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudio.
B.3. Que os estudantes teñan a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
B.4. Que os estudantes poidan transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
COMPETENCIAS TRANSVERSAIS
Das catro competencias transversais establecidas pola USC (Universidade de Santiago de Compostela) nas Liñas Xerais para a implantación dos estudos de grao e posgrao (aprobadas polo Consello Galego de Universidades o 05/11/2007), esta materia, aínda que terá en conta todas as competencias transversais establecidas, contribuirá de maneira especial ao aprendizaxe e desenvolvemento da competencia T3.
T3. Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación
A metodoloxía proposta integra dous elementos fundamentais para o correcto desenvolvemento da materia: teoría e práctica. Polo tanto, combinaranse sesións de carácter teórico-expositivo e sesións de carácter interactivo que contribúan á posta en práctica dos coñecementos adquiridos por parte do alumnado en tarefas concretas que permitan a reflexión persoal, a análise, a creación propia, o descubrimento ou a busca de información entre outros aspectos. Para elo, o traballo desenvolvido nas sesións presenciais debe complementarse, necesariamente, co traballo autónomo por parte do alumnado fora da aula.
As sesións expositivas desenvolvense na aula e poden incluir diversas actividades:
-Exposicións por parte da docente sobre os contidos.
-Exposicion por parte do alumnado de actividades formativas realizadas de xeito autónomo (mapa conceptual, comentario de artigos, análise dun texto, análise dun vídeo, etc.).
-Aplicación de enquisas de AUTOAVALIACIÓN sobre os contidos do tema.
-Discusión sobre unha parte dos contidos do tema preparado previamente por parte do alumnado.
As sesións interactivas implican a posta en común ou debate sobre contidos previamente preparados polo alumnado na propia aula ou na casa (análise de Programas de Educación emocional, análise de procesos psicoemocionais, etc).
Acerca do traballo autónomo fora da aula e a realización do CARTAFOL GRUPAL
Polo que respecta ao traballo autónomo fóra da aula, éste concretarase en:
-Diversas actividades de aprendizaxe que se irán especificando para cada tema e para cada sesión práctica (lectura ou análise de documentos, visionado de videos, realización dun mapa conceptual ou liña de tempo, etc.). Ditas actividades serán recollidas nun CARTAFOL DIXITAL GRUPAL.
-Proxecto de traballo en grupo: Realizarase un traballo en grupos de 4 alumnos que consistirá no seguinte: o Análise de 3 programas de Educación Emocional. Cada parella do grupo analizará en profundidade un programa de Educación Emocional dirixido a Educación Infantil ou Primaria e, entre todos os membros do grupo analizarán o programa AULAS FELICES. Os programas analizados por cada parella serán expostos na clase interactiva correspondente e realizarase unha análise comparativa entre todos os programas presentados.
-Realización e posta en práctica dunha proposta didáctica: a partir da análise dos programas, cada grupo elaborará unha proposta didáctica para levar a cabo nun colexio. Daranse indicacións máis precisas para a realización deste traballo nunha sesión interactiva.
-Elaboración do CARTAFOL DIXITAL GRUPAL: ao rematar as sesións interactivas deberá entregarse un caderno (en formato dixital) no que se inclúa unha recopilación das actividades realizadas polo alumnado durante as sesións interactivas. En clase daranse indicacións máis precisas sobre a elaboración deste caderno.
Acerca dos agrupamentos
As actividades de aprendizaxe así como o traballo nas clases interactivas realizaranse en parellas e/ou en
pequenos grupos formados por un máximo de 4 persoas. Os grupos serán conformados polo alumnado ao inicio
do cuadrimestre e notificaranse á docente na primeira sesión interactiva. Os estudantes que informen despois
desta data serán asignados pola profesora a grupos que poidan estar incompletos.
A nivel organizativo, para a realización dalgunhas tarefas (organización das prácticas vivenciais, debates, posta
en común, procura de información, lecturas colaborativas, etc) poderán configurarse agrupamentos de 2 ou 3
grupos de traballo (máximo 12 persoas). Dentro destes agrupamentos poderá realizarse unha distribución de
tarefas individuais ou en parellas. Cada agrupamento estará coordinado por un alumno ou alumna que realizará
labores de xestión do grupo e recompilación das aportacións realizadas por cada individuo ou parella. Tamén
fará as veces de portavoz do grupo en algunha actividade de posta en común.
Participacion no Proxecto CompetenteS
Esta materia e o seu corpo docente participan no Proxecto CompetenteS impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade, co perfil de galego. Por iso o profesorado desenvolverá en lingua galega a docencia da materia (expositiva, interactiva e titorial) e todas as actividades ligadas a ela, á marxe de que parte dos textos escritos que o alumnado deberá ler puidesen ofrecerse noutra lingua. O alumnado, pola súa parte, tamén interactuará co profesorado normalmente na lingua de perfil da materia, tanto a nivel oral como escrito, tanto nas clases como nas titorías, tanto en actividades presenciais como telemáticas ou non presenciais, tanto se son síncronas como asíncronas.
A modalidade de avaliación da materia é a avaliación continua formativa que será de aplicación para todo o alumnado (incluído o alumnado con exención ou dispensa de asistencia á clase). Dita modalidade avaliativa contempla o emprego de diversos instrumentos, normas e circunstancias que inciden na avaliación e que se detallan a continuación nas seguintes epígrafes.
1. Instrumentos de avaliación
a) Participación na aula: 10% (1 pto)
b) Informes escritos e outras produccións (Cartafol grupal): 40% (4 puntos)
c) Exame final: 40% (4 puntos)
d) Presentacións orais: 10% (1 pto)
A continuación detallase máis polo miudo as características e condicións de cada un destes instrumentos.
A. Participación na aula
Carácter: Obrigatorio (para todo o alumnado agás os casos de exención de docencia )
Peso na cualificación: 10% (1 punto) (máximo 1 pto e mínimo 0,50)
Instrumentos principais de rexistro:
-As listaxes de asistencia e o seguimento das actividades en TEAMs e/ou no Campus Virtual.
-A observación directa da profesora nas sesións presenciais, especialmente nas sesións interactivas
-O seguimento semanal das actividades prácticas propostas para cada tema na plataforma virtual
Criterios de avaliación:
-Asistencia regular ás clases (expositivas e interactivas)
-Participación activa nas actividades que se realicen na aula.
-Publicación semanal na plataforma virtual da materia das actividades PRACTICAS realizadas na clase (ou de forma autónoma na casa) individualmente ou en grupo. O contido das actividades avalíase no CARTAFOL.
B. Informes escritos e outras producións: CARTAFOL GRUPAL de actividades e TRABALLO FINAL de grupo
Carácter: Obrigatorio (para todo o alumnado incluído o alumnado con Dispensa de asistencia a clase)
Peso na cualificación: 40% (4 puntos) (Máximo 4 puntos e mínimo 2 puntos)
Realización: Caderno de prácticas: En parellas. Traballo final de grupo: en grupos de 4 persoas e con algunha actividade en parella.
Criterios xerais de avaliación:
-Axustarse ás directrices aportadas pola docente en canto a forma e contido. Entregaranse as orientacións específicas na primeira semana de clase.
-Cumprir cos prazos de entrega establecidos para as distintas tarefas e para o seguimento do Cartafol grupal.
-Claridade expositiva e coherencia na redacción dos contidos tratados.
-Empregar unha linguaxe de calidade e unha expresión lingüística sen erros ortográficos e de sintaxe.
-Rigor científico na presentación dos contidos (citas bibliográficas e referencias bibliográficas empregadas debidamente citadas).
-Respectar os aspectos formais que se indiquen en relación á presentación de cada actividade e do cartafol no seu conxunto.
O primeiro día de clase, especificarase con maior detalle cada unha das actividades asi como os criterios específicos de avaliación establecidos.
C. Exame final e probas parciais:
Exame Final: na data oficial establecida no calendario de exames haberá un exame final sobre o contido teórico da materia baseado nos materiais de lectura obrigatoria establecidos para cada tema e que se facilitarán aos estudantes a través da plataforma virtual.
Carácter da proba: Obrigatoria (para todo o alumnado agás os que teñan aprobadas as probas parciais)
Peso na cualificación: 40% (4 puntos) (Máximo 4 puntos e mínimo 2 puntos)
Realización: individual
Tipo de proba: Este exame será de tipo test e constará de 50 preguntas de diferentes tipos (elección múltiple,
completar, relacionar, etc.). Tamén poderá incluír 1 pregunta de desenvolvemento..
Probas parciais: de carácter opcional. Realizaranse á semana seguinte de rematar cada tema. Solo pode
realizalas o alumnado que asiste regularmente a clase e desexa seguir unha avaliación continua.
Tipo de proba: realizarase unha proba de avaliación que consta de 10-15 preguntas tipo test e/ou 1 pregunta
de desenvolvemento. A proba tipo test ten unha duración de 10-15 minutos dependendo do número de
preguntas (1 minuto por pregunta).
Peso na cualificación: 40% (4 puntos) (Máximo 4 puntos e mínimo 2 puntos) cada proba ten unha valoración
máxima de 1 pto. Ao final calcularase a nota media de todas as probas realizadas que debe ser de 4 puntos
como máximo e 2 puntos como mínimo. Quen non obteña a cualificación mínima de 2 puntos deberá realizar
o exame final. Non é preciso aprobar todas as autoavaliacións xa que unha nota se pode compensar con outra
ao realizar a media final.
D. Presentacións orais
Carácter: Obrigatorio
Peso na cualificación: 10% ( 1 punto máximo e 0,50 mínimo).
Realizacion: En grupo. Participarán todos os membros do grupo na orde que determine a profesora. A exposición realizarase frente á docente e os/as compañeiros/as do grupo interactivo.
Temporalización: As exposicións realizaranse na última semana de clase empregando o horario das clases interactivas.
Contido da exposición:O contido da exposición oral será o Proxecto de grupo e a conclusión-reflexión final do Cartafol sobre as aprendizaxes adquiridas na asignatura.
Instrumento de avaliación: rúbrica elaborada pola profesora. Avalíase tanto o contido e a súa presentación como a calidade da exposición oral.
Criterios xerais de avaliación:
-Exposición fluída e explicación clara e comprensible dos contidos
-Orixinalidade e creatividade na presentación
-Uso correcto da linguaxe empregada
-Uso axeitado e calidade dos recursos empregados na exposición (gráficos, taboas, imaxes, mapas visuais ou mapas conceptuais, etc)
-Citación adecuada das fontes empregadas
2. Normativa e condicións da avaliación
Con carácter xeral, para superar a materia será preciso cumprir os seguintes requisitos:
1.Cualificación mínima: establécese unha puntuación mínima de 5 puntos para obter a cualificación de aprobado na materia. Esta puntuación debe obterse a partir da puntuación mínima concretada nas epígrafes A (Participación), B (Informes escritos e outras producións) e C (Exame final).
2.Para superar e acadar unha valoración positiva na materia, tendo en conta que se establece unha avaliación continua, será preciso realizar e entregar no prazo que se determine todos os traballos e actividades de avaliación requiridas e superar cada unha delas. Se non se entregan todas as actividades e traballos obrigatorios solicitados a cualificación da materia será a de “suspenso”.
3.Valórase a competencia lingüística en lingua galega. En virtude da participación desta asignatura no Proxecto CompetenteS impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade (co perfil de galego), e coa intención de que o profesorado poida polo tanto avaliar o dominio por parte do alumnado da competencia T2 da USC (coñecemento instrumental da lingua galega, tanto a nivel oral como escrito), as e os estudantes normalmente presentarán en galego tanto as súas exposicións orais como os traballos escritos da materia. Paralelamente seranlles valoradas no apartado de participación activa as súas intervencións en galego. En relación con isto, valorarase a competencia T2 (coñecemento instrumental da lingua galega) na participación activa, nas exposicións orais e nos traballos escritos que realice o alumnado.
4.Os traballos individuais ou grupais dos estudantes deberán ser orixinais. Calquera traballo copiado total ou parcialmente suporá o suspenso da materia e a avaliación do alumno ou alumna na seguinte convocatoria. Nestes casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o que se recolle na Normativa de avaliación do rendemento dos estudantes e de revisión de cualificacións.
5.A efectos avaliativos, un mesmo traballo non pode ser utilizado para varias asignaturas, excepto nas actividades programadas de forma coordinada. Nesta asignatura unha parte das actividades do Portafo lio serán avaliadas conxuntamente nas asignaturas de Proxectos e Organización.
6.Asistencia: Controlarase a asistencia en todas as sesións presenciais (clases expositivas e clases interactivas).
A asistencia á clase ten unha incidencia directa na avaliación continua, polo que debemos ter en conta as diferentes situacións:
a)Asistencia a un 80% ou máis das sesións presenciais: Para obter unha valoración positiva pola asistencia á clase é preciso asistir como mínimo ao 80% das sesións presenciais, ademais de implicarse activamente nas actividades que se soliciten. Estas actividades de caracter experiencial non son recuperables. Polo tanto, cando un/unha alumno/a falta a unha práctica de carácter experiencial seralle descontada a parte proporcional de dita práctica na valoración do caderno de prácticas.
b)Alumnado que asiste a menos do 80% das sesións presenciais: o alumnado con 3 ou máis faltas de asistencia (é dicir, o 20% do total das sesións presenciais), non será cualificado na epígrafe A (participación na aula). Tendo en conta as causas da ausencia á clase, e cando a profesora o estime oportuno, estes alumnos e alumnas poderán presentar traballos e realizar exposicións orais, pero sempre con carácter individual, en ningún caso poderán formar parte dun grupo de traballo. Así mesmo, aqueles alumnos e alumnas que polas razóns que sexa (xustificadas ou non) teñan 4 ou máis faltas de asistencia ás reunións de traballo en grupo (tanto presenciais como fóra da aula) quedarán excluídos e excluídas do traballo de grupo e deberán continuar o traballo de xeito individual.
c)Alumnado con dispensa de asistencia a clase (exención de docencia). Aqueles alumnos e alumnas que soliciten a dispensa e esta lle sexa concedida (atendendo ás causas de concesión indicadas na Instrución Nº 1/2017 da Secretaría Xeral sobre a dispensa de asistencia a clase en determinadas circunstancias), deberán informar á profesora desta situación no prazo máximo dunha semana dende a concesión. Os mesmos criterios aplicaranse para estes estudantes cunha exención de asistencia a clase que para o alumnado asistente. As actividades e traballos a realizar así como as datas de entrega serán as mesmas que para os estudantes asistentes. No apartado de participación nas clases terase en conta o seguimento na entrega dos traballos e a súa actividade na plataforma virtual.
d)Alumnado do curso ponte. Estes estudantes deberán poñerse en contacto coa profesora na primeira semana do cuatrimestre para deseñar o seu plan de traballo. Neste caso a avaliación tamén será continua e aplicaranse os mesmos criterios que para o resto dos e das estudantes, pero realizarase unha adaptación dos contidos dos traballos de xeito que poida adaptarse á súa situación laboral.
e)Alumnado con diversidade funcional. O alumnado que presente calquera tipo de diversidade funcional ou dificultade para un seguimento normalizado da materia, sexa esa dificultade permanente ou temporal, deberá xustificar a súa situación a través dun documento expedido polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC (www.usc.es/gl/servizos/sepiu), e informar do seu caso á docente dentro das dúas primeiras semanas do semestre, a fin de poder acordar o plan de traballo e as adaptacións e apoios oportunos para un adecuado seguimento da materia.
3. Realización de traballos
Os traballos que se entreguen á profesora para a súa valoración deben cumprir co rigor científico esixido para un traballo académico:
a)Estrutura: a non ser que se indique o contrario, todo traballo debe constar de portada, índice, introdución, corpo do traballo debidamente numerado e organizado, conclusións ou reflexións finais, referencias bibliográficas e, de ser o caso, anexos.
b)Calidade lingüística: ortografía e sintaxe. Os traballos que presenten faltas de ortografía serán penalizados con 1 punto.
c)Citación adecuada das fontes bibliográficas. Realización adecuada das citas bibliográficas directas e indirectas que se empreguen no corpo do texto. As citas mal recollidas serán penalizadas. Aqueles traballos que recollan frases textuais ou ideas orixinais sen citar a fonte bibliográfica serán descualificados, podendo ser causa de suspenso da materia.
d)Referencias bibliográficas segundo a normativa APA. As referencias bibliográficas mal citadas poderán ser penalizadas.
e)Orixinalidade: o plaxio, total ou parcial, dun traballo será motivo de suspenso. Cando se trate dun traballo en grupo, a cualificación será extensible a todos os membros do grupo.
4. Recuperación da materia
a)O alumnado que non supere a materia na primeira oportunidade (período ordinario) terá unha segunda oportunidade de avaliación. Os alumnos e as alumnas que se atopen nesta situación deberán acudir á titoría unha vez feitas públicas as cualificacións para concretar o plan de traballo a realizar para a recuperación da materia na segunda oportunidade. Neste senso, hai que sinalar que a modalidade de avaliación na segunda oportunidade será a mesma: avaliación continua. Así mesmo, o sistema e os criterios de avaliación tamén serán os mesmos na segunda oportunidade. Polo tanto, o alumnado terá nesta segunda oportunidade a posibilidade de realizar, modificar, reelaborar, etc. as actividades e traballos previos cos que non acadaron a cualificación mínima de 5 puntos na primeira oportunidade de avaliación.
b)Alumnado de 2ª convocatoria e posteriores (é dicir, alumnado repetidor). Os e as estudantes que se atopen nesta situación, deberán pasar pola titoría dentro das dúas primeiras semanas do semestre para concretar coa profesora un plan de traballo específico tendo en conta as circunstancias e condicións da súa situación no curso anterior.
c)Este programa será válido para as dúas oportunidades da convocatoria do curso 2024/2025.
Ao tratarse dunha materia de 4,5 créditos ECTS, correspóndenlle 112,5 horas de traballo do alumno ou alumna. Estas horas distribúense do seguinte xeito:
Horas de actividade presencial: 38,5h
- Actividades expositivas en gran grupo: 18 h
- Actividades interactivas: 18 h
- Actividades de titoría e supervisión programadas: 2,5 h
Horas de traballo autónomo do alumnado fora da aula: 74 horas
Total: 112,5 horas
1.Ter unha actitude positiva cara o traballo emocional e a introspección.
2.A asistencia continuada ás sesións presenciais e a entrega en tempo e forma dos traballos e actividades que se propoñan.
3.É recomendable posuír ordenador e conexión a Internet e coñecementos de informática a nivel básico de usuario.
4.Propoñerse un estudo comprensivo e non memorístico da materia
5. É moi importante realizar un traballo continuado todas as semanas.
6. Amosar, tanto nas intervencións en clase como nos escritos, unha actitude ética e de compromiso coa Infancia. Non esquezades que vivir a educación é moito máis que saber empregar unhas ferramentas técnicas e didácticas.
7. Titorías: rrecoméndase ao alumnado que faga uso das titorías sempre e cando teña algunha dúbida en relación co temario ou coa realización dos traballos. As titorías levaranse a cabo principalmente de forma presencial no despacho da profesora e segundo o horario establecido que será comunicado ao alumnado na primeira semana de clase.
a) A USC é unha Universidade presencial, polo que, tal como queda reflectido no sistema de avaliación, é obrigatoria a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de clase.
Os alumnos e alumnas que por algún motivo non poidan asistir á clase de forma continuada deberán contar cunha dispensa de asistencia que terá que ser aprobada pola Xunta da Facultade, tendo en conta os motivos e criterios establecidos na normativa (Instrución Nº 1/2017 da Secretaría Xeral sobre a dispensa de asistencia a clase en determinadas circunstancias).
O alumnado que se atope nesta situación deberá ter en conta as condicións que se establecen no apartado de avaliación en relación coa asistencia ás clases.
b) O alumnado que precise de algún tipo de adaptación ou apoio específico por características de NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo) deberá solicitalo ao profesorado, pero só se terán en conta a estes efectos aqueles casos que teñan sido valorados e informados polo SEPIU (Servizo de Participación e Integración Universitaria). URL: http://www.usc.es/gl/servizos/sepiu/
RESPONSABILIDADE AMBIENTAL NA ELABORACIÓN DE TRABALLOS
En relación aos traballos persoais ou de grupo que se realicen para a materia deberanse ter en conta as seguintes indicacións que mellorarán a responsabilidade ambiental no emprego de recursos:
- Evitar tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
- Sempre que sexa posible empregar grampas en lugar de encanutillados.
- Imprimir a dúas caras en calidade “aforro de tinta”.
- Non empregar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
- Evitar anexos que non teñan referencia directa cos temas desenvolvidos.
PERSPECTIVA DE XÉNERO
En atención a criterios de igualdade de xénero no ámbito universitario, recoméndase facer uso da linguaxe non sexista tanto no traballo cotiá de aula como nos traballos académicos encomendados. Pódese obter información ao respecto no enlace: http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/oix/descargas/lingua…
UTILIZACIÓN DO MÓBIL NA AULA
Queda restrinxido o uso do teléfono móbil na aula ao seu emprego como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo profesorado, responsabilizándose ao alumnado das consecuencias legais e académicas que podan derivarse dun emprego non axeitado do mesmo.
Maria Lina Iglesias Forneiro
Coordinador/a- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Didáctica e Organización Escolar
- Teléfono
- 982821044
- Correo electrónico
- lina.iglesias [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Martes | |||
---|---|---|---|
13:30-15:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | Aula 29 |
Mércores | |||
12:00-13:30 | Grupo /CLIS_02 | Galego | Aula de Música |
13:30-15:00 | Grupo /CLIS_01 | Galego | Aula de Música |
26.05.2025 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 29 |
26.06.2025 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 29 |