Créditos ECTS Créditos ECTS: 24
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 598 Clase Interactiva: 2 Total: 600
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Prácticum Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Didácticas Aplicadas, Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Didáctica da Expresión Corporal, Didáctica da Expresión Musical, Didáctica da Expresión Plástica, Didáctica da Lingua e a Literatura, Didáctica da Matemática, Didáctica das Ciencias Experimentais, Didáctica das Ciencias Sociais, Didáctica e Organización Escolar
Centro Facultade de Formación do Profesorado
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
OBXECTIVOS CONCEPTUAIS (SABER)
- Coñecer o centro escolar, o seu funcionamento e a interacción co seu contexto.
- Coñecer o currículo da Educación Infantil, en particular daquelas áreas sobre as que se traballe especificamente durante o período de prácticas.
- Coñecer as características do alumnado, as súas singularidades, os seus intereses e as súas necesidades educativas. Coñecer as relacións interpersoais que teñen lugar na aula de referencia e a súa influencia no clima de aula.
- Coñecer as posibilidades e limitacións dos materiais e recursos susceptibles de emprego nas aulas de educación infantil.
- Coñecer as pautas para o deseño, desenvolvemento e avaliación de proxectos de aula.
OBXECTIVOS PROCEDEMENTAIS (SABER FACER)
- Recoller datos para a descrición do centro escolar, o seu funcionamento e a interacción co contexto: familias, ANPA, concello, servizos sociais, etc.
- Describir e analizar os documentos impresos que emprega a/o docente para a planificación e o desenvolvemento das súas tarefas na aula: unidades didácticas, proxectos, adaptacións curriculares, fichas, libros de texto, etc.
- Describir e analizar os recursos existentes na aula desde diversas dimensións: plástica e visual, motriz e literaria.
- Describir e analizar o uso das TIC e os recursos electrónicos empregados na aula: gravadoras, cámaras fotográficas e de vídeo, ordenadores, etc.
- Describir e analizar as actividades complementarias que desenvolva a/o docente: conmemoracións, visitas, excursións, etc.
- Deseñar, desenvolver, avaliar e documentar proxectos ou novas experiencias na aula, tendo en conta as suxestións do titor/a, a orientación do supervisor/a e os intereses do alumnado.
- Describir o clima de aula, tendo en conta as relacións horizontais e verticais.
- Identificar os conflitos e as estratexias para a súa resolución, analizalos e facer novas propostas tendo en conta as características do grupo e o propio autocoñecemento.
OBXECTIVOS ACTITUDINAIS (SABER SER)
- Cooperar coa titora ou titor en novas propostas que sexan de interese para o alumnado da aula.
- Crear unha relación de confianza coa titora ou titor correspondente que permita un bo traballo en equipo e contribúa á construción dun adecuado clima de aula.
- Valorar e asumir a responsabilidade que, como docentes en prácticas, se vai adquirindo na relación co alumnado, o profesorado, as familias e aqueloutros axentes que interveñan no centro educativo.
- Esforzarse por adquirir e potenciar algunhas das características que son necesarias para desenvolver adecuadamente a función docente: autocontrol, paciencia, interese, actitude reflexiva e crítica, curiosidade intelectual e capacidade de adaptación e improvisación.
- Mostrar valores e actitudes de compromiso coa defensa da democracia e os dereitos humanos, de forma que se traduzan en comportamentos apropiados cara o alumnado, o profesorado do centro e os restantes membros da comunidade educativa.
- Tomar conciencia da propia habilidade comunicativa e dos recursos verbais e non verbais empregados.
AULA: PROXECTOS E ACCIÓN DOCENTE DO APRENDIZ DE PROFESOR.
- Modelos didácticos e desenvolvemento da docencia polo futuro profesor de Educación Infantil: desexos e realidades.
- Planificación de unidades didácticas e proxectos adaptados ás características do alumnado e contexto.
- Problemas e dilemas na posta en práctica de proxectos, unidades didácticas e actividades polos futuros profesores de Educación Infantil.
PROCESOS DE INNOVACIÓN E MELLORA NA AULA
- Práctica cotiá e innovación e mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe nas aulas de Educación Infantil.
- Investigación-acción, diarios e outras estratexias de investigación do profesorado.
- Dificultades de ensino-aprendizaxe de contidos procedimentais, actitudinais e conceptuais de diferentes áreas de Educación Infantil, desenvolvemento de competencias básicas e proxectos de mellora.
- A mellora da convivencia nas aulas de Educación Infantil.
PROCESOS DE INNOVACIÓN E MELLORA NO CENTRO
- Proxectos de mellora do centro e colaboración do profesorado.
- Participación e liderado en procesos de mellora no centro.
- Mellora do centro, clima, cultura, compromiso da comunidade educativa, colaboración co territorio e proxectos comunitarios.
- Condicionantes, problemas e resistencias en procesos de innovación no centro.
- Calidade e escolas de Educación Infantil.
PROCESO DE APRENDIZAXE DA ENSINANZA
- Socialización profesional de futuros profesores e procesos de mellora de aula e centro.
- As relacións aprendiz-titor, aprendiz-profesorado do centro, aprendiz-alumnado e outros membros da comunidade e do contexto do centro en procesos de innovación e mellora.
- A influencia da biografía, do coñecemento académico e das experiencias de prácticas nas teorías persoais, nas expectativas sociais e afectivas, na interpretación da realidade observada e nas accións de mellora emprendidas a nivel de aula e centro.
- Condicionantes, evolución e valoración da experiencia vivida nas escolas de Educación Infantil.
- Proxecto de mellora da competencia docente.
BIBILIOGRAFÍA BÁSICA
Antón, M. (2007). Planificar la etapa 0-6. Compromiso de sus agentes y práctica cotidiana. Graó.
Arnaiz, P. & Isús, S. (1997). La tutoría, organización y tareas. Graó.
Cela, J., Palou, J. & Gómez, C. B. (2005). Carta a los nuevos maestros. Paidós.
Díez, M. C. (1999). Un diario de clase no del todo pedagógico. Eds. de la Torre.
Imbernon, F. & Angulo, K. (2005). Vivencias de maestros y maestras. Compartir desde la práctica educativa. Graó.
Loughlin, C. E. & Suina, J. H. (1987). El ambiente de aprendizaje. Diseño y organización. MEC-Morata.
Marchesi, Á. (2004). Qué será de nosotros, los malos alumnos. Alianza.
Martin, J. & Ariza, R. P. (1997). El diario del profesor: Un recurso para la investigación en el Aula. Diada Editora.
Martín, X., Puig, J. M. & Padrós, M. (2008). Tutoría: técnicas, recursos y actividades. Alianza.
Mata, C. P. (2010). Preguntas y respuestas del profesorado de la enseñanza pública no universitaria. WoltersKluwer.
Pennac, D. (2008). Mal de escuela. Random House Mondadori.
Santos Guerra, M. A. (1999). El crisol de la participación. Investigación sobre la participación en consejos escolares de centro. Málaga: Aljibe.
Sacristán, J. G. (2001). Los retos de la enseñanza pública. Akal.
Torrego, J. C (coord.) (2006). Modelo integrado de mejora de la convivencia. Estrategias de mediación y tratamiento de conflictos. Graó.
Vaello, J. (2007). Como dar clase a los que no quieren. Santillana.
Zabalza, M. A. (2008): La calidad en la educación infantil. Narcea.
Zavalloni, G. (2011). La pedagogía del caracol. Por una escuela lenta y no violenta. Graó.
BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA
Alonso, J. I., Escarbajal, A. & Nortes, R. (2012). Experiencias de innovación en Educación Infantil y Educación Primaria. Universidad de Murcia.
Austin, R. (2009). Deja que el mundo exterior entre en el aula: nuevas formas de enseñar y aprender más allá del aula de Educación Infantil. Ediciones Morata.
Barrio, J. M. (2013). La innovación educativa pendiente: formar personas. Erasmus.
Díez, M. C. (2013). La Educación Infantil: 10 ideas clave. Graó.
Fernández, E. (2010). Hacia una utilización innovadora de las TIC en Educación Infantil: una propuesta para reconstruir el currículum investigando sobre la propia práctica. UPV.
García, A., Hernández, F., Miralles, P. & Maquilón, J. J. (Eds.) (2012): Investigación e Innovación en Educación Infantil y Educación Primaria. Monográfico de la Revista Electrónica Interuniversitaria de Formación do Profesorado, 15(40), 1- 206.
Jakku-Shivonene, R. & Niemi, H. (Eds.). (2011). Aprender de Finlandia: la apuesta por un profesorado investigador. Kaleida Forma.
Martínez, P. M., González, M. B. A. & Pérez, R. A. R. (Eds.). (2014). Investigación e innovación en Educación Infantil. Ediciones de la Universidad de Murcia (Editum).
Paredes, J. & De la Herrán, A. (coords.). La práctica de la innovación educativa. Síntesis.
Pedrero, A. (2012): Metodología de rincones: tradición e innovación en educación infantil (3-6 años): propuestas didácticas, estrategias y recursos para la competencia matemática y el proceso lectoescritor. Editorial de la Infancia.
Rivas, M. (2010). Innovación educativa: teoría, procesos y estrategias. Síntesis.
XERAIS
G1 - Comprender os procesos educativos e de aprendizaxe no período de 0-6, no contexto familiar, social e escolar.
G2 - Promover e facilitar as aprendizaxes na primeira infancia, desde unha perspectiva globalizadora e integradora das diferentes dimensións cognitiva, emocional, psicomotora e
volitiva.
G3 - Deseñar e regular espazos de aprendizaxe en contextos de diversidade que atendan as singulares necesidades educativas dos estudantes, a igualdade de xénero, a equidade e o respecto aos dereitos humanos.
G4 - Fomentar a convivencia na aula e fóra dela e abordar a resolución pacífica de conflitos. Saber observar sistematicamente contextos de aprendizaxe e convivencia e saber reflexionar sobre eles.
G5 - Reflexionar en grupo sobre a aceptación de normas e o respecto aos demais. Promover a autonomía e a singularidade de cada estudante como factores de educación das emocións, os sentimentos e os valores na primeira infancia
G6 - Coñecer a evolución da linguaxe na primeira infancia, saber identificar posibles disfuncións e velar pola súa correcta evolución. Abordar con eficacia situacións de aprendizaxe das linguas en contextos multiculturais e multilingües. Expresarse oralmente e por escrito e dominar o uso de diferentes técnicas de expresión.
G7 - Coñecer as implicacións educativas das tecnoloxías da información e a comunicación e, en particular, da televisión na primeira infancia.
G8 - Coñecer fundamentos de dietética e hixiene infantís. Coñecer fundamentos de atención temperá e as bases e desenvolvementos que permiten comprender os procesos psicolóxicos, de aprendizaxe e de construción da personalidade na primeira infancia.
G9 - Coñecer a organización das escolas de educación infantil e a diversidade de accións que comprende o seu funcionamento. Asumir que o exercicio da función docente ten que ir perfeccionándose e adaptándose aos cambios científicos, pedagóxicos e sociais ao longo da vida.
G10 - Actuar como orientador de pais e nais en relación coa educación familiar no período 0-6 e dominar habilidades sociais no trato e relación coa familia de cada estudante e co conxunto das familias.
G11 - Reflexionar sobre as prácticas de aula para innovar e mellorar o labor docente. Adquirir hábitos e destrezas para a aprendizaxe autónoma e cooperativa e promovela nos estudantes.
G12 - Comprender a función, as posibilidades e os límites da educación na sociedade actual e as competencias fundamentais que afectan aos colexios na educación infantil e aos seus profesionais. Coñecer modelos de mellora da calidade con aplicación aos centros educativos.
BÁSICAS
CB1 - Que os estudantes teñan demostrado posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e adoita se atopar a un nivel que, se ben se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudio.
CB2 - Que os estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúan as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
No marco da formación inicial dos futuros docentes de Educación Infantil, o Prácticum constitúe un período determinante ao tomar contacto co contexto da futura actividade profesional. No caso específico do Prácticum II, a formación oriéntase cara aos proxectos, as prácticas do centro escolar e o seu contexto, cara á aprendizaxe do ensino e cara aos procesos de mellora da aula e do centro.
Nesta materia pódese distinguir entre actividades presenciais na Facultade coordinadas polo profesorado universitario (supervisores/as), e actividades presenciais no centro escolar orientadas polo profesorado de cada centro de prácticas (titores/as). Así, o proceso de ensino-aprendizaxe nesta materia organízase en cinco fases:
FASE DE ORGANIZACIÓN
Antes da incorporación do alumnado aos centros de prácticas, a Coordinación Xeral de Prácticum convocará ao alumnado a fin de concretar os termos e o centro no que cada estudante realizará a fase de estadía da materia. O alumno ou alumna que non asista a estas xuntanzas decaerá do seu dereito a continuar na materia.
Esas sesións celebraranse no salón de actos preferentemente, en datas que serán comunicadas con suficiente antelación ao alumnado.
Sesións de organización
- 1ª sesión organizativa (pre-prácticum): Informacións xerais sobre o desenvolvemento da materia no curso seguinte. Explicación das características do Prácticum II (informacións xerais, normativa Prácticum, alumnado con estadía fóra de Lugo)
- 2ª sesión organizativa: Recollida de documentación do alumnado que realice unha estadía nun centro de prácticas non ofertado pola coordinación xeral de Prácticum; proceso de elección de centros ofertados pola coordinación xeral de Prácticum (centros en Lugo), resolución de dúbidas e casos individuais, etc.
- 3ª sesión organizativa: Explicación e entrega de documentación que o alumnado deberá levar aos centros de prácticas, presentación das normas xerais a ter en conta durante o período de estadía, resolución de dúbidas e casuísticas particulares
FASE DE PREPARACIÓN
Nesta fase o profesorado da Facultade convocará ao alumnado antes de iniciar o período de prácticas para dar a coñecer as características do Prácticum II en relación coa súa participación no centro educativo, as competencias e os obxectivos a alcanzar, as fases a seguir, os contidos a tratar, as actividades e traballos a desenvolver, os requisitos a cumprir, o informe final a entregar, etc. Todas estas cuestións quedarán detalladas na guía docente da materia. Nesta fase, tamén poderá haber encontros con profesionais en exercicio e outras actividades que anticipen as tarefas a desenvolver polo alumnado e que favorezan a súa integración no centro de prácticas.
FASE DE ESTADÍA
Correspóndese co período de prácticas no centro educativo.Neste período de tempo, exceptuando os casos debidamente autorizados, a presenza e participación do alumnado no centro educativo non será inferior a cinco horas/día de luns a venres laborables.
FASE DE SEGUIMENTO
Simultaneamente á fase de estadía, o profesorado da Facultade manterá o contacto co alumnado en prácticas para coñecer a súa evolución no centro educativo, guiar o proceso e resolver as dúbidas. Cada supervisor/a explicará a forma na que se realizará o seguimento na fase de preparación.
FASE DE REFLEXIÓN
Destinada a reflexionar, valorar e compartir a experiencia no centro de prácticas e o resto das actividades formativas do Prácticum desde un enfoque crítico e construtivo, así como a tomar conciencia do nivel de logro alcanzado nas competencias e a apoiar na elaboración do informe final. As sesións de reflexión serán convocadas polos supervisores tras o período de prácticas e con anterioridade á entrega do informe final.
Para completar a formación do alumnado, durante o cuadrimestre no que se insire o Prácticum II, poderán programarse relatorios relacionados con propostas innovadoras ou de mellora nos procesos de centro e aula. Na guía docente concretaranse as temáticas, os relatores e as datas nos que se celebrarán.
*Cada supervisor/a deberá encargarse de reservar con antelación a aula correspondente sempre que desexe realizar calquera sesión de traballo co alumnado da materia na Facultade nas distintas fases indicadas. Comunicaralle convenientemente de que aula se trata ao alumnado afectado.
DATAS LÍMITE DE ENTREGA DO INFORME:
A data límite de entrega do Informe de Prácticum correspóndese coa data oficial de exame que se pode consultar na web da materia.
A cualificación distribuirase da seguinte maneira:
- Participación e implicación nas sesións presenciais na Facultade (organización, preparación, seguimento, reflexión e relatorios): máximo 10% (1 punto).
- Avaliación da titora ou titor do centro de prácticas: máximo 40% (4 puntos).
- Avaliación do supervisor/a do informe final de Prácticum: máximo 50% (5 puntos).
REQUISITOS PARA SUPERAR A MATERIA
- Asistencia obrigatoria e participación activa en todas as actividades.
- Asistencia ao centro de prácticas de forma continuada, sen faltas, segundo o establecido no calendario de Prácticum II e cumprimento estrito do horario.
- Participación en todas as actividades da Facultade e nas propostas polo titor ou titora do centro de prácticas.
- Avaliación positiva por parte da titora ou titor respecto do labor desenvolvido durante a fase de estadía no centro de prácticas.
- Avaliación positiva por parte da/do supervisor da Facultade.
- Entrega en tempo e forma do informe final de Prácticum ou calquera outro traballo que se solicite por parte do profesorado da Facultade.
O INFORME FINAL DE PRÁCTICUM
Todo o material escrito que elabore o/a estudante para esta materia quedará recollido neste documento, do que se ofrecerá a debida concreción na guía docente. En todo caso, será un documento inédito, individual e orixinal que abarcará todas as fases do proceso e terá como data límite de entrega a marcada no calendario oficial de exames. A vía e o lugar de entrega será proposto polo profesorado da Facultade con suficiente antelación.
OUTRAS OBSERVACIÓNS ACERCA DA AVALIACIÓN:
- A asistencia é fundamental para o éxito nesta materia. Por iso, todo o alumnado debe asistir e participar activamente nas actividades programadas. Se xorde algunha circunstancia de forza maior (enfermidade, falecemento familiar directo, citación xudicial…) que impida a asistencia a algunha sesión esta deberá ser xustificada e facelo adecuadamente.
Consideraranse faltas xustificadas aquelas que estean apoiadas por documentación apropiada, como certificados médicos de servizos oficiais, notificacións legais, ou circunstancias excepcionais debidamente verificadas (por exemplo, falecemento de familiares directos).
É responsabilidade do estudante presentar dita documentación ao seu supervisor/a e ao seu titor/a nun prazo máximo de 7 días tras a ausencia.
Sempre que sexa posible, buscarase unha forma de recuperar as horas correspondentes a estas ausencias.
A porcentaxe de faltas xustificadas non poderá ser superior ao 20% das horas totais desta materia. Superar esta porcentaxe, supoñerá un suspenso automático nesta materia.
- A entrega dun traballo copiado suporá o suspenso automático na materia. Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na “Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións".
- O informe de prácticas deberá seguir expresamente os criterios establecidos para a súa elaboración neste programa e na guía docente, tanto en contido como en forma.
- O alumnado con avaliación negativa por parte do titor/a do centro suspenderá a materia na primeira oportunidade e non poderá optar á segunda, debido á imposibilidade de realizar un novo período de prácticas. En consecuencia, poderá superar a materia no seguinte curso académico.
- O alumnado con avaliación negativa no informe final poderá presentalo novamente na segunda oportunidade (xuño/xullo).
MATRÍCULAS DE HONRA:
Poderá optar á mención “Matrícula de Honra” o alumnado que obteña a máxima cualificación na materia e sexa proposto polo seu supervisor/a. Na guía docente concretarase un procedemento para a concesión desta mención cando haxa máis candidatos/as que Matrículas de Honra dispoñibles. En caso contrario, a mención recaerá nas persoas propostas sen máis trámites.
Horas presenciais na Facultade (sesións de organización, preparación, seguimento, reflexión e relatorios): 40 horas.
Horas de estadía no centro de prácticas: 350 horas.
Horas de traballo autónomo da/do estudante: 210 horas.
Horas totais de dedicación á materia: 600.
- Ter adquirido as competencias mínimas relacionadas coas materias ligadas máis directamente con procesos de planificación curricular, organización de ambientes de aula e desenvolvemento de estratexias de intervención en aulas de Educación Infantil e atención á diversidade, así como aquelas relacionadas cos procesos de planificación e organización de centros educativos, relacións destes coa súa contorna e procesos de innovación e mellora.
- Ler a guía docente que o profesorado ofrecerá ao comezo do cuadrimestre; nese documento detallaranse con máis concreción numerosos aspectos referentes ao desenvolvemento da materia, especialmente os relativos a actividades de aprendizaxe e instrumentos e criterios de avaliación.
- Darse de alta e consultar regularmente o campus virtual.
Para inscribirse en Prácticum II será requisito aprobar polo menos 48 créditos do terceiro ano, entre os cales se atopan necesariamente os de Prácticum I.
- En ningunha circunstancia os estudantes poderán iniciar a fase de estadía nun centro de prácticas sen que este recibise a notificación pertinente por parte da Coordinación Xeral de Prácticum. O incumprimento desta regra significará non aprobar a materia.
- Nesta materia non se contempla dispénsaa/exención de docencia. Todas as actividades realizadas na materia de Prácticum son de asistencia obrigatoria, polo que esta materia non se verá afectada pola “Instrución nº 1/2017 da Secretaría Xeral sobre a renuncia á asistencia a clase en determinadas circunstancias”. Todo o alumnado matriculado deberá realizar integramente todas as fases do Prácticum.
- O alumnado da materia que necesite algún tipo de adaptación ou apoio específico por características de NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo) deberá solicitalo ao profesorado supervisor asignado, pero só se terán en conta aqueles casos que fosen valorados e comunicados polo SEPIU (Servizo de Participación e Integración Universitaria: www.usc.es/gl/servizos/sepiu), servizo da USC competente para o efecto.
- Os traballos realizados polo alumnado deben entregarse, preferentemente, a través da aula virtual.
- Responsabilidade ambiental:
Se o supervisor ou supervisora solicita a entrega en papel, debe cumprir os seguintes requisitos:
- Evitar as tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
- Sempre que sexa posible, empregaranse grampas en lugar de encanutillados.
- Imprimir a dúas caras en calidade “aforro de tinta”.
- Non utilizar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
- Evitar anexos que non teñan referencia directa cos temas tratados no traballo.
- Calquera traballo escrito presentado polo alumnado para esta materia no actual curso académico poderá ser recollido polo seu autor (no despacho do profesor correspondente, e no seu horario de titorías en calquera momento) durante todo o mes de setembro posterior ao seguinte curso académico (é dicir, o profesorado custodia o traballo durante dous cursos académicos completos). A partir do 1 de outubro seguinte, os documentos non recolleitos serán destruídos.
- Perspectiva de xénero:
No desenvolvemento das clases e na realización das diferentes actividades respectaranse os criterios de igualdade de xénero. Pódese obter información respecto diso en:
http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/oix/descargas/lingua… non sexista, publicado WEB USC.pdf
- Obrigatoriedade de uso da conta de correo rai.
- Obrigatoriedade de emprego das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade.
- Non se poderá empregar o teléfono móbil, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo docente, responsabilizándose ao alumnado das consecuencias legais e académicas que podan derivarse dun emprego non acomodado do mesmo.
- Ter en conta que a ensino-aprendizaxe (clases / titorías) é un proceso privado, enténdase privado como proceso de comunicación e intercambio entre o/a docente e o estudantado matriculado na materia.
- Obrigatoriedade do cumprimento da normativa de protección de datos https://www.usc.gal/es/politica-privacidade-proteccion-datos
- É necesario lembrar que non se poden tomar fotografías nin gravar en vídeo ao alumnado sen unha autorización explícita por parte do centro. Se se conta cunha autorización previa, igualmente o contido (fotografía e/ ou vídeo) non pode permitir a identificación de ningún neno/a e/o profesional (mans, de costas…). Ademais, está estritamente prohibido publicar información en calquera medio sobre nenos ou centros máis aló do Informe Final de Prácticum (por exemplo, nas redes sociais).
- Este programa especificarase na Guía Docente da materia, que se poñerá ao dispor do alumnado con suficiente antelación.
20.05.2025 16:00-18:00 | Grupo /CLIS_01 | Despachos do profesorado |
30.06.2025 16:00-18:00 | Grupo /CLIS_01 | Despachos do profesorado |