Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Teoría e Historia da Educación
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
1. Ofrecer unha visión panorámica da configuración e do desenvolvemento do sistema educativo en Galicia, contextualizándoo no seu marco social.
2. Analizar algúns dos procesos educativos de maior significación no devir da sociedade galega contemporánea, favorecendo a súa interpretación a través do coñecemento das súas interrelacións cos demais factores, estruturas e dinámicas presentes na configuración sociohistórica de Galicia.
3. Familiarizarse co uso e a consulta dos acervos bibliográficos e documentais máis relevantes e comúns que se empregan na materia.
4. Identificar demandas e respostas sociais e institucionais/políticas que se suscitan ante a configuración e o funcionamento do sistema escolar en Galicia.
5. Desenvolver a capacidade de reflexión que require a construción do relato en clave socio-histórica no campo da educación.
6. Fomentar nos futuros graduados en Pedagoxía actitudes positivas cara á disciplina e axudarlles a percibir o seu sentido e a súa utilidade nos currícula pedagóxicos.
7. Relacionar e articular de forma integrada os contidos da disciplina co corpus cognitivo doutras materias do plan de estudos do que forma parte, a fin de que os coñecementos adquiridos acaden maior relevancia e significación, e contribúan, asemade, a unha capacitación máis óptima dos/as futuros/as graduados/as en Pedagoxía.
A concreción destes obxectivos irase facendo efectiva ao longo do semestre que, como secuencia temporal, lle corresponde á materia para o desenvolvemento dos diferentes núcleos temáticos e a realización das actividades programadas.
Nas sesións de traballo na aula, o alumnado recibirá unha información máis detallada co propósito de ampliar, clarexar e matizar os enunciados que aquí se formulan en forma de obxectivos.
Os contidos que se abordarán na materia son os seguintes:
1. A conformación socio-histórica contemporánea das relacións educación-sociedade en Galicia.
2. Identidade, cultura e lingua galega. Pervivencias e cambios.
3. A construción histórica do sistema educativo en Galicia.
4. Institucións políticas e administración pública en Galicia.
5. Novas realidades, novos retos e horizontes socio-educativos.
Bibliografía básica:
Costa, A. (2004). Historia da educación e da cultura en Galicia (séculos IV-XX). Xerais. Catálogo Iacobus-USC: https://acortar.link/SGA0IN
Miguez, A. (2011). Historia breve de Galicia. Silex. Catálogo Iacobus-USC: https://acortar.link/NEDetg
Sotelino, A. (Ed.). (2024). A educación en Galicia en perspectiva. Alicerces para o porvir. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela. Catálogo Iacobus-USC: https://acortar.link/7J33J0
Bibliografía complementaria:
Candedo, M. D. (Coord.). (2013). Educación: dereito ou mercadoría? Laiovento.
Carballo, F., López, A., e Calo, F. (1997). Historia Xeral de Galicia. A Nosa Terra.
Caride, J. A., e Trillo, F. (Dirs.). (2010). Dicionario Galego de Pedagoxía. Galaxia.
Consello Escolar de Galicia. (2006). Evolución e estado actual do sistema educativo en Galicia. Xunta de Galicia.
Costa, A. (2009). A educación en Galicia. Gran Enciclopedia Galega, Tomo 43.
Costa, A. (Ed.). (2010). Luis Bello. Viaje por las escuelas de Galicia. Nigratrea.
Costa, A., e Bolaño Amigo, U. (2014). Educación en Galicia. Gran Enciclopedia Galega, Tomo 47.
Currás, C. (1995). A educación compensatoria en Galicia. Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela.
De Juana, J., e Prada, J. (2011). As mulleres en Galicia no século XX. Ir Indo.
Freixanes, V. (Dir.). (2001). Galicia: unha luz no Atlántico. Xerais.
Gabriel, N. de (1990). Leer, escribir y contar. Edicións do Castro.
Gabriel, N. de (2001). Escolantes e escolas de ferrado. Xerais.
Lagares, N., e Lorenzo, M. (Coord.). (2009). In-migración. Educación, cultura e políticas para a inclusión social en Galicia. Unipro Editorial.
Murado, M. A. (2013). Outra idea de Galicia. Debate.
Pallares, C., Portela, H., Saavedra, P., e Castro, X. (1998). Atlas histórico de Galicia. Nigra Trea.
Peña, V. (1991). Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar. Xunta de Galicia.
Piñeira, M. J., e Santos, X. M. (Coords.). (2011). Xeografía de Galicia. Xerais.
Rivas, M., e Torres, A. (Dirs.). (2008). Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego. Galaxia.
Santos, M. A. (Ed.). (2016). A investigación educativa en Galicia 2002-2014. Galaxia.
Santos, M. A., e Lorenzo, M. (2007). Universidade e construción da sociedade civil en Galicia. Xerais.
En relación coas competencias que se pretende que o alumnado adquira débese facer referencia tanto as de carácter básico e xeral, como as transversais e específicas, determinadas pola propia memoria verificada da titulación. Dentro do cadro de competencias que se deseñou para a titulación, formarase ao alumnado nas seguintes:
Básicas y xerais:
CB1- Que os/as estudantes demostren posuír e comprender coñecementos nun área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral e inclúe algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
CG2 - Ter capacidade para analizar as realidades socio-políticas, económicas, educativas, culturais e lingüísticas nas que se desempeña a labor profesional das pedagogas e pedagogos, tanto en termos diagnósticos como prospectivos.
CG3 - Coñecer, comprender e analizar de modo integral situacións educativas en diferentes contextos, sendo capaces de adaptar e aplicar os fundamentos académicos e científicos da Pedagoxía ás mesmas.
Transversais:
CT1 - Expresarse e comunicarse facendo uso de diferentes códigos e recursos (lingüísticos, materiais e tecnolóxicos).
CT6 - Manter unha permanente actitude de formación e actualización respecto da súa desempeño profesional, así como das realidades afectadas pola súa práctica.
Específicas:
CE1.5- Identificar problemas educativos e indagar sobre eles para posibilitar propostas de mellora na práctica educativa.
A análise, o desenvolvemento e a presentación na aula dos contidos que conforman o temario desta materia serán unha tarefa compartida polo profesor e o alumnado. O profesor centrará a súa exposición, preferentemente, nos aspectos nucleares de cada unidade didáctica, procurando ofrecer de maneira concisa a información que posibilite obter unha visión panorámica ou de síntese de cada tema, delimitando os conceptos, as ideas e os argumentos nel implicados.
Os/as estudantes, pola súa banda, coa oportuna orientación do profesor, afondarán en cuestións concretas que non fosen abordadas máis que dun xeito moi xenérico na exposición deste e que resulten susceptibles de tratamento e estudo desde os soportes bibliográfico-documentais pertinentes.
Profesor e alumnado debaterán regularmente nas sesións de clase sobre os contidos analizados e expostos, procurando rematar coa formulación das oportunas conclusións ou coa construción de sínteses de conxunto de cada núcleo temático.
As exposicións do profesor terán como complemento substantivo sesións prácticas con diferentes soportes. Estes recursos seranlles entregados periodicamente aos estudantes –ou suxerida a súa localización pola súa parte– a través do campus virtual. Estas sesións alternaranse e complementaranse co uso doutra estratexia coa que gardan inequívocas analoxías, como é a técnica do comentario de texto, que se introduce a modo de instrumento didáctico, cognitivo e comunicativo a prol da ensinanza e a aprendizaxe da disciplina, servindo para ilustrar dimensións dun problema, afianzar coñecementos e avaliar os resultados da actividade académica.
Deste xeito, a metodoloxía que presidirá o traballo nesta materia combinará: dun lado, sesións de carácter expositivo, a través da explicación de contidos por parte do profesor, co apoio de recursos audiovisuais e a creación de contornas cooperativas que faciliten a adquisición de coñecementos; e doutro, as sesións interactivas que terán como obxectivo afondar e ampliar os contidos de cada tema e basearanse, principalmente, en actividades de carácter grupal.
En correspondencia coas actividades programadas e co plan de traballo proposto, e en harmonía cos obxectivos, os contidos, e a metodoloxía consignados e tamén cos recursos dispoñibles en cada caso, a avaliación continua dos e das estudantes estará baseada nas cualificacións que obteñan nas probas individuais e grupais que de forma obrigatoria deberán realizar. A avaliación final, de carácter globalizador, configurarase a partir da suma ponderada das puntuacións que se acaden nas actividades que configuran a materia.
A tales efectos, cómpre expresar con claridade unha serie de criterios. Concretamente, teranse en conta os seguintes aspectos:
- Elaboración do Dosier de Prácticas (20%), no que se terán en conta os aspectos formais, estrutura, calidade da bibliografía empregada, profundidade e complexidade dos temas abordados así como a capacidade de argumentación.
- Realización dunha Proba Final (50%) consistente na resposta a preguntas breves que poderá ser complementada con análises temáticas.
- Realización do Traballo Monográfico da materia (30%), consistente no deseño dun proxecto de historias de vida, no que se avaliará a calidade do traballo entregado en relación aos aspectos formais, amplitude e complexidade na argumentación, relación cos contidos, presentación e coherencia.
Así mesmo, a participación activa e o traballo en equipo serán considerados a efectos avaliativos. Non obstante, para superar a materia será imprescindible ter acadada unha valoración suficiente en cada unha das actividades.
Os traballos individuais ou grupais dos estudantes deberán ser orixinais e calquera traballo copiado suporá o suspenso na materia.
O presente programa será válido a tódolos efectos para o alumnado coa materia pendente.
Considerando a Instrución 1/2017, da Secretaría Xeral da USC, o alumnado que teña concedida exención de docencia, ou dispensa, será avaliado nas mesmas condicións que o alumnado asistente, pero con criterios de suficiencia distintos. Ademais, deberá realizar a recensión dunha das obras recollida na bibliografía básica da materia, previamente acordada co profesor da materia.
Horas presenciais:
- Clases expositivas, presentación e explicación de temas na aula: 22
- Prácticas de seminario: 15
- Avaliación: 2
- Titorías de traballo de curso: 11
Horas non presenciais:
- Estudo: 60
- Exercicios prácticos e elaboración de informes: 40
TOTAL DE HORAS PRESENCIAIS: 50.
TOTAL DE HORAS DE TRABALLO PERSOAL: 100
Para un adecuado seguimento e comprensión da materia estímase de suma importancia a concorrencia regular e a participación individual e grupal nas sesións de clases teóricas e prácticas que se programen, debendo realizar os estudantes as tarefas encomendadas en cada caso. Isto implica non só cooperar dentro da aula senón tamén realizar as accións preparatorias e recapitulatorias sobre as que se sustentará a dinámica de traballo na aula. Sendo así, a participación require o estudo, que como tarefa persoal ha de preceder e suceder ao traballo na clase, orientándose ao dominio dos contidos que integran o temario, por medio dos cales se poderán atinxir os obxectivos formulados e adquirir as competencias, destrezas e habilidades previstas.
Será do caso manter a oportuna comunicación co docente da materia nos horarios de titorías estipulados, a fin de solventar as dúbidas que se poidan suscitar no estudo da materia. Durante o desenvolvemento do semestre e xa sexa no ámbito das sesións de clase, seminario ou nas horas de titorías, facilitaranse as orientacións puntuais que complementen ou maticen as que aquí figuran enunciadas dun xeito xenérico.
A titorización dos e das estudantes só se efectuará durante as horas de atención que figuren explicitadas nos horarios e que se detallarán, asemade, na porta do despacho do profesor. En consecuencia, prégase que se absteñan de realizar consultas fóra do horario indicado, agás naqueles casos nos que se teña concertado previamente.
Durante o período académico farase, sempre que sexa posible, unha visita con finalidade formativa ao Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Esta, no caso de realizarse, sería conxuntamente por parte de todo o grupo de clase, acompañado polo profesor, nu día previamente concertado. Terá carácter voluntario pero computarase na avaliación. A tal fin, unha semana despois de levada a termo, os e as estudantes que nela participaran deberán realizar un breve informe dando conta da mesma e dos aspectos fundamentais que observasen no centro en relación coa materia e co seu proceso formativo.
As datas das probas e da entrega de traballos será establecida de mutuo acordo entre o alumnado e o profesor.
Cabe lembrar que a USC é unha universidade presencial, polo que a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de clase é obrigatoria. Nos casos contemplados na normativa da USC, os/as alumnos/as poderán solicitar exención oficial de docencia.
Calquera tipo de circunstancia persoal que poida alterar o normal seguimento da materia por parte do alumnado, deberalle ser comunicada ao profesor á maior brevidade, pois de non facelo repercutirá na avaliación continua do rendemento académico.
Na realización das prácticas e do traballo monográfico da materia deberanse seguir as normas APA –Publication Manual of the American Psychological Association (APA) - 7ª ed.
As actividades que se realicen no marco da materia deberanse entregar a través do Campus Virtual, nun buzón habilitado polo docente a tal efecto. Non se admitirán traballos impresos.
Será obrigatorio o uso das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade (por exemplo, Lifesize).
Non se poderá empregar o teléfono móbil, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo docente, responsabilizándose o alumnado das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse dun emprego non axeitado do mesmo.
Deberase ter en conta que o proceso de ensino-aprendizaxe (clases/titorías) é un proceso privado, é dicir, un proceso de comunicación e intercambio entre o docente e o estudantado matriculado na materia.
Asemade, tamén será obrigatorio o cumprimento da normativa de protección de datos: https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos
En atención a criterios de igualdade de xénero no ámbito universitario, recoméndase facer uso da linguaxe non sexista tanto no traballo cotiá de aula como nos traballos académicos encomendados. Pode obterse información ao respecto no enlace: https://bit.ly/4b9JJRB
Comunicación por e-mail co profesorado:
En relación ás cuestións que o alumnado formula ao profesorado da materia mediante o correo electrónico débense clarexar dous aspectos:
1. O estudantado debe empregar necesariamente o correo electrónico da USC (@rai.usc.es).
2. O profesor dispón, preferentemente, do tempo que se encadra no horario de titorías parar dar resposta aos correos electrónicos dos estudantes.
Jesus Garcia Alvarez
Coordinador/a- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Teoría e Historia da Educación
- Teléfono
- 881813760
- Correo electrónico
- jesus.garcia.alvarez [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Contratado/a Doutor
Ana Vazquez Rodriguez
- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Teoría e Historia da Educación
- Teléfono
- 881813818
- Correo electrónico
- ana.vazquez [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
Nicolás Avendaño Carballo
- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Teoría e Historia da Educación
- Correo electrónico
- nicolas.avendano.carballo [at] usc.es
- Categoría
- Predoutoral Xunta
Mércores | |||
---|---|---|---|
09:00-10:30 | Grupo /CLIS_01 | Galego | AULA 10-11 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
12:00-13:30 | Grupo /CLIS_03 | Galego | AULA 10-11 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
28.05.2025 09:30-11:30 | Grupo /CLE_01 | AULA 15 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
08.07.2025 09:30-11:30 | Grupo /CLE_01 | AULA 15 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |