Ir o contido principal

Discurso do reitor

Discurso de benvida aos novos doutores Honoris Causa, Bernard L. Feringa e Nicholas A. Peppas, pronunciado polo Excmo. Sr. Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, o profesor Dr. Antonio López Díaz

Momento do discurso de benvida aos novos doutores Honoris Causa, Bernard L. Feringa e Nicholas A. Peppas
Momento do discurso

Tal día coma hoxe, o 8 de maio de 1254 o rei Sabio, Afonso X, a través da correspondente cédula, dotou á emerxente Universidade de Salamanca duns estatutos, outorgándolle mecanismos de financiamento e creando tamén novas cátedras e o cargo de bibliotecario, sendo así a primeira de Europa en dispor dunha biblioteca pública.

As bibliotecas constituían entón, e seguen a constituír, o depósito e fonte do saber. Pero este coñecemento, do que presumen hoxe as nosas sociedades, non nace espontaneamente, senón que emerxe do traballo e da vocación de persoas coma as que hoxe recoñecemos, que saben que o futuro da humanidade depende dos seus avances.

Por circunstancias diversas, derivadas tanto dos procesos internos da propia Universidade como dos múltiples compromisos dos hoxe investidos, demorouse este acto máis do debido, dende que o 31 de xaneiro de 2018 o Consello de Goberno adoptara os acordos de nomeamento, que logo foron ratificados polo Claustro da Universidade o 16 de febreiro de 2018.

Pero nunca é tarde cando a dita é boa e este 8 de maio é tamén un día grande para a Universidade de Santiago de Compostela, pois dende xa engrandecemos o noso claustro de doutores con dous profesores eminentes, Feringa e Peppas, que dende hoxe mesmo pasan a formar parte desta cinco veces centenaria Universidade por razóns dos seus méritos relevantes (honoris causa).

Entre as acepcións de honor que recolle o Diccionario de autoridades, de 1734, figuran estas dúas: «Se toma muchas veces por reputación y lustre de alguna familia, acción u otra cosa»; «Título o preeminencia que se concede a alguno de poderle nombrar en alguna dignidad o empleo, como si realmente lo tuviera, aunque le falte el ejercicio y no goce gajes algunos».

Ambas as dúas acepcións fanse realidade hoxe neste acto. Polo que se refire á primeira, os profesores Feringa e Peppas están aquí pola reputación internacional que se deriva das súas investigacións, e que transcende as persoas mesmas.

A investigación do profesor Feringa céntrase na síntese orgánica, e na química orgánica, desenvolvendo unha actividade moi destacada no eido de motores moleculares que, ademais de valerlle o recoñecemento como Premio Nobel, está na base das investigacións en bio-nanotecnoloxía.

E enlazando coa bio-nanotecnoloxía, o doutor Peppas ten acreditado o seu liderado mundial no ámbito da súa aplicación para a liberación de fármacos a través dunha investigación multidisciplinar que combina bioloxía molecular e celular coa enxeñaría para o deseño e xeración de sistemas que permitan un mellor tratamento dos pacientes.

Dicía Salvador Moncada, tamén doutor honoris causa pola nosa Universidade, con motivo da recepción do Premio Príncipe de Asturias: «No creo que los científicos trabajemos por los premios. Si llegan nos hacen felices pero, si no, basta con la satisfacción de la obra bien hecha». Estou absolutamente de acordo coas palabras de Salvador Moncada, pero ao mesmo tempo sinto que ten chegado o tempo de darlle valor á ciencia e aos científicos.

No caso dos nosos novos doutores, esa satisfacción da obra ben feita ten sido complementada cos máis altos recoñecementos internacionais no que se refire a premios e distincións. Baste citar o Premio Nobel de Feringa ou o recoñecemento de Peppas como un dos cen enxeñeiros químicos da era moderna. Son moitos os honores que preceden a estes creadores do saber!

E cando digo creadores de saber, dígoo consciente de que o saber é unha construción, unha creación e non un descubrimento; non é algo que te encontras, que xa preexistía antes de que o científico o atopara, senón algo que se produce, se constrúe, se crea. Esta capacidade innovadora e creadora é a que acredita aos nosos novos doutores.

Esta reputación acreditada, a especial relación que veñen mantendo coa USC e coas investigacións que aquí se desenvolven, e a súa xenerosidade ao aceptar a nosa proposta, xustifican que hoxe esteamos aquí para este acto de investidura que responde a outra das acepcións de honor recollidas no dicionario: «A concesión do título de Doutor e as súas preeminencias para que o usen aínda que sen gozar de retribución ningunha».

Como acaban de expor nas súas brillantes laudatio o padriño, profesor Mascareñas, e a madriña, profesora Alonso, a quen agradezo o seu compromiso e o seu tesón por levar adiante este acto pero, sobre todo, a súa adicación incansable a prol da investigación punteira que se fai e se quere seguir facendo na USC, son moitos os vencellos que unen os novos doutores coa investigación en química e biomedicina que se fai polos nosos grupos de investigación nos departamentos e nos institutos relacionados coas facultades de Farmacia, Medicina, Bioloxía e Química e, de xeito moi especial, nos nosos centros singulares de investigación en medicina molecular e enfermidades crónicas (CIMUS), e en química biolóxica e materiais moleculares (CiQUS). Esa investigación da máxima calidade, e a aposta, tamén constante, pola transferencia de resultados a través dos diferentes instrumentos que a lexislación pon ao noso dispor, xuntamente cunha docencia de calidade, sitúan a Universidade de Santiago en postos destacados no ámbito nacional e internacional.

Non seriamos o que somos nin estariamos onde estamos sen as súas impagables achegas. Así que, profesor Feringa, profesor Peppas, ¡benvidos ao noso claustro de doutores! A súa xenerosidade ao aceptar a nosa proposta é unha honra para a nosa Universidade que hoxe resplandece máis e con ela brilla Galicia, como reza o friso deste Colexio de Fonseca.

O bacteriólogo alemán Paul Ehrlich, Premio Nobel en 1908, sintetizou o seu composto 606 (a arsfenamina), que logo foi comercializado como Salversán, un medicamento de toxicidade selectiva para a curación da sífilis que respondía á súa idea de bala máxica. Esa idea de selectividade no tratamento moito ten que ver coas investigacións desenvolvidas tanto polos novos doutores como polos seus padriños. A maiores diso, interésame resaltar hoxe que Ehrlich sinalaba que para ter éxito no traballo eran necesarias catro circunstancias que, en alemán, empezan por g: Geduld (paciencia), Geschick (capacidade), Glück (sorte) e Geld (cartos). En galego, e mesmo en castelán, podemos traducir estes termos por catro palabras que empezan por p: paciencia, pericia, providencia e pecunia.

Se imos un pouco máis atrás no tempo, nun momento crítico para a universidade en España, como foi o final do século XVIII, cando as novas ciencias experimentais e aplicadas loitaban por atravesar os muros da universidade máis tradicional, un ilustrado como Gaspar Melchor de Jovellanos afirmaba nas súas cartas a Godoy que «por muchas y muy varias que sean las causas de la prosperidad de una nación estoy bien seguro que se pueden reducir a tres, a saber: buenas leyes, buenas luces y buenos fondos, porque qué le podrá faltar a una nación justa, instruida y rica. Justicia, educación y riqueza harán posible la felicidad del ciudadano y la paz social».

Estas receitas seguen a ser de aplicación para a investigación a estas alturas do século XXI. Son imprescindibles as luces, en termos de Jovellanos, a pericia, usando as verbas de Ehrlich, e o talento como se diría na terminoloxía do momento. Este é un requirimento esencial, de aí que sexa unha tarefa prioritaria descubrir esas capacidades, atraelas e retelas. Esa é e vai ser unha política central na nosa Universidade, porque somos moi conscientes de que nos empobrecemos como Universidade e como país cada vez que se malogran eses talentos ou teñen que abandonarnos por falta de oportunidades.

Por iso é necesario crear as condicións axeitadas, iso que agora se chama un ecosistema favorable, para que agromen os mellores resultados e poidan trasladarse para o progreso da sociedade rendibilizando así o investimento feito nesa formación.

Ademais das boas luces, da capacidade e da paciencia, precisamos, xa que logo, de boas leis. É imprescindible revisar o marco normativo universitario e da investigación suavizando os requirimentos administrativos e de xestión así como incorporan- do as solucións que se precisan tanto en materia de persoal como de contratación.

Pero tampouco poden faltar os bos fondos de Jovellanos ou a pecunia de Ehrlich. O incremento da demanda de coñecemento das nosas sociedades non se corresponde co investimento que facemos nel. Abonda con comparar os datos de financiamento do I+D+i en relación ao PIB para comprobar que estamos moi lonxe da nosa contorna. Hai que dar ás universidades públicas, máximas responsables da educación superior e da investigación no noso país, os recursos que merecen. E temos que financiar a investigación de xeito que as distintas convocatorias cubran todos os custos directa ou indirectamente relacionados coa actividade. A cambio, todas as institucións públicas, e as universidades as primeiras, temos que comprometernos cunha moi rigorosa rendición de contas, iso si, máis baseada en rendementos e resultados que nos aspectos formais e de procedemento en si mesmos.

Teñamos moi en conta, como advertía Jovellanos, que «no hay bien que no pueda alcanzarse; no hay mal que no se pueda evitar y destruir por medio de la instrucción que es el efecto y el fin de la educación; ella es por quien las Naciones prosperan; y sólo por su falta decaen y se arruinan».

E, por último, que non falte tampouco a sorte. Pero non lle pidamos á sorte o que temos que conseguir por outros medios. Para a Universidade de Santiago de Compostela a sorte é contar con vostedes dende hoxe no seu claustro de doutores, e poder percorrer xuntos novos camiños.

Dixen.