Ir o contido principal

Discurso do reitor

Discurso de benvida ao novo doutor Honoris Causa, Fernando J. Devoto, pronunciado polo Excmo. Sr. Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, o profesor Dr. Antonio López Díaz

Momento do discurso
Momento do discurso

Cun ano longo de retraso sobre o inicialmente programado, celebramos este acto solemne de investidura do Profesor Devoto como doutor Honoris Causa da nosa Universidade. Esta pandemia que nos asola impediu que se puidera celebrar como era o noso desexo na primavera de 2020 e só agora, cando grazas aos avances da ciencia dispoñemos de vacinas, podemos facer realidade a entrada do novo doutor no noso claustro. É verdade que celebramos este acto con limitacións e restricións, cadeiras baleiras para asegurar a distancia interpersoal e a máscara cubríndonos o rostro. Sen embargo, estas non nos impiden o uso da palabra e as solucións tecnolóxicas permiten que poidan seguir este acto os que non poden estar presencialmente neste paraninfo, calquera que sexa o lugar do mundo no que se atopen.

Hoxe acolle este acto solemne o salón que recibe a denominación de Paraninfo da Universidade dende a visita real de Isabel II a este edificio da institución, con ocasión da visita que a raíña fixo a Galicia entre o 1 e o 14 de setembro de 1858, tamén ano santo en Compostela, como este Xacobeo 2021-2022 que estamos a vivir. Alén das obras existentes en Fonseca que dificultan o uso do espazo tradicional do Salón Nobre para estes actos, tanto a vinculación do Profesor Devoto coas materias obxecto de estudo e ensino na Facultade de Xeografía e Historia, hoxe asentada neste edificio, como o feito de que fosen esta mesma Facultade e o Departamento de Historia os que impulsaron inicialmente a proposta para o Honoris Causa, fan que este sexa o espazo máis acaído para albergar este acto solemne.

Vestímonos de gala, como require a ocasión, para incorporar ao noso Claustro de Doutores ao Profesor Fernando J. Devoto, Honoris Causa, como unha honra, en prenda de amizade e polos méritos acreditados, como nos puxo de relevo na súa laudatio o Prof, Villares, a quen queremos tamén recoñecerlle neste acto, uns meses antes de que acceda á condición de emérito, toda unha vida adicada ao estudo e á docencia, servindo á Universidade ata nas máximas responsabilidades de Reitor, e comprometido sempre con Galicia e a súa cultura.

O profesor Devoto ten acreditada tamén unha dilatada traxectoria  docente e investigadora, iniciada xa en 1974, que tivo que ser traxicamente interrompida polos acontecementos desenvoltos en 1975 ata concluír coa interrupción do réxime constitucional o 24 de marzo de 1976. Se antes, en 1966, na coñecida como “la noche de los bastones largos”, se buscou un baleirado da Universidade pola vía da exclusión, nese ano 75’ aparecía mesmo a morte como un recurso para o seu sometemento, ao que se engade a redución de prazas de acceso, o establecemento de aranceis e unha redución orzamentaria do 45 %.

A partir do restablecemento democrático na Arxentina retoma o noso novo doutor a súa carreira docente e unha dilatada actividade investigadora profundamente vencellada con Europa e moi especialmente con Galicia e coa nosa Universidade. Non é por acaso que que esta vinculación se deba a que un dos centros de interese dos seus estudos sexan as migracións internacionais, nas que Galicia tivo moito que ver no final do século XIX e no inicio do XX, abríndose unha vía que nos conectou con Latinoamérica e moi particularmente con Arxentina.

E xorde xa aquí un punto de conexión evidente entre o novo Doutor e o seu padriño. Moito teñen reflexionado o padriño Villares e o prof. Devoto sobre os movementos migratorios e sobre como a inmigración constrúe, en boa medida, a historia das nacións. Así, entre a definición do profesor Villares de Galicia como unha “nación entre dous mundos”, e a Historia de la inmigración en la Argentina (2002) do profesor Devoto, onde advirte de que a inmigración non é un simple sumatorio que ten como resultado unha historia común, senón que afonda nun fenómeno complexo que navega entre as tendencias xerais e as casuísticas particulares da integración dos inmigrantes nos tecidos sociais locais, as migracións vertebran boa parte do ser e da esencia das sociedades actuais.

Esta capacidade analítica, sintética e relacional da que fai gala o doutor é esencial para entendermos o feito das migracións nas sociedades actuais que, debido a diversos motivos de naturezas opostas, viven en constante tránsito. Dende a busca de traballo e novas oportunidades económicas ata a reunión con  familiares migrantes, dende a necesidade de fuxir de conflitos ata escapar de abusos dos dereitos humanos, son moitas as razóns polas que as persoas alimentamos os fluxos migratorios día a día. Tanto é así que na actualidade, o número de persoas que vive nun país distinto do seu país natal é maior ca nunca.

E neste contexto é fundamental conectar o fenómeno das migracións co futuro a curto e medio prazo, é esencial conectar aos migrantes  coa necesidade de entender e repensar un mundo más sostible no que a natureza e as persoas sexan os epicentros. Así,  a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable recoñece por primeira vez a contribución da migración ao propio desenvolvemento sustentable mundial.

Mais aló da meta especifica 10.7: Facilitar a migración e a mobilidade ordenadas, seguras, regulares e responsables das persoas, mesmo mediante a aplicación de políticas migratorias planificadas e ben xestionadas, outros 11 dos 17 conteñen metas e indicadores que son moi pertinentes para a migración ou o desprazamento de persoas.

Todos estes obxectivos e posicionamentos institucionais carecerían de sentido se non houbese, por unha banda, unha revisión permanente do fenómeno migratorio, cunha óptica con base na inmediatez, pero, ao mesmo tempo, unha reflexión máis fonda e conectada coas realidades locais, materia esta última na que o profesor Devoto ten demostrado un saber facer extraordinario. Soamente así, xerando este coñecemento con perspectiva histórica, somos quen de aprender e proxectar unha realidade consciente con coñecemento de causa.

Este acto no que incorporamos un novo doutor en Humanidades ao noso Claustro, é tamén un momento idóneo para compartir con todos vostedes algunhas reflexións sobre o papel esencial das Universidades como difusoras da cultura e do coñecemento.

Moito ten cambiando a Universidade dende 1930, cando Ortega y Gasset publicara na Revista de Occidente La misión de la Universidad. Consideraba o pensador que a cultura debía ser a misión esencial da Universidade, xuntamente co ensino das profesións, mentres que manifestaba algunhas dúbidas en relación á investigación.

A investigación, porén, foi gañando terreo ata o extremo de postergar en boa medida a misión docente e de formación, pero ese non vai ser o obxecto de hoxe. O que si queremos abordar hoxe é o proceso, case simultáneo, polo que a cultura, e a súa xeración e difusión, perderon peso no catálogo de funcións da Universidade, na misión á que se refería Ortega.

A Magna Charta Universitatum, asinada en Piazza Maggiore en Bologna, o 18 de setembro de 1988, cando se cumprían 900 anos da creación da Alma Mater Studiorum, remarca o papel das Universidades en relación á cultura sinalando

1. Que o porvir da humanidade, ao finalizar este milenio, depende en grande medida do desenvolvemento cultural, científico e técnico, que se forxa nos centros de cultura, coñecemento e investigación en que se converteron as auténticas universidades

2. Que a tarefa de difusión dos coñecementos que universidade ha de asumir respecto das novas xeracións implica, hoxe, que se dirixa tamén ao conxunto da sociedade, cuxo porvir cultural, social e económico esixe especialmente un considerable esforzo de formación permanente.

3. A universidade -no seo de sociedades organizadas de xeito diverso debido ás condicions xeográficas e á influencia da historia- é unha institución autónoma que, de maneira crítica, produce e transmite a cultura por medio da investigación e do ensino.

Na nova redacción de Magna Charta Universitatum, de 2020, aínda que se reforza o papel das Universidades no desenvolvemento global, e particularmente en relación ás comunidades que lles son máis próximas, perdeu presenza a referencia á cultura.

As universidades teñen un papel e unha responsabilidade cívica. Son parte de redes globais, colexiadas, de investigación científica e erudición, que constrúen sobre corpos de coñecemento compartidos e contribúen a novos avances. Están inseridas nas culturas locais e a súa relevancia é crucial para o seu enriquecemento e futuro. Simultaneamente inmersas en e conectadas con desenvolvementos globais, intégranse completamente e asumen roles de liderado nas comunidades locais e ecosistemas.

En calquera caso, debe terse en conta que a nova versión non despraza a anterior, senón que reitera o compromiso cos principios  da declaración orixinal, recollendo estes novos valores.

Se ollamos cara á nosa normativa interna, antes e despois da LRU, víñase falando dos tres piares sobre os que se asentaba a institución universitaria: docencia, investigación e difusión da cultura, que viña denominándose como o terceiro piar. E a pesar de que a  actual lei 6O/2001, Orgánica de Universidades, non introduciu alteracións sustanciais na definición desas funcións, foi gañando protagonismo a función de transferencia, especialmente referida aos resultados de investigación. É esta unha consecuencia dun cambio de percepción da sociedade e dos universitarios, que veñen asumindo como funcións a formación, a investigación e a transferencia do coñecemento e da tecnoloxía, desprazando a difusión da cultura.

Coincido co que ten escrito recentemente Darío Villanueva, Reitor que foi desta Universidade, cando afirma que “sería moi oportuno -e temo que non está sendo así- que dende as instancias pertinentes se confirmara e  defendera públicamente que as misións da Universidade xa non son tres, senón catro. As que Ortega formulou e a nova que o desenvolvemento da sociedade do coñecemento demanda”. E engado eu que non se trata de discutir cal é a terceira ou cal debe ser a cuarta, senón de explicitar unha vez máis, o compromiso coa cultura, tan esencial para o desenvolvemento e mellora da calidade de vida dos pobos, como a transferencia do coñecemento e da tecnoloxía. Segue a ser importante, como sinalaba Ortega,  devolver á Universidade a súa tarefa de ilustración da sociedade, de ensinarnos o inxente acopio cultural que ten chegado ata os nosos días.

 E, ao mesmo tempo, parece necesario que esa implicación na difusión e transmisión da cultura e dos seus valores supere o xa vello concepto de extensión universitaria, moi acotado e vencellado á formación ao longo de toda a vida, que entra de cheo na función docente, e asuma novos roles apostando pola riqueza inmaterial que a cultura representa porque a cultura é o sistema de ideas desde as que cada época ou momento histórico vive.

Estes convencementos que agora lles traslado tiven ocasión de propoñérllelos aos responsables do Ministerio de Universidades de cara á redacción do novo proxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario Español, actuando como comisionado da CRUE para este bloque de cultura universitaria. Esperemos a ver se a boa recepción inicial da proposta se plasma no texto da norma e serve así para reactivar ese binomio cultura/ Universidade, que brillou no pasado e que ten un enorme papel que xogar diante dos retos deste século XXI.

Confiemos na capacidade das normas para cambiar a realidade, e en que poidamos asistir ao rexurdimento do compromiso decidido da Universidade coa cultura. Irémonos achegando así ao tantas veces citado desexo de Castelao:

“Vexo a Universidade de Santiago, convertida en cerebro de Galiza, irradiando cultura e saber, máis alá dos lindeiros naturais da nosa Terra.”

Dixen