Ir o contido principal

Discurso do reitor

Discurso de benvida á nova doutora Honoris Causa, Mary Beard, pronunciado polo Excmo. Sr. Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, o profesor Dr. Antonio López Díaz

Momento do discurso
Momento do discurso

Hoxe é un día grande para a Universidade, e vestímonos de gala, como require a ocasión, para incorporar ao noso Claustro de Doutores, neste solemne acto, á Prof. Mary Beard e ao prof. Ivo Castro, como unha honra, en prenda de amizade e polos méritos acreditados, como nos puxeron de manifesto os respectivos padriños.

Volvemos unha vez máis a este Paraninfo da Universidade, inaugurado, aínda que daquela nunha ubicación diferente deste mesmo edificio, con ocasión da  visita real de Isabel II a esta institución, en setembro de 1858, tamén ano santo en Compostela.

É unha escolla chea de sentido, porque esta investidura solemne se enmarca nas conmemoracións do centenario da creación na nosa Universidade, o 20 de xuño de 1922, dunha Sección de Historia, xuntamente cunha de Química, engadindo así as Facultades de Filosofía e Letras, e de Ciencias, ás preexistentes de Dereito, Medicina e Farmacia, conformando unha estrutura que se mantería ata 1975.

Esa creación supuxo o establecemento dunha Facultade ‘maior’ de Filosofía e Letras, isto é, da oferta do currículo universitario completo na nosa universidade para obter a licenciatura en Filosofía e Letras, fronte á situación anterior onde tales estudos  eran preparatorios ou complementarios das titulacións preexistentes.

Esta ampliación dos horizontes humanísticos da nosa universidade, pola súa vez, propiciou a fundación do Seminario de Estudos Galegos, que se produciu en outubro de 1923. Nos vindeiros meses teremos ocasión de celebrar como merece esta efeméride, tan importante para a nosa universidade como para Galicia en xeral. Mais non podemos deixar pasar a ocasión que nos brinda este acto para evocar a extraordinaria significación do Seminario de Estudos Galegos como fermento da renovación da nosa universidade e, ao mesmo tempo, como fito na constitución duns saberes galegos.

O Seminario de Estudos Galegos ofreceu un ámbito novo no que frutificou o diálogo académico entre o profesorado e o estudantado, ata daquela impensable. Alén disto, fomentou activamente o estudo das realidades galegas, achegando a Universidade á sociedade e aplicando o coñecemento científico á análise dos problemas, necesidades e potencialidades do noso país. Fíxoo, ademais, dun xeito interdisciplinar, unha maneira de traballar practicamente inédita ata a súa creación, combinando creativamente a cultura coa ciencia, abranguendo as inquedanzas artísticas e as técnicas de laboratorio, abrindo as portas da universidade ás inquedanzas, iniciativas e contribucións que chegaban da contorna e non descoidando as actividades de divulgación e extensión universitaria. E por fin, no Seminario produciuse o acontecemento luminoso do encontro da nosa lingua coa universidade, de onde o galego vivira desterrado por séculos.

De certo, o Seminario de Estudos Galegos constituíu un fito extraordinario na historia da nosa universidade, tristemente tronzado —coma tantas outras empresas daquel tempo de entusiasmo que abrollou na IIª República— pola barbarie que asolou o noso país, decapitou a nosa cultura e mutilou a nosa alma mater. A pesar de todo, o exemplo do Seminario de Estudos Galegos constituíu unha constante fonte de inspiración na procura dunha universidade galega ambiciosa e constantemente actualizada no plano científico, aberta á creatividade e á cultura, en constante diálogo coa sociedade e ao servizo do país que a alimenta.

As actuais Facultades de Xeografía e Historia e de Filoloxía que, aínda segregadas en 1975, teñen esa raíz común son hoxe as impulsoras, xuntamente cos respectivos Departamentos de Historia e de Filoloxá Galega  das investiduras que hoxe oficializamos. Gratitude inmensa  por esa iniciativa que, ao tempo que fai xustiza aos indubidables méritos da Prof. Mary Beard e do Prof. Ivo Castro, enriquece  o noso Claustro de doutores e doutoras e engrandece a nosa Universidade.

Agradecemento moi especial aos  prof. López Barja de Quiroga e Monteagudo Romero, por apadriñaren esta iniciativa e por teceren hoxe os discursos de gabanza dos novos doutores, discurso fácil polos excepcionais méritos, pero coa dificultade de sintetizalo para adaptalo á duración razoable deste acto. Parabéns e grazas por unha mostra máis de compromiso universitario.

Unha célebre sentenza do grande poeta portugués Fernando Pessoa reza: “Tudo vale a pena / Se a alma não é pequena”. Temos hoxe a fortuna de ilustrar esta sentenza ao acollermos e honrarmos no noso claustro un dos máis ilustres editores da súa obra, o profesor Ivo Castro, que é tamén unha figura de referencia no ámbito das humanidades no ancho mundo de expresión portuguesa, e talvez o maior expoñente actual da filoloxía portuguesa. Ademais —e isto ten un significado especial no acto de hoxe—, o noso colega foi un auténtico amigo de Galicia, que teceu lazos de colaboración da academia portuguesa coa lingüística e a filoloxía galegas e se esforzou por dar a coñecer a lingua e a cultura galegas dentro e fóra do ámbito universitario lusitano. Por iniciativa súa, a Universidade de Lisboa acolleu unha activa Cátedra de Estudos Galegos, pero, ademais, facilitou os acordos entre institucións como o Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa e o Instituto da Lingua Galega da USC, que abriron o camiño a unha proficua relación de intercambio científico, colaboración académica e de convivio humano entre universitarios do norte e do sur do Miño.

Felizmente, na actualidade existe unha relación fluída, totalmente normalizada, entre as filoloxías galeguista e lusitanista, ao menos no que atinxe a Galicia e Portugal. Nesa normalización, as fraternas relacións entre a Faculdade de Letras e o Centro de Linguística da Universidade de Lisboa e a Facultade de Filoloxía e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago xogaron e continúan a xogar un papel protagonista. E hoxe é se cadra o día máis oportuno para declarar que en non pequena medida debemos isto á mediación tan discreta como eficaz do profesor Ivo Castro. O grande Fernando Pessoa deixou tamén dito “De sonhar ninguém se cansa”. Nós non cansamos nin cansaremos de soñar nun futuro da máis estreita irmandade na ciencia, na cultura e no idioma de Galicia e Portugal. Ao acollermos no noso claustro ao doutor Ivo Castro, renovamos os nosos votos para facer da nosa parte todo o posible para converter ese soño en realidade.

Tampouco nos cansaremos de soñar nun mundo que garanta a igualdade de dereitos e de oportunidades para homes e mulleres,  pero non nos conformamos só con iso senón que, como ten dito a nosa nova doutora, “hai que cambiar as nosas mentalidades  para interiorizar e comprometernos con esa igualdade efectiva ata sentírmola como algo normal e natural.  E por outra banda hai que cambiar as estruturas de poder que seguen a estar masculinizadas”.

A prof. Mary Beard, que hoxe investimos doutora honoris causa, en recoñecemento dos seus méritos, cunha muceta azul, a mesma cor das medias do movemento Bluestocking, e que ela mesma ten levado nas entrevistas de traballo, é unha especialista na literatura e historia do mundo antigo, (Classics) en Cambridge, recoñecida a nivel internacional. Dame Commander of the Order of the British Empire (OBE, 2018) ou  premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais (2016), por  citar só algúns destes recoñecementos.

Pero ao lado do coñecemento da súa especialidade eu resaltaría  a súa capacidade para comunicar e trasladar o seu coñecemento usando todas as ferramentas que nos abren os medios tradicionais como a TV, pero particularmente as novas redes sociais, sen fuxir do debate e polemizando coa auctoritas que lle dá o seu coñecemento. É esta  capacidade algo do que se nos demanda con máis intensidade ás Universidades para que o coñecemento e a cultura transcendan os nosos muros e enriquezan a toda a sociedade.

E finalmente, last  but not least , é unha feminista convencida e loitadora non só pola introdución de medidas a prol da igualdade, senón, indo máis aló, polo cambio das estruturas de poder que seguen a estar masculinizadas. Iso supón pasar do poder como se se tratar dun obxecto de propiedade que só moi poucos poden posuír, (na súa maioría homes) a considerar o poder como un atributo, ou como un verbo, (empoderar) non como unha propiedade, tal como se defende en Women and power. (2017)

Nesta mesma liña, uns anos antes escribiu The invention of Jane Harrison, unha das primeiras mulleres en acceder a un posto de profesora na Universidade británica.

Se aplicamos a mesma mirada para a nosa Universidade, tamén neste 2023 estamos de centenario. En 1923 Luisa Cuesta Gutiérrez remataba os estudos de Dereito na nosa Universidade, onde cursou dende 1921 a 1923 15 materias, acadando en 11 delas a cualificación de Sobresaliente. Foi a primeira muller en facer estudos de Dereito, neste mesmo edificio no que nos atopamos, a onde chegara tendo o su primeiro destino na Biblioteca da nosa Universidade, logo de acceder por oposición ao corpo de Bibliotecarios, Arquiveiros e Arqueólogos.  Rematados os estudos exerceu como profesora auxiliar, a primeira da nosa Universidade, dende 1924 ata 1930, en que se traslada a Madrid para dirixir a Biblioteca Nacional. Durante ese anos colabora activamente co Seminario de Estudos Galegos, ao que xa nos referimos e co que comparte centenario, estudando e publicando traballos sobre a historia da emigración a América, que foi o obxecto da súa tese de doutoramento.

Con anterioridade, entre 1918 e 1921 fora profesora na Sección de Historia da Facultade de Filosofía e Letras de Valladolid, onde rematara en 1918 os seus estudos universitarios. Luisa Cuesta foi quen de abrir as primeiras fendas  por onde trapasar, ela e as que viñeron detrás, os muros pétreos dunha Universidade ata daquela monopolizada polos homes.

Por un feliz acaso, Luisa Cuesta era tía doutra ilustre integrante do cadro docente da nosa Universidade, a profesora Pilar Vázquez Cuesta, primeira ocupante da cátedra de Lingua e Literatura Portuguesa, que destacou, como o profesor Ivo Castro, no empeño en tecer vínculos de colaboración e de recoñecemento mutuo entre o mundo académico portugués e o galego, o que, por outra banda, a fixo merecente de ser investida como doutora honoris causa pola Universidade de Lisboa.

Pasaron 100 anos das efemérides que hoxe lembramos, e temos que seguir loitando porque, como nos di Mary Beard, "sen lugar a dúbidas, a creación de garderías nos lugares de traballo, os horarios compatibles coa familia, os programas de orientación e toda clase de recursos prácticos son elementos integradores, pero non son máis que unha parte do que hai que facer. Se queremos dar ás mulleres como xénero -e non só como individuos concretos- un posto dentro das estruturas de poder temos que reflexionar sobre como e por qué pensamos do modo que pensamos.  Se hai un patrón cultural que funciona precisamente para despoxar de poder ás mulleres  ¿cal é  exactamente e de onde o quitamos?" 

Só así estaremos en condicións de cambiar esas estruturas de poder.