Ten consideración de formación externa, segundo o artigo 26 do Regulamento do Centro de Formación de Persoal, aquelas accións formativas que, sen estaren incluídas no Plan de Formación de Persoal, están estritamente relacionadas coas funcións que desempeña o persoal da USC, que se consideran de interese, por redundaren en beneficio da súa formación para o posto de traballo, e que foran autorizadas pola Universidade.
Autorización para asistir a unha actividade de formación externa dentro da xornada de traballo
Deberá solicitarse a correspondente autorización á persoa responsable da unidade administrativa a que se pertenza a través da aplicación de rexistro horario, escollendo como tipo de solicitude a ausencia autorizada e como tipo de ausencia, a asistencia a curso de formación.
Financiamento da actividade de formación externa
O financiamento de actividades de formación externa do persoal poderá ser asumido polo Centro de Formación de Persoal, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias e cando a actividade formativa non poida ser atendida polo propio CFP, ou ben polas diferentes unidades de gasto que entendan esta formación como necesaria.
En calquera caso, non se financiará (art. 26.4 do Regulamento do Centro de Formación de Persoal):
a) Os módulos, cursos, ou materias, conducentes á obtención de títulos académico de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
b) Os cursos dos mesmos idiomas que se impartan nos plans de formación da USC e no Centro de Linguas Modernas.
c) A asistencia a congresos, xornadas, seminarios ou actividades de análoga natureza.
O financiamento axustarase ao seguinte procedemento:
1. Solicitude ao Centro de Formación de Persoal
O solicitante deberá presentar a súa solicitude xeral a través da Sede Electrónica da USC co asunto “solicitude de financiamento de formación externa”, como mínimo con quince días de antelación con respecto ao inicio da actividade formativa e acompañada de:
- Un informe xustificativo que acredite a necesidade da formación para o correcto desempeño das funcións do posto ou para o desenvolvemento dun plan ou proxecto aprobado na USC, asinado pola persoa responsable do servizo ou unidade correspondente.
- Toda a información e datos sobre a actividade formativa: título da actividade, organismo convocante; obxectivos, programa (contidos, docentes, etc.), lugar, datas e horario de realización; importe da matrícula e outros gastos necesarios (transporte, aloxamento, manutención) de ser o caso.
2. Decisión do Centro de Formación de Persoal
O Centro de Formación de Persoal (CFP) notificaralles á persoa beneficiaria e á persoa responsable da unidade á que está adscrita a decisión de autorizar ou denegar o financiamento, nun prazo máximo de 15 días naturais desde a recepción da solicitude e, en todo caso, antes do inicio da actividade formativa.
En caso de autorización, o Centro de Formación de Persoal adiantaralle á persoa solicitante o importe correspondente á matrícula ou inscrición na actividade. .
3. Obrigas das persoas beneficiarias
No caso de que o CFP autorice o financiamento da formación externa, a persoa beneficiaria deberá:
- Tramitar e pagar a inscrición e matrícula na actividade, así como aboar os custos dos medios de locomoción, aloxamento e mantenza.
- Asistir á totalidade da acción formativa e, de ser o caso, realizar a proba final de aproveitamento. A non asistencia só será xustificada por causas de forza maior debidamente acreditadas. Se non é xustificada, poderá ser penalizada e suporá, en calquera caso, a devolución íntegra dos importes recibidos da USC polo concepto de matrícula/inscrición, e que non se aboen os demais posibles gastos relacionados coa actividade formativa.
- Achegar ao Centro de Formación de Persoal, unha vez finalizada a acción formativa, os xustificantes de asistencia, o certificado de aptitude e as xustificacións dos gastos xerados, de cara ao reintegro das cantidades adiantadas.
- Aplicar os coñecementos adquiridos nos cursos na mellora do desempeño do traballo e facilitar a súa transferencia ao resto do persoal da súa unidade.