Ir o contido principal

Cultura

A USC conta cun programa cultural propio que impulsa, por un lado, a participación da comunidade universitaria en actividades estables de teatro, música, danza, cine ou fotografía, e, por outro, incentiva con axudas e asesoramento a actividade cultural de creadores galegos. Todo isto no marco dun rico contexto cultural, definido polo uso da lingua galega, e no que conviven as tradicións coa creación máis contemporánea.

A Área de Cultura da Vicerreitoría de Igualdad, Cultura e Servizos da USC pon a disposición de toda a comunidade universitaria diversas iniciativas culturais nas que se pode participar como público, pero tamén como intérprete. A Universidade conta cunha orquestra sinfónica, dúas compañías de teatro, espazo de danza, fonoteca, espazos para fotografía e cine en Santiago de Compostela e en Lugo, e un programa de astronomía.

Por outra banda, Galicia ten unha riquísima oferta cultural, tanto no ámbito da cultura tradicional como no da creación contemporánea. No portal da Consellería de Cultura, Educación e Universidade podes atopar información sobre os grandes programas culturais que se desenvolven en Galicia e acceso ás webs de museos, bibliotecas e centros de creación en artes escénicas e musicais, artes plásticas, ou fotografía e cine, entre outros ámbitos.

Tamén atoparás información sobre o patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia, entre o que sen dúbida destaca o Camiño de Santiago, nas súas múltiples variantes. Tamén cómpre destacar o importante patrimonio arqueolóxico de época romana da cidade de Lugo, na que destaca a muralla, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Parte esencial deste patrimonio cultural é a lingua galega, cuxo uso impulsa a USC a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, que ofrece servizos tanto aos galegoparlantes como aos recén chegados que quere aprender galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2022.