Hai catro anos a CIG presentouse ás eleccións sindicais co lema “Malos tempos para a lírica”: estabamos ás portas das eleccións e o escenario de incerteza era desacougante, cabía a posibilidade de que PP e VOX puideran conseguir os votos necesarios para pactar un goberno de coalición, e neste contexto calquera proposta de programa que presentásemos podía quedar en papel mollado, porque probablemente cambiasen as prioridades máis cedo que tarde. Tiñamos, por outra banda, un novo equipo de goberno, un cambio desexado por moitas e moitos de nós, que axiña acabou sendo unha profunda decepción.
A esperanza de que a USC gañase en transparencia, de que se deixasen de tomar decisións irracionais e arbitrarias, de que se puxese un pouco de sentido común nun cadro de persoal desestruturado, de que se negociasen criterios obxectivos, de que se respectasen os marcos de negociación...de tantas e tantas cousas, foise esvaendo en moi pouco tempo.
No canto de aproveitar a ocasión para realizar unha política de PAS diferente, o novo goberno dedicouse a reproducir o peor dos vellos esquemas: a realizar modificacións de RPT incoherentes, atendendo peticións como se dunha radiofórmula se tratase, a crear agravios entre os colectivos e dentro deles, ou a pactar antes de chegar ás mesas con quen se prestase a facelo.
Que se fixeron cousas e se chegou a acordos? Por suposto. Que dende o punto de vista da CIG a algúns acordos non se debeu chegar nunca, e que a responsabilidade non está só no tellado de xerencia?, tamén; pero o PAS é soberano e escolle a súa representación.
Con todo, os pasos cara adiante que se deron na discrecionalidade, no uso do nepotismo, na confrontación entre colectivos e no agravio entre eles, do mal ambiente que acabaron creando en toda a estrutura do PAS, do nivel cero de tolerancia coa discrepancia e da adopción das malas formas e do rancor como o estado normalizado, son totalmente inaceptables.
Non axuda tampouco como fomos entrando aos poucos nun campo de xogo no que nunca gaña o equipo visitante, permitindo que se desdebuxasen os marcos de negociación, perverténdoa, e desmantelando a forza da representación unitaria do persoal.